lunes, 28 de enero de 2013

ACADÉMICA FINA

Aledeime moito cando souben que nomearon a Fina Casalderrey académica da RAG. O que non ten demasiado mérito pola miña parte, pois ela foi e é sempre moi amable comigo e a miña obra e eu téñolle aprecio e son agradecido. Pero se digo que canda min, tanto ou máis, se aledaron milleiros de nenos, mestres, lectores e literatos teño a seguridade de que non me equivoco. Porque Fina conseguiu co seu empeño e naturalidade intelixentes afianzar unha carreira literaria firme e convincente, doce e amable, enxeñosa, auténtica e fonda. Non é casualidade que os nenos se entusiasmen e rían coas súas historias acuguladas de tenrura e enxeño, que os maiores envexemos a súa facilidade para achegarse ao carozo dos conflitos sen estridencias nin artificios e que os críticos a recoñezan. A súa literatura ábrese coma unha ventá que mira ao amencer e vaise enchendo de luz e calor nas horas que máis o precisas, nunca chegan a ese sol abrasador que fai suar e proe cando sufoca. Non se fai doce pesado a súa delicadeza, as muxicas de sorriso coas que salpica os seus escritos nunca se exceden para nos facer perder o nó do asunto, a claridade de auga limpa da súa prosa permite mirar a fondura pousada dos temas tratados. Os nenos vense nas súas páxinas porque non os trata de bobos nin diminuídos intelectual ou afectivamente; os adultos aprendemos que na síntese traballosamente alcanzada se agochan horas e anos e vidas de reflexión, de ironía, de saber popular. Con tesón e firmeza, sen desmaio, a literatura de Fina vai esmiuzado con esperanza e fe nos humanos as esencias da vida sen arredarse diante a dor, a violencia, o medo ou o fracaso. Que unha escritora coma Fina chegue á RAG é beneficioso por moitas razóns, con independencia da ledicia que nos cause aos que a coñecemos. Non é trivial que sexa muller. Certo que a estas alturas non debería ser motivo de satisfacción ser ou non muller, pero por desgraza aínda hai que resaltalo. O número de mulleres que participa en cargos representativos nas institucións de calquera índole é ridículo en proporción á valía e desempeño social que desenvolven. Na Academia Galega de maneira evidente. Por iso satisfai en primeiro lugar que a elección caese do lado dunha muller. Pero é que ademais, ao ser Fina a elixida, teño o convencemento de que con ela chegará á rúa Tabernas da Coruña a sensibilidade da muller que alcanza a finura literaria bebendo nas augas do Lérez, nas loitas do profesorado, na experimentación da vangarda pedagóxica, no belo e duro oficio de lles aprender aos nenos e adolescentes, na lingua aprendida nos labores e ledicias da xente que a conservou. As palabras que ela estenda na cociña da RAG han ir enfariñadas de receitas de empanada, bicos de azucre, entusiasmo xuvenil e limpeza de sabas saídas do lavadoiro. Levará prendidos na súa experiencia a tenacidade de quen sabe da fortaleza necesaria para representar unha obra de teatro con cativos e a finura de reter no padal versos con ferida; a apertura que regala ter sempre bo oído – Fina, coma todo bo escritor, ten moi bo oído - para as preocupacións dos estudantes e a madurez da reflexión continuada sobre a nosa lingua e os seus escritores. Repítome: alédome eu e moitos máis ca min do nomeamento de Fina, porque con ela chegarán á RAG as preocupacións de miles de mestres que poñen cada día o empeño e paciencia para educar aos nenos na sensibilidade e gusto polas palabras fermosas e ben ditas; porque con ela irá a coraxe dunha muller á que non lle mete medo espallar as historias que poderían parecer máis miúdas e particulares (coma quen di só dos que viven preto do Cruceiro) ata convertelas en pezas de beleza universal apreciadas por lectores de calquera xeografía; porque canda ela entrarán animais e paisaxes, adolescentes, avoas, labregos, mozos con dúbidas, nenos que descobren o sexo, primeiros amores, lembranzas e cantigas que pousan na súa memoria e nas súas historias. Se ela está, non se evadiran de problemas e medos, ledicias e segredos aos que lles haberá que axustar as palabras apropiadas. Porque o seu mundo enchoupado en esperanza, ledicia e fe na natureza precisa de palabras ben amasadas e peneiradas e cocidas. Esa sabedoría é a que viaxará con Fina Casalderrey cada vez que vaia á rúa Tabernas para ocuparse das palabras da nosa lingua. E por iso nos aledamos tanto.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.