sábado, 11 de agosto de 2012

O PRIMEIRO MAR

A mediados dos anos cincuenta do século pasado vin por primeira vez unha cidade. O transplante do campo a cidade foi brusco. De non ver máis ca prados, chousas, camposas e carballeiras, saltei, grazas á maxia dunha viaxe infantil interminable (só 65 quilómetros), a unha cidade enorme, sen medida, plantada de edificios moi altos e traspasada por unha circulación perigosa de vehículos insensibles que non respectaban a ninguén (A Coruña). Os sentidos non tardaron en se afacer a tal asombro, se por algo nos caracterizamos é pola capacidade de adaptación, sobre todo a idades temperás. Axiña apliquei os esquemas de orientación dos camiños e carreiros ás rúas imprescindibles para me mover arredor da casa e o oído aleuto diante da natureza á agudeza para sortear os automóbiles cruzando no momento preciso; pronto descubrín que vivir nun sétimo non era máis difícil que a ras de chan, que falar cos nenos e adultos da cidade non ofrecía maior inconveniente, se salvamos que ás veces os sorprendía con algunhas palabras que lles soaban estrañas, a min as deles acaéronme de contado, sen notar malestares por pasar dunhas a outras. Pero houbo un descubrimento tan impensable como grandioso que si perdurou no meu modo de ver: o mar. Meu pai decidira levarme a dar un paseo ao caer da tarde. Da súa man andamos unha miga por Juan Flórez e chegamos á Praza de Pontevedra. Aquí, coma se necesitase previrme diante do que se aparecería aos meus ollos, aclaroume: Agora vas ver algo moi grande meu fillo, nunca tal cousa viches. Máis grande que a agra do Outeiro?, pregunteille inxenuo. Moito máis, xuntas todas as agras do Outeiro que poidas meter na cabeza, todas xuntas, mira ben o que che digo, non daría a medida do mar. Meditando en tamaña grandeza xa caemos en Riazor e ao ver tanto manto azul ondulado e chispeando en liscas brancas de escuma, tan interminable, tan escuro a medida que se ía prolongando o mirar, con tanta tebra ao lonxe, agarrei con canta forza puiden a man de papá. Grandioso, asombroso, maxestoso, impensable, si, pero algo máis: entroume medo. Que podería habitar na fondura das súas augas? Quen sería home a meterse dentro da súa largueza? Como arar, segar, pacer ou calquera das outras faenas que na terra se realizan na inestabilidade e brandura de tan longa masa de extensión inútil? Para que quererían os da cidade o mar (daba por descontado que na aldea non podería existir)? Paralizado polo asombro, meu pai informábame do que supuña podería responder á miña curiosidade. Enredado nos meu pensamentos non o atendía moito, excepto dunha vez que algo me pareceu entender sobre a posibilidade de se bañar, algo moi gustoso e refrescante para o verán. Como era verán, adiantándome a calquera posible invitación, neguei sen vir a conto: eu aí non me meto. Parviño, ría meu pai, se non dá medo ningún, xa verás, heite traer polo día, a praia está acugulada de xente que se vén bañar, e verás como brincan e corren e se meten na auga sen medo ningún... Eu aí non me meto, rompinlle o discurso. Entendendo a miña ansiedade, abandonou o adestramento pasando a contarme de barcos máis grandes ca tres, catro e ata sete casas xuntas cruzando serenos tanta largura de auga. Disimulado o medo máis irto polo misterio intrigante e unha miga de incredulidade abandonamos xa noite a primeira visita ao mar. Na cama seguín cavilando e intentando comprender tal enormidade natural. E non só esa noite, moitas ao longo da infancia estiveron dominadas polo misterio do mar. Antes de durmir aniñaba ben a cabeza na almofada, cubríame coas sabas ata o nariz, debía de ser polas néboas de alta mar, e abandonábame ás aventuras, travesías, perigos, medos, loitas e tempestades que naquel medio se tiñan que dar en tal cantidade como para non dar parado nunca de pensar nin de soñar. A medida que o fun coñecendo, familiarizándome coa praia e bañándome, fun quen de imaxinar escenas e aventuras máis pracenteiras e ociosas. Sen embargo, por máis que o intentase, xamais escapaba durante as imaxinacións de antes de durmir dalgunha escena terrorífica e dramática: un barco á deriva, uns náufragos arrastrados a unha illa deserta, unha tempestade rabiosa e tronante capaz de fender sen piedade o barco máis longo, o máis forte, o máis protexido. Nada nin ninguén se salvaba diante do mar. Os heroes sucumbían diante da súa furia coma monecos covardes, os ventos facían virar e revirar a un transatlántico coma se unha casca de noz caese no remuíño dun río, os peixes máis monstruosos ensinaban os seus afiados dentes chorreando sangue despois de mastigar en tres bocados a un home dos máis grandes e fortes. Ningunha película de terror necesitaba para antes de durmir. Permitir que a imaxinación e fantasía se mesturasen nas augas frías do mar era suficiente para entrar no camiño do pánico. Cunha vantaxe: eu era quen controlaba os fíos do relato. Deixaba avanzar o medo ata onde me conviña, termaba del con firmeza, estendéndoo ao límite, experimentando o gusto da fronteira do non soportable, pero gardando en min a decisión de retroceder cando sospeitaba que se me podía ir do control e dominarme. Cos anos e co correr da vida, sen nunca ser home de mar, vin moitos. E esquecín todas aquelas aventuras de antes de durmir. E contrastei a evidencia da súa dureza co beneficio da súa riqueza. Pero aínda é hoxe o día no que ao me pór a soas diante del, miralo, quedar en silencio e comigo mesmo, os dous fronte a fronte, sinto o calafrío daquela viaxe da man de papá ao anoitecer na que experimentei a grandeza, o poder e o medo diante do primeiro mar.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA



                                                                                          Foto de Pablo Suárez Alonso

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.