miércoles, 9 de enero de 2013

OPTIMISMO

Pretendía comezar os artigos deste ano cunha peza optimista. Non se pode arrincar coa bágoa pendendo dun fío. Por iso repasei nas noticias máis salientables dos primeiros días do tempo que iniciamos e, con dificultade, logrei atopar un gran motivo de ledicia e optimismo. Direilles cal, pero antes permítanme que lles relate todos os que fun descartando. Pensei en primeiro se me agarrar á esperanza que nos pretende transmitir Rajoy con iso de que cara o remate do 2013 entraremos en período de crecemento. A algo hai que se agarrar e non parecía en aparencia mal motivo, pero axiña o descartei por soarme a trampa política. Rajoy colleu a agulla de marear do realismo sucio: poño as cosas moi mal e malo será. Se continúan mal, xa o dixen, son realista, non minto, dígolle a verdade aos votantes; se por algunha razón nos sorprende unha leve melloría, éxito para o bolso, estamos endereitando o estragado por outros, sigan confiando, isto imos deixalo coma unha patena. Por iso non lle fixen demasiado caso ao anuncio e preferín non aledarme nin fundamentar o meu optimismo nesta noticia. Veu para socorrerme neste albor, tamén, a euforia coa que estalou a bolsa. Alza cuantiosa na primeira xornada que podería aledarnos e infundirnos esperanza de cara ao resto do exercicio. Pero á bolsa non me quero agarrar. É mal arrimo. Nada máis traidor. Pensa un que ten o mel nos labios e ao día seguinte prodúcese unha baixada estrepitosa que anula toda fe ou ilusión. Nada máis traidor. O expertos lerán entre liñas e sacarán conclusión a canadas de cada milésima de suba ou baixa en Nova York, Frankfurt ou Londres, pero a min sempre me pareceu un casino incontrolable, agás para os que son donos do casino. Por iso non fiaremos o noso optimismo aos comezos prometedores dos índices das bolsas mundiais. A prima de risco tamén veu na miña axuda. E non menor. A baixada coa que principiamos este ano non debemos desprezala, se algo descenden os intereses cos que nos estamos arruinando ben merece unha ledicia. Pero tampouco é para botar badaladas. Hoxe andamos polos 370 e mañá dálle ao presidente do BCE por esbichar ou á señora Merkel por torcer o fociño e, coma leite no lume, poñémonos de novo por riba dos 400. Mellor non apoiarnos en ledicias deste calibre, soen durar pouco, comportarse de maneira caprichosa e obedecer a regras que aínda os expertos, con moito estudar e profundar nelas, non as dan pillado de todo. En que fundar, pois, o motivo do noso optimismo neste ano que comeza? En algo incontestable: entre nós vive o terceiro home máis rico do mundo, a súa empresa, nin con crise nin sen ela, aumenta os seus beneficios a un ritmo que ninguén dá seguido, o seu creador e máximo accionista convértese cada día que pasa nun home tan rico tan rico que pode permitirse argallar o que queira. Podería, se quixese, pagar el só os intereses da débeda de España. A súa empresa é modelo en todo o mundo. Envéxano nos catro continentes. Estudan os eu modo de produción e distribución. Aprenden os empresarios do mundo da súa flexibilidade, visión de futuro e rigor contable. Non é motivo para o optimismo contar na Coruña coa base desta firma e co seu creador? Xa escoito a resposta do negativo endóxeno: pois non é para tanto, agás os postos de traballo, que son moi de agradecer, tampouco se ve nada excepcional en que home de tanto poder económico viva en Galicia. Nin os seus empregados participan proporcionalmente a tanto beneficio, nin o entorno do complexo é un modelo arquitectónico e urbano que chame a atención ao mundo, nin a universidade da Coruña sae das do montón, nin coñecemos proxecto científico punteiro patrocinado por el que sorprenda ao mundo da investigación, nin se sabe- agás un donativo millonario a cáritas perfectamente amplificado por tódolos medios- de grandes labores sociais, nin que flúan bolsas de estudo excepcionais para os nosos mozos, nin que Galicia se beneficie de modo evidente deste mostro do téxtil. Coma sempre, as filigranas contables, fiscais e financeiras espallan os impostos naqueles lugares onde menos prexudican á empresa – de aí tanto beneficio-, non sendo traballadores nin entorno inmediato uns grandes beneficiarios de tan clamoroso éxito empresarial. Por iso, pensa o pesimista xenético, o motivo de maior optimismo é para o señor Ortega. Os galegos, en proporción ao éxito, notámolo de maneira moi débil. Pensará o que queira o negativo pesimista. Eu necesito un motivo de optimismo para o ano novo e non me parece malo contar entre nós cun dos tres empresarios de máis éxito do mundo. Que repercuta máis ou menos na sociedade galega tamén dependerá de que aparezan ideas e proxectos que poidan entusiasmar e seducir ao terceiro home máis rico do planeta.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.