Cando vía a Dolores De Cospedal nunha comparecencia como xefa do seu partido, dábame voltas a mesma pregunta na cabeza: onde vin eu a esta muller, onde está o seu lugar exacto? Lendo estes días que regresa a serie «Mad men», caín da burra. Aí, aí é onde sempre imaxinei a esta muller, na oficina de publicidade, como xefa de secretarias, con esa estética de elegancia fría, de beleza impenetrable, corrección á que non se lle move un cabelo, coa distancia e friaxe propias dunha secretaria con experiencia, coñecedora de todas as interioridades dos xefes, atenta e disposta a todo por manter o seu rol de poder na oficina. A pulcritude da inane corrección chega ao punto de confundirnos, non sabemos se fala un ser sofisticado, artificial, creado por e para a corrección inquebrantable ou unha muller de carne e óso, con marido, que gana máis de 400.000 ao ano, ambiciosa e con moito poder dentro do partido e todo na comunidade de Castilla La Mancha.
Que ten marido parece probado. De Cospedal, igual que Villalobos, Aguirre e Santamaría ten o mérito de ser política á que se lle pega marido, non ao revés como acostuma a ser. (Botella nunca poderá facernos esquecer que é muller de, e por parte do Psoe, quen fora todopoderosa, a vicepresidenta agora desaparecida agás nun lóstrego final para confirmarnos que existen bos cirúrxicos plásticos, nunca se lle asociou marido aínda que si un magnífico fondo de armario). Andan moi pendentes agora os medios dos maridos destas mulleres con poder, como se estando á súa beira se fosen aproveitar de vantaxes inadecuadas. Non o creo. Demostrouse coa Thatcher e con Merkel que os maridos saben adaptarse a un segundo plano ás mil marabillas. Aquí non han ser menos. Que De Cospedal se bandea ben nas alturas do poder, á vista está: gaduñou ata a cima calada e nela segue sen que ninguén lle tusa. A non ser que Arenas, desenganado de que nin á quinta será presidente de Andalucía, se lle dea por escaravellar intentando regresar ao pasado. E que goza duns emolumentos substanciosos ela mesmo o dixo, non serei eu quen dubide das súas boas mañas para traballando tanto, merecer tanto.
Nunha enquisa desas que con frecuencia se realizan para encher páxinas por encher, preguntábase aos españois con que política estarían dispostos a correr unha aventura. Saben a quen elixían maioritariamente? Atinaron: a De Cospedal. E creo saber a razón: latexa no inconsciente erótico masculino o desexo pola secretaria perfecta de «Mad men». Claro que moitos dos que contestaron elixíndoa a ela como soño luxurioso probablemente non visen a serie pensada por Matthew Weiner, pero no arquetipo colectivo do varón medio aínda aniña a fantasía da aventura coa secretaria perfecta: pulcra, atenta, coñecedora dos desexos e necesidades do xefe mellor ca el mesmo, previsora, leal, discreta, por ela nunca se ha saber nada. Se cadra por iso gusta ou se soporta ou se lle aguantan á dirixente do PP esas comparecencia baleiras, planas e previsibles que a calquera outro non se lle perdoarían. Por que atendemos aínda que só sexa unha miga a un busto que fala sen dicir nada, nin seria nin sorrindo, nin aberta nin pechada, inmutable, imperturbable? Por idéntica razón a que ninguén se atreve na oficina coa que coñece as interioridades de cada membro do grupo, coa que escruta no máis fondo dos intereses e ambicións de cada un, coa que manexa e trama os fíos de cada movemento, ascenso e despido.
En canto á estética, non ignoro que De Cospedal viste co gusto e discreción dunha dama actual, pero corresponde no íntimo á estética daqueles executivos ao Don Draper, rodeados de secretarias listas, dispostas en poucas décadas a desprazar ao elegantísimo Don do seu despacho principal. A nosa política probablemente xa non ocupase na serie o papel de xefa de secretarias, ascemderçoa sen complexos a un dos despachos principais e mesmo podería ter ao seu carón como asesor a un mozo esperto acabado de saír do forno dunha universidade americana, pero non nos enganemos: o seu lugar está aí, en «Mad men». Usa idéntico perfume, peiteado, maneiras. O estilo vén dende aqueles tempos. O «élan vital» que move a súa figura pública aliméntase nas pulsións daquela febre. Por iso nos sentimos unha miga paralizados, consentidores, á expectativa, sorprendidos. Ninguén se atreve a criticala en serio. Non di nada. Nunca se lle coñeceu idea algunha. Non destaca por nada. Pero... Por algo estará aí repetindo día a día as píldoras informativas frías, anódinas, prescindibles, correctas. Que non viron «Mad men» e non saben a que me refiro? A que agardan para vela? Non tardarán en identificar a De Cospedal con algunha das mulleres que alí aparecen.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.