miércoles, 7 de diciembre de 2011

O PAI COMO HEROE

      A PESAR de que en moitas entrevistas intentei saber de seu pai, o adolescente regateaba entre silencios e respostas vagas para non me dicir nada del. Inútiles resultaron as miñas estratexias –débiles, sen dúbida– de entrevistador para conseguir que me transmitise aínda que só fose unha lixeira idea da figura paterna. Ten traballo neste momento o teu pai? Silencio. Non sabes? Silencio. Vive contigo e teus irmáns? Si. Xa fala español ou galego ou fas ti di intérprete? Si. Si que? Fala el ou fas ti de intérprete? Que é interprete? Axúdaslle cando ten que se entender con alguén porque non fala español? Si. Podería el pasar polo instituto para falar comigo? Silencio. Vendo que non me movía da fochanca na que me metera, tratei de buscar algunha fórmula máis efectiva.
Por aqueles días lera unha entrevista co director de cine Santiago Ahuanojinou Zannou (El truco del manco, La puerta de no retorno) na que me chamou a atención a claridade coa que explicaba a súa situación de mozo desarraigado, incómodo co contorno sendo das primeiras xeracións de negros nacidos aquí. Explicaba que carecían de referentes para se sentir orgullosos, que experimentaban o rexeitamento dos compañeiros de escola e, sobre todo, que eran presa fácil para se deixar atraer polo modelo de maiores que fan diñeiro fácil coa delincuencia e coa droga. Atribuía esta tendencia a que consideraba que o se pai era un fracasado. Dicía: "Los hijos de los inmigrantes tenemos una falta de orgullo hacia nuestro padre porque no nos ha podido dar las mismas cosas que reciben otros. Y a esa edad piensas que tener más es tener más valor. Y durante mucho tiempo damos la espalda a nuestras raíces porque no vemos en ellas la riqueza occidental. Me decían que mi padre era un caníbal, que los blancos son mejores que los negros, que los negros no sirven para nada. Y tu ves que tu padre se está rompiendo la espalda trabajando y acabas pensando que tienen razón, que es un fracasado". Ahuanojinou conseguiu superar este desarraigo volvendo ás raíces e descubrindo que para saír da aldea de seu pai, sen nada, e lanzarse ao mundo disposto a todo por mellorar, hai que ser un heroe. Eu chamei de novo ao adolescente esquecendo toda a miña batería de preguntas inútiles. Agora andamos estudando o itinerario dende Casablanca para chegar á aldea da que procedía a súa familia. Imos con calma, eu coñezo pouco da súa xeografía e costumes. Pero o mociño a cada paso ten máis que contar, deuse conta da miña ignorancia sobre o seu modo de vivir aló, antes de viaxar xunta nós. Gústalle que eu aprenda. Agardo o día no que descubra que seu pai é un heroe. Porque seguro que o é.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.