lunes, 19 de diciembre de 2011

O BOLÍGRAFO

SÓ SENTARSE, a ansiedade do mociño saltaba á vista. Non atopaba acomodo no asento, xiraba unha e outra vez o corpo dun lado ao outro, mordía nas uñas, expresábase en frases curtas, cortantes, case iradas. Sen tempo nin a conxeniar deu en enredar cun bolígrafo que pillou do bote no que gardo varios. En primeiro pasouno dunha man á outra coma se houbese detrás do movemento algunha intención, axiña me decatei que ningunha: só entreter a ansiedade. Comezou a premer no botón que apuxa na punta unha e outra vez con tanta velocidade que me permitín advertirlle: se segues así, poida que o bolígrafo non resista. Que non vai resistir, retoume seguro, non lle pasa nada. Ao pouco pasoulle todo: escagallouse coma se por maxia alguén descompuxese as súas oito ou dez pezas nun único sopro.
Sen necesidade de o recriminar adoptou unha postura positiva: non pasa nada, isto arránxoo eu agora mesmo. Animeino a que o fixese co meu silencio e sorrindo. Non rías, tío, que si, que son moi mañoso, replicou ao meu silencio que entendeu escéptico. E con decisión comezou cos seus dedos nerviosos a encaixar as pezas. Non resultou tan fácil como pensaba. A barra coa tinta, o cilindro flexible dentro do que debería introducirse e o envoltorio de pasta externo encaixaban ben, pero dúas ou tres peciñas miúdas que activaban o clic para o seu funcionamento non acababan de encaixar. Despois de varios intentos recorreu aos dentes para unha operación que non merecía tales instrumentos, tirou con forza dun fío plástico que se podía manexar cunha uña, e mostrou as primeiras evidencias de cansazo, frustración e cabreo. A pesar ou precisamente por usar dentes e forza bruta, o mecanismo non funcionaba. O desánimo callou e non o dubidou: amañou o imprescindible para que se sostivese aparentemente e, con disimulo, devolveuno ao bote xunto cos outros. Aí si que me vin obrigado a intervir: ao final deixalo estragado, non es capaz de arranxalo. Son tal, o que pasa é que... Por que non o segues intentando?, a min paréceme que xa estabas a piques de o conseguir. Miroume para comprobar se as miñas palabras de confianza eran sinceras e colleuno para dedicarse outra vez a intentalo. Con calma, animeino, non temos présa. É que a min o que me falta é paciencia, o outro día púxenme a arranxarlle unha vasoira a miña nai e como non daba, cabreeime, rompina e tireina. Pois hoxe non tires o bolígrafo, bótalle paciencia. E botoulla. Mentres atendín unha chamada telefónica, o bolígrafo quedou perfectamente reparado. Premeu diante dos meus ollos tres veces seguidas para que comprobase a precisión coa que funcionaba e soltoume moi orgulloso: son ou non son mañoso?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.