domingo, 13 de enero de 2013

O GALEGO NO GUETO


ENTROU na farmacia canda min. Aposto, vestido de maneira informal, vaqueiro rachado, pano ao pescozo de palestino, simpático e moi coñecido entre as farmacéuticas e os clientes. Só velo entroume un formigo curioso que non daba calmado: de que coñezo a este mozo, onde o teño visto? Como acontece con frecuencia, canto máis me intrigaba, máis despistado me vía. Mentres el departía con todo o mundo nun castelán sonoro e ben dito, repasaba profesións por ver se o encadraba nalgunha. Así estiven até que o atenderon e se despediu co seu sorriso que estaba farto de ver pero non sabía onde. Atendéronme a min, saín da farmacia, como ía frío preocupeime por me cubrir e esquecín a curiosidade, que máis tiña, sería calquera, para que seguir barrenando se estaba claro que non ía caer da burra. Pero caín. Andaría non máis de cen metros e, sen intentalo, veume de súpeto a súa imaxe clara: da TVG, presentador. Acabaramos.
Para desculparme na tardanza en dar coa identificación do mozo, acollinme a que na televisión non parecía tan alto, a que non podía imaxinalo vestido desa maneira, afeito como estaba a velo sempre con roupas máis formais e, por último e non menos importante, porque non me cadraba nel que puidese falar unicamente en castelán como parecía que era o seu idioma cotián, pois coa moza que o acompañaba decateime que tampouco se dirixían palabra en galego. Por suposto que cada quen elixe para comunicarse o idioma que lle peta e domina, pero o significativo neste caso é algo que se está a converter en habitual na sociedade galega: utilizar o galego como liturxia. O político, o presentador, o que actúa de cara ao público en determinados ambientes, por esixencia do guión, igual que se reviste con gravata, americana, estola ou casula, adopta tamén un galego máis ou menos correcto, normativizado, aprendido na escola, e oficia. Rematado o oficio, retira a roupa litúrxica, pousa o idioma ata nova actuación e regresa ao que é realmente o seu estilo de vida: o vaqueiro, o pano palestino e o castelán como lingua para os amigos, as compras e a moza. Víctor F. Freixanes díxoo claro: "Hai que sacar o galego do gueto do ensino e da liturxia das institucións. O futuro da lingua está na escola. Pero non exclusivamente na escola. A lingua ten que estar activa no conxunto da sociedade". Como sacar o galego deste gueto? Velaí a pregunta.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.