lunes, 13 de agosto de 2012

NON TODO FOI INÚTIL


DURANTE os anos precedentes, non todo foron construcións faraónicas e inútiles froito da corrupción. Á beira de aeroportos sen viaxes, auditorios sen concertos, polideportivos cubertos de silvas e institutos de ensino creados innecesariamente para cumprir alegres promesas electorais, tamén se crearon espazos, zonas verdes e reconstrucións de cascos históricos que deberían enchernos de orgullo. Chega con ver a evolución das cidades e vilas de Galicia nos últimos trinta anos, se salvamos, claro, auténticos despropósitos. Non é certo que todos malgastasen, nin que foran corruptos, nin que a maioría vivise nunha orxía de novo rico. Corruptos foron algúns políticos menores; por riba das súas posibilidades, especulando con fume, viviron os que agora queren culpar á maioría que nin pinchou nin cortou cando se tomaron decisións de peso e como novos ricos só se comportaron os que fixeron cartos a feixes con catro manobras de pícaros, non de empresarios nin de traballadores, en dez anos de fantasía económica.
Certo que moitos cartos chegados da UE coa finalidade de alcanzar o nivel de vida dos mellores en Europa non foron utilizados correctamente. Lóxico o enfado dos países que tiveron que aportar máis. Pero tamén é pertinente aceptar que se realizaron grandes obras e servizos comunitarios que deberiamos gardar coma ouro en pano á espera de anos de vacas gordas. Hoxe as nosas cidades e vilas contan con espazos comúns, paseos, portos, rúas para peóns, edificios para servizos comunitarios, zonas verdes e campos de xogos que dá xenio velos e serven para amosar a mellor cara dunha sociedade: respectado o medio, procurando espazos para a comunicación, para a prevención da saúde. Como exemplo, son múltiples as rutas á beira dos ríos, paseos que circundan cidades a carón do mar, prazas para a convivencia utilizados por cidadáns de tódalas idades e condicións que deberían contentarnos para recoñecer que non todo foi guindar os investimentos polo vertedoiro. Mágoa que aínda non exista a educación necesaria entre a cidadanía para respectar e coidar con mimo eses bens comúns. Dá pena ver que aínda hai irresponsables que rompen e ensucian estes elementos comúns, que obrigan a manter pechados os baños, que estragan coma nenos malcriados vallas e bancos, esculturas ou zonchos que tanto nos custaron e tanto ben social poden seguir prestando.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.