É OPINIÓN bastante aceptada recriminar aos nosos políticos polo tempo dedicado ao descanso. Coa que está caendo, dise, a quen se lle ocorre marchar de vacacións, coa necesidade que o país ten de que se ocupen intensamente da súa mellora. Fai falla ser lacazán e lambón, expresan os máis agresivos, a piques dunha desfeita aínda máis grave, os políticos de folganza. Reparan en que o ministro de Agricultura se dea aos praceres da auga fresca mentres arden montes a eito; en que o presidente pasea polo Salnés ou viaxa a Doñana, cando debería vixiar a Bruxelas, Roma ou Berlín día si e outro tamén, intentando aminorar as desgracias que nos agardan; en que o ministro ou ministra do ramo correspondente non opina nin se sabe sobre a súa encomenda durante gran parte de agosto. Non deixan de ser desafogos improcedentes.
Á vista de como se están producindo os feitos, máis ben parecería que o mellor que deberían facer os políticos é dedicarse a unha vacación máis prolongada. Dicir o presidente que collía vacacións e a bolsa estabilizarse e a prima de risco descender foi todo un. Deixar de facer declaracións os ministros de Economía e Facenda e tranquilizarse os mercados unha coincidencia sospeitosa. Claro que os mercados tamén veranean e xa se sabe que están ao asexo para lanzarse coma feras en calquera momento, pero se cadra gústalles máis cando os políticos principais están caladiños que cando pola mañá menten coa boca pequena e pola tarde a boca chea; se cadra prefiren que non enreden coas decisións que proveñen de Europa e que non a lien prometendo que non vai ocorrer o que todo o mundo sabe que xa ocorreu. Visto o ascenso da bolsa e o descenso sereno da prima de risco, son da opinión de que o Goberno debería coller vacacións sen medo. Inhibirse de comentar nin prognosticar nada. Manter a Montoro agochado en Xaén, permitir un mes completo de piloto automático da vida política. Xa se sabe que ás veces as cousas máis complicadas o mellor é deixalas polo seu propio pé, nin por máis celo se chega antes á solución. Deixémoslles que gocen das súas vacacións a ver se recapacitan e lles volve algo dese sentido común que dicían dominar coma ninguén e gobernan como Deus manda, que era o seu programa. Porque se gobernar como Deus manda é o que viñeron facendo ata o de agora, case mellor que gobernen como manda o demo.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.