lunes, 21 de enero de 2013

GALEGO NA FAMILIA


PAIS e dous nenos de entre 9 e 11 anos comparten mesa nunha tarde de verán. Vese que viñeron de vacacións e pasan a tarde, que tornou en gris orballo, tomando unhas bebidas na cafetería na que os observo. Os nenos, tranquilos e relaxados, cóntase cousas e peterrean con naturalidade no idioma vasco. Os pais, ao seu, manteñen a súa conversación en castelán. Cando os fillos se dirixen a eles cambian de idioma e todos se comunicaban en vasco; rematada a comunicación común, os pequenos continúan no idioma do que non se apean e os adultos regresan ao castelán. Algún tempo despois cadroume ter por veciña nun restaurante a unha familia catalá composta por dous avós, pais, unha moza e dous mozos . Agás para se dirixir ao camareiro, nin unha palabra se daba naquela mesa que non fose o catalán. Tanto tiña que tomase a palabra a avoa ou a neta máis nova. Non se escapaba unha expresión en castelán nin por erro. Ao contrario, observei que por dúas veces o pai, ao se dirixir ao camareiro, comezaba a falar en catalán e debía corrixir non medio da frase caendo na conta que probablemente non o entendese. Sobre a reacción de familias galegas cos idiomas teño unha variedade moito máis ampla de observacións, pero chámame a atención unha dinámica que segue a ser moi habitual: os pais falan galego en entre si (non digamos os avós), vese que é o idioma no que se comunican e mellor dominan, pero os fillos, sen embargo, exprésanse entre eles en castelán, e, cando a comunicación vai de fillos a pais ou de pais a fillos, o idioma que domina é sempre o castelán.
Por suposto que os tres exemplos escollidos non deixan de ser anécdotas sen a máis mínima significación estatística, pero bastante ilustradores do que está a acontecer respecto ao idioma nas tres comunidades con idioma propio ademais do castelán. Ninguén parece dubidar de que o catalán é o idioma establecido, apreciado, utilizado e propio da familia catalá, que se transmite de pais a fillos coa naturalidade coa que se pasan os idiomas. Parece evidente que os adultos do País Vasco non dominan con fluidez o vasco, mais todo indica que os fillos si o están recuperando sen atrancos, será o seu idioma no futuro e moitos pais regresarán a el ou aprenderano da boca dos seus fillos. En Galicia, por contra, os datos así o demostran, algo rechía e prodúcese un esgace na transmisión. Por que a familia galega non pon empeño nin garante a transmisión do idioma galego?

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.