sábado, 31 de diciembre de 2011

VER RIR

A CÁMARA enfoca un cine no que os espectadores, metidos na pantalla, seguen as peripecias do protagonista en apuros salvado polo seu can. Comeza o cine dentro do cine. Comeza a película. O seu título: The artist. Dende as primeiras secuencias, vostede comezará a ver rir como se cadra nunca viu. E rirá contaxiado por tan luminosa risa. Non a gargalladas, non, en silencio, porque aquí case todo é silencio, sobran as palabras. Pero non só rirá: seguirá a trama sen necesidade nin dunha palabra, case ata sobran os mínimos letreiros que se sobrepoñen á imaxe; saboreará sen temor a inxenuidade da historia; perdoará o previsible do desenlace; desculpará o lineal argumento. Envolto nunha banda sonora magnífica deixarase ir do riso á pena, do fracaso á esperanza, de emoción en emoción, sempre, sempre, alumeado pola risa de Jean Dujardin, que se sae da pantalla, tamén de Berénice Bejo, pero máis do primeiro.
Ten moitos méritos a película, leríano xa en moitas críticas que a aplauden. Un non menor é o atrevemento cunha película muda nestes momentos de efectos, dimensións e técnica todas ao servizo das mil marabillas. Confiar na música e no ritmo da imaxe, na interpretación dos actores e na sabedoría da cámara para expresar unha historia así, dá mostras da fe e seguranza que o director tiña no seu proxecto. Tal vez por iso do principio ao fin, a película é unha lección de cine, de contar historias con imaxes, de utilizar luz e movemento, dirección de actores e todo o que un equipo de filmación esixe para lograr tan fermoso resultado. Aínda que nada máis fose por ver a maxistral escena na que Berénice Bejo entra no camerino do actor no seu momento do triunfo, sendo aínda ela unha aspirante soñadora a actriz, e se abraza á chaqueta do traxe do seu actor admirado, xa merecería a pena. Pero atopará moito máis: un ritmo harmonioso coma a súa peza musical, encadres axustados que o meterán ata o fondo da historia, pingas de humor e tenrura que nunca lle obrigarán as gargalladas nin ao doce excesivo das bágoas fáciles. Gozará dun pracer suave, plácido, sostible, como agora se di para todo. Un gozo de estética estable, resistente, carente de histerismos. Non sentirá a excitación da gracia fácil, a pena so sentimentalismo sobrecargado, a emoción por remexer no máis alodado do ser. Non. Gozará da risa impagable de quen sabe encher a pantalla de risa. Se este ano xa non lle dá tempo para vela, non se apure, comezar o novo véndoa, tamén será un bo inicio. Porque se algo necesitaremos para o 2012 é rir. E non o dubidemos, canto máis vexamos e nos vexan rir, máis riremos. Así llelo desexo a todos aínda que a miña risa, por máis que me esforce, nunca poida parecerse á de Jean Dujardin. Feliz ano.

1 comentario:

  1. Sorrisos hainos moi belos,e ti sabes facer que a xente ria (en xeral)

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.