CALMA. Xa podemos respirar tranquilos. O fútbol está aquí. Sábados, domingos, luns, día, tarde e noite, podemos entreternos e liberarnos cos ídolos intocables, cos deuses dos pés de barro aos que nin un triste medio se atreve a desprezar. Arredor do fútbol está a atención plena, o negocio, os sustento das televisións, sen que ninguén, nin os inspectores da Facenda nin da Seguridade Social, sexan capaces de atreverse co descaro da súa débeda. Non hai político que non acuda ao palco da súa cidade, que malgaste na construción dun novo estadio ou que non favoreza aos grupos de afeccionados que se desprazan para defender as colores da identidade dunha vila, cidade ou nación. Tanto ten que a ideoloxía sexa de dereitas ou de esquerdas, nacionalista ou cosmopolita, en canto se toca o fútbol, todos a unha tapan o nariz e os ollos e nin se lles ocorre aplicarse con idéntica resignación á que, "porque toca hacerlo, nos guste o no nos guste", se axusta en sanidade ou educación.
Que os nosos mozos máis preparados emigren a Europa por soldos cativos e nós importemos figuras futbolísticas por soldos astronómicos é algo co que a algúns lles parecerá demagóxico argumentar, a min paréceme un auténtico escándalo que non se denuncie. Que os soldos destes ídolos e modelos para a nosa mocidade alcancen cifran tan elevadas e, peor, que gocen de privilexios fiscais, é algo difícil de explicar. E moito máis que equipos endebedados por enormes cantidades coa facenda pública poidan permitirse fichaxes e emolumentos para estes astros efémeros que, se son inadmisibles nos dirixentes banqueiros, non deixan de selo nos que enchen estadios, por máis que se intente tapar con que xeran riqueza. Tamén se nos quixo vender que os últimos triunfos da selección española eran un revulsivo para economía e para a marca de España no estranxeiro. Ben pouco durou o revulsivo e de pouca categoría goza esa marca. Calquera comprende o valor dos símbolos, ningún grupo social carece de mecanismos compensatorios ligados ao xogo e á identidade, pero iso non lles concede licencia para defraudar e insultar con descaro ao resto dos cidadáns que pagan con esforzo os seus impostos. Sábese que dá medo afrontar esta burbulla intocable, pero alguén debería dunha vez atreverse coa evidencia e desinchar esta evasión fraudulenta antes de que teñamos que recoñecernos como idiotas.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.