domingo, 13 de enero de 2013

RATO E BALTAR

Para todo hai clases. Accións similares realizadas nun contexto ou noutro pasan de ser cacicadas anacrónicas a decisións milimétricas de alta escola de estudos estratéxicos e económicos. Se vostede se dedica a converter a provincia de Ourense no lugar por excelencia onde medran os conserxes, dará a pé a asisados estudos sociolóxicos sobre os restos da conduta caciquil. Se, por contra, contrata a Rato para unha firma multinacional, está apostando por unha decisión propia de empresas con miras ao futuro, na vangarda, pioneira en abrir mercados e maneiras de producir riqueza no século XXI. O relativismo é enfoque non ben visto por moitos pensadores, pero debemos admitir que non é doado escapar ao seu engado. Quen sabe onde está a alfándega entre o mellor ministro económico da democracia en España e o peor executivo dos últimos lustros? Onde radica a raia que rompe o feitizo dun habelencioso político ao que todos renden submisión e un cacique chapuzas ao que os mesmos pasan a mallalo por trapalleiro? Durante a semana xa estarán fartos de oír falar deles, de Rato e de Baltar, pero eu non me resisto a darlle outra volta de parafuso. En que quedamos, foi Rato o mellor ministro de economía dos últimos trinta anos en España ou un mero globo de fume que ao saír polo mundo desinchouse amosando as súas carencias e malos métodos? Foi el ou non o que deu pé a que Aznar se enchese de fachenda e se elevase na punta do pé para dicir “España va bien” ou simplemente o fracasado executivo ao fronte do FMI que regresa para facerse cargo de Bankia e foxe deixándoa na ruína? Os mortais comúns non saímos do noso pasmo. Como pode un elemento desta índole saír de fundir un banco e ser contratado por unha das firmas de máis peso económico ? Que papel pode desempeñar, que axenda e contactos ofrecer, que habilidades raras que o resto dos humanos descoñecemos?Que favores e manobras se traen entre ministros e altos executivos para contratarse, pasar dunha entidade a outra, nunca perdendo, sempre mantendo idénticos niveis groseiros de retribución salarial? Levo anos observando que este país padece dun problema serio de falta de vergonza. Do contrario sería impensable conduta tan ofensiva, irrespectuosa e insultante. Privatizo mentres son ministro, probo fortuna dirixindo (disque de pena) o FMI, regreso para acabar de fundir un banco podre e reengancho na firma de maior proxección internacional para continuar con idéntico grao de éxito ou fracaso (calquera sabe aquí o que é éxito e fracaso) mantendo o meu alto nivel de ingresos, cantidades razoables non chegan para descolgar o teléfono. Este tipo de actividades de altos voos son propias da capital, cosmopolitas, en inglés e con criados de levita. A ninguén se lle ocorre volver ao século XIX e remexer na teoría dos caciques. Trátase de operacións de alto alcance, inexplicables para os traballadores de a pé, fundamentadas nas áncoras onde se moven os arcos que fan fluír a economía do mundo. A nós dásenos por pensar en presuntos malversadores e ineptos caras lavadas que se aproveitan sen escrúpulo dos demais, pero en realidade son amos do mundo ben formados, competentes, pouco remunerados para o que en realidade producen, imprescindibles para que a sociedade siga funcionando como funciona. Mal, dirá algún. Si, pero se non fose por eles, están prestos a contestarlle, todo sería aínda moito peor. O de Baltar é distinto. Era un listo de boina que non enganaba a ninguén: un voto, un conserxe. Pero a provincia (que digo a provincia, Galicia) enteira calaba o pico porque voto a voto é como se goberna, se serve á cidadanía e se cambia un país. Por iso calaban os que necesitaban meter o fillo ou a sobriña de conserxe e os políticos que del dependían para seguir entregándose polas estradas do país. Caciquismo puro, si, pero útil. Sabiámolo, sen dúbida, pero todo se foi soportando mentres era quen de seguir creando emprego e dando maiorías absolutas. Agora, cando parece que non crea emprego nin o método Baltar e as maiorías absolutas dependen máis do medo e da resignación inquebrantables dos que dependen da pensión e de que nada vaia a peor, parece que se alzan voces de escándalo e de sorpresa. Baltar non lle chega á Rato nin para lle atar os zapatos, pero ao seu estilo facíase forte e acudía a Compostela para atemorizar ao desaparecido Fraga, con toda a fama de bravo e ogro que o de Vilalba gastaba. O exdono de Ourense non se atrancaba diante de nada. Disque a Aznar non lle gustaba que demostrase ese exceso de populismo que en festas e reunións de irmandade partidaria plasmaba tocando o trombón, pero a el importáballe pouco. Polas rúas e aldeas de Ourense comprobaba o peso do seu método e non se arredaba. Así, ata deixar ao seu fillo a herdanza. Agora, de súpeto, medios e políticos e politólogos e escribidores e exvotantes, todos a unha, rin e critican ter alimentado político tan casposo e anacrónico. Pero que lles dicía ao comezo. Aínda hai clases: este caer da burra dáse con Baltar, nunca contra Rato. O de Ourense enredou por métodos rurais a ser poderoso. O ex do FMI móvese onde realmente se goberna o mundo e alí nin os xornais nin os xuíces teñen nada que dicir.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.