domingo, 17 de febrero de 2013

DEVOTOS DOADORES

Coma se o levasen no sangue. Cada quen elixe a maneira que mellor lle acae, pero ao que lle gusta doar, doa e non hai máis volta. Para unha clasificación inmediata e unha miga chapuzas poderiamos dicir que os doadores – os de sangue fóra, iso é outra categoría- poden ser de dous tipos: relixiosos e políticos, podendo en cada tipo ser doadores anónimos ou públicos e fachendosos. Os de carácter relixioso coñecémolos todos. Están máis relacionados co mundo rural e o pasado. Pretenden subornar ao santo de quenda con donativos, xa en especie ou con cartos, co fin de conseguir aquelo que tanto ansían, sexa necesidade evidente ou non. Chega con pasar polas romarías de Amil ou O Corpiño para decatarnos de que aínda seguen con fortaleza estes intentos por mover a vontade sagrada en favor das nosas necesidades: protexernos dun mal, aliviar a pena, atacar de raíz unha desgraza. Para iso, sexa á vista de todos ou refuxiándose no silencio, cantidade de devotos presentan exvotos, cobren de billetes o manto das santas ou acugulan os cepillos da igrexa para que logo eses cartos collan os camiños menos esperados. Mais, de calquera maneira que sexa, algo é evidente: o devoto relixioso está disposto a pagar a cambio dun beneficio declarado e ben exposto. A ninguén romeiro se lle ocorre deixar no cepillo da igrexa cen euros sen aclarar previamente ó santo se o que pretende é que non empeore a súa dor de ósos, o fillo atope traballo ou a indecisa da sogra aclare dunha vez de que lado caerá a mellora nas partillas. Máis desconcertado déixanme os doadores a partidos políticos. Respectados e deixados a un lado os doadores de corazón limpo (afiliados que pagan as súas mensualidades, persoas físicas que colaboran por convencemento ideolóxico), o que me sorprende é esa cantidade anónima ou non tanto de grandes empresarios que doan por «altruísmo» (tratan de que o supoñamos) cantidades por riba do permitido legalmente. Resulta estraño de raios ver que grandes firmas doan cunha xenerosidade insospeitada fortes cantidades de euros. Eses mesmos empresarios que se empeñan nun rigor esaxerado e rudo contra os seus empregados, os que controlan segundos, céntimos, vacacións, baixas por enfermidade, que insisten unha e outra vez que hai que traballar máis por menos, sen dereitos nin branduras, son logo os que, á calada, sen inmutarse, deslizan 100.000 euros para o PP (ou para o que sexa) quedando tan tranquilos. Poden negalo. Ou admitilo. Tanto ten. Nunca mostran a máis mínima intención. É a cambio de nada. Só para que os xerentes deses partidos poidan presentar unha conta favorable a fin de ano, para que ás campañas non lles falte burrada ningunha, anden sobrados de estupideces, ou para que os dirixentes dos partidos podan pagarse uns soldos adecuados ao seu sacrificio e espírito de servizo ao país. Nunca pensei que estabamos rodeados de altos empresarios tan desexosos de doar. Tolos como andan coas reformas en profundidade das leis laborais, nunca satisfeitos, todas tan ríxidas e intransixentes coma para non crear emprego, non imaxinaba eu que lles sobrasen milleiros de euros para doar sen pedir nada a cambio. Polo ben da democracia. Para que non deixen de funcionar os partidos de xeito tan aberto e transparente. Por iso case sempre prefiren realizar donativos anónimos, xenerosos, altruístas e silenciosos. Que a man dereita non saiba o que realiza a esquerda. E por iso os partidos levan con tanto sixilo este tipo de relacións. E por isto, tamén, ao fronte das finanzas dos grandes partidos soen estar individuos expertos no manexo das esmolas. Os gardiáns das esmolas relixiosas veñen actuando desde milenios desviando o prezo do suborno cara beneficios propios do terreal, non só de fe vive o home. Os gardiáns das esmolas políticas parece que saben como converter os céntimos en ouro, mover a través das veas dos cartos as transfusións máis podres, esas que manteñen o corpo en aparencia vivo, pero corrompéndose ata feder unha vez que algo de sangue salta diante dos ollos dos espectadores. Irrítanos e fártanos ver a facilidade coa que políticos ceden á tentación destes doadores, pero vai sendo hora de centrarnos algo máis nestes artistas da compra de vontades. Empresarios que presumen de laboriosidade infinita, de preparación elevada, de casta negociadora, cando en realidade non son outra cousa que simples romeiros ataviados de traxes caros e gravatas vermellas comprando os favores dos políticos que din querer gobernar polo ben de todos. Se o romeiro tradicional acode á virxe milagreira para que algo lle arranxe, é impensable que estes «buscadores de obra» regalen algo se non é con contrapartida ben controlada e rendible. Non existe democracia se non se vixía cada movemento, cada euro, cada contrato. Mentres estes doadores presuman da eficacia da súa devoción, seguiremos nun mundo atrasado, supersticioso, inxusto e trapalleiro. Dá vergonza mandar á mocidade estudar en serio para que logo deban demostrar se son bos ou malos en función de que unten mellor ou peor aos políticos que corresponda. Tanta modernidade para andar de xeonllos a Génova cun sobre de cen mil euros no peto disimulando o que todos sabemos...


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.