lunes, 28 de enero de 2013

EU NON SON AMY MARTIN


A VER se me explico: A Carlos Mulas, prestixioso economista (doutorado en Economía por Cambrigde e en Relacións Internacionais por Columbia), ao que Jesús Caldera puxo como director da Fundación Ideas (un invento encargado de traer grandes pensadores a España co fin de nos abrir a mente para votar ao PSOE), tivérono que chimpar fóra da citada fábrica de ideas porque, segundo un xornalista de El Mundo, periódico onde os haxa descubridor de corrupcións, se inventou un pseudónimo, Amy Martin, co que se cepillou no último ano arredor de 60.000 euros a maiores do seu soldo escribindo artigos non sei se ben documentados, si variados e, desde logo, moi ben pagados. Vanme seguindo? Estando nestas, Irene Zoe Alameda, moza non menos experta e prestixiosa (Doutora en Literatura Comparada, escritora, exdirectora do Instituto Cervantes en Estocolmo, creadora de curtas e cantante) , salta ao escenario para dicir con valentía e publicidade propios de quen está afeita a moverse pola rede global, que non mallen no bo de Mulas (co que parece estivo casada, pero agora separados afectiva e fisicamente), home honesto, traballador e admirable onde os haxa, pois Amy Martin non é máis ca un pseudónimo creado por ela e protexido pola súa axente literaria. Aproveita, pois, Irene Zoe, ademais de realizar unha defensa do seu exmarido, para contarnos a magnífica idea que se lle ocorreu de crear unha réplica dun dos personaxes da súa próxima novela a punto de publicar, por desgraza non recordo título nin editorial, pero se len o seu comunicado alí vén detallado con pelos e sinais. O asunto é máis complexo, pero para nos ir entendendo, basta.
Que sacan en conclusión desta maraña? Se cadra non demasiado porque non me expliquei ben, pero eu si. Observo no PSOE algo que se lles pode aplicar sen medo: Viven oscilando entre o desexo de cambiar as cousas e o de manter o benestar. Moitos dos que protestan do estado das cousas o que buscan é simplemente que o capitalismo os inclúa. Unha vez dentro, coma feras e a por todas. Se cadra Mulas o que pretendía era que a economía fose sinónimo de progreso e Irene Zoe é tan experta en pseudónimos coma Pessoa e tan boa escritora coma Borges, pero a min ao que me cheira o embrollo é a un descaro arribista sen nome, onde pouco importa quen sexa Amy Martin. Iso si: o que lles podo garantir é que eu non son.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.