viernes, 8 de febrero de 2013

INXUSTO EMPOBRECEMENTO

Ao fin caemos na conta da esencia do funcionamento desta sociedade. E non tivemos que ler a ningún novo Kant, nin sociólogo excepcional. Tal e como corren os tempos, quen mellor comprende as trabes do edificio social é un avogado experto en defender causas nas que se moven moitos millóns. Eles son os que conviven a diario coas artimañas, picardías, trucos, vilezas, habilidades e intelixencia para defender no enramado complexo da xustiza a legalidade deste mundo no que non se distingue ben o patio de Monipodio das casas de caridade e atención ao próximo. E así, coma quen non lle dá importancia ao que di, nin declarase nada transcendente, o defensor dos intereses do sr. Urdangarín deixa unha sentenza sintética, definitiva e verdadeira do que se debe protexer: que os inxustamente enriquecidos non corran o risco do inxusto empobrecemento. Como saben de sobra, ese deportista emparentado coa realeza dedicouse a crear da nada sociedades ben estruturadas instaladas no fío da fronteira entre o ben e o mal. Digo fronteira, deixémonos de eufemismos: dilucida o xuíz se pasou a raia cargadiño de millóns de euros por métodos contra toda lei; por iso lle pide a el e a seu socio unha fianza nada miúda que ao parecer non dan xuntado ou non lle compensa xutala. Pois nestas é cando aparece a luminaria do seu avogado para nos deixar a perla do ano: recorrerá ao TC por violación do dereito á defensa ao abocar ao seu cliente a un inxusto empobrecemento. Velaí a ideoloxía do momento destilada nunha píldora de saber: os avogados, os economistas, a xustiza, as leis e os seus parlamentarios, os políticos e os executivos, onde deben concentrar toda dedicación, intelixencia e dilixencia é na defensa desta máxima: que ningún ladrón, pícaro, malcriado, embusteiro, traidor ou pirata, por inxusto que fose o método para se enriquecer, se vexa privado do seu dereito esencial, aquel que reza que nunca se vexan abocados ao inxusto empobrecemento. Miremos con lupa, coidémonos de non cometer o máis leve erro, vixiemos con garantía máximas, non sexa que algún malandrín se vexa abocado ao inxusto empobrecemento despois das falcatruadas múltiples das que se serviu para enriquecerse. Basta un mínimo ollo de atención para captar a mensaxe: as leis da economía e da xustiza tórcense a cada paso de maneira máis evidente. Non están pensadas para lograr a igualdade, a inclusión social, a cohesión, que ninguén se vexa abocado inxustamente á pobreza. Os despachos máis importantes de expertos non traballan sen descanso, con empeño, para a consecución dun obxectivo que vén recollido na Declaración dos Dereitos Humanos ou en case todas as constitucións: que as persoas teñan garantida a súa vivenda, o seu sustento, a educación e a saúde. Que prospere a tolerancia e o respecto, a igualdade de oportunidade e os sostemento da vida nas mellores condicións, incluso nalgunha se nomea a intención de lograr a felicidade. Non poden os directores do mundo dedicar tempo a estas ilusións vaporosas e irreais, ofuscados como están entregados á causa realmente interesante e poderosa: que os que lograron a riqueza, de calquera maneira que fose, non corran o risco de se ver abocados a un inxusto empobrecemento. Se atendemos á crise actual, de contado comprobamos que tódalas medidas e reformas van encamiñadas precisamente a que se cumpra esta obriga. Miren no modo de solucionar o problema financeiro, en como se aborda a creación de emprego, nas solucións ao déficit. Non hai medida que non conteña no fondo da súa intención última esta verdade universal e incuestionable. Analicen por onde queiran. A explicación última acaba sempre en idéntica necesidade: que os ricos non estean en perigo de empobrecerse inxustamente. Pouco importa que aumente o paro, que os mozos non traballen, que unha xeración quede condenada á inactividade, que os que traballan o fagan a cada paso en condicións peores; nada interesa que aumenten os excluídos sociais, que familias queden sen ter onde durmir, que a cada paso máis vellos e nenos dependan da beneficencia; de pouco ha servir que se alcen voces reclamando outras medidas, outro estilo de enfoque para este padecemento. Mentres os ricos non garantan os seus niveis groseiros de beneficio, non diexarán saída. As solucións, dolorosas pero con promesa de final feliz, cóntannos, só poden vir do lado da privación, de regalar a sanidade ao sector privado, de soster aos bancos con carto público, de rebaixar a educación e a atención aos menos favorecidos. Mozos, vellos, enfermos, nenos, diminuídos nunca están indefensos nin corren o risco de se ver abocados a unha inxusta pobreza. Se están así é pola súa culpa: por lacazáns, por acostumarse a depender do Estado, por non formarse, por pouco competitivos, por non ser dinámicos, por... Polo que sexa. Para eles, sufrimento e paciencia. Para os pícaros, os mentiráns, os agresivos e irrespectuosos, os ladróns sen disimulo, para os tramposos e violentos os equipos cos mellores defensores e moito tino: non sexa que os aboquemos a un inxusto empobrecemento.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.