En tempos de tanta noticia triste, exasperante e demoledora, resulta dunha ledicia impagable poder escribir sobre unha experiencia empresarial estimulante e fermosa. Desde a súa creación, Kalandraka demostrou que é posible, partindo dos soños e do casual, emprender, progresar, gustar e seducir ao mundo cunha idea: facer libros de calidade en Galicia para o mundo. O equipo dirixido por Xosé Ballesteros arrincou con humildade detrás dunha ilusión e axiña soubo transformala nunha realidade empresarial de éxito implantada na península, en Italia e México. A idea era tan bela como ideal: producir libro en galego, ben ilustrado, de calidade e en tapa dura pensado para os máis pequenos. Cando saltou a chispa é probable que os máis instalados e resistentes ao cambio considerasen o soño iso: unha fantasía inalcanzable, pouco realista, despegada da realidade e das leis da economía de mercado. A teimosía e paciencia dos soñadores demostrou todo o contrario. Hoxe Kalandraka produce tantos libros ao ano como vehículos a Citroen, compra e vende dereitos para editar en case todo o mundo, traduce os seus libros a ducias de idiomas, asiste ás feiras do libro máis importantes do mundo e calquera pode atopar un libro desta editorial en Boloña, Guadalaxara, Tokio, Tetúan, Santiago de Chile, Bos Aires ou Lisboa. Asentada nunha estrutura equilibrada e horizontal, na que as relacións laborais se entrecruzan co gusto pola lectura e a súa implantación, a empresa establecida en Monte Porreiro, imprime en Poio, almacena o seu material en Campolameiro e viaxa polo mundo en galego, castelán, xaponés, coreano, inglés ou árabe. Son moitos os recoñecementos que recibe esta empresa. O último, vímolo nos días pasados porque fixo entrega do galardón o Príncipe de España, foi polo que soe ser case sempre: «por el compromiso con la literatura infantil, destacando el cuidado de los textos, junto con la calidad de la ilustración y la dedicación a géneros más complejos como la poesía», calificando á editorial como «un referente en España y en el extranjero». E aquí radica ao meu ver a razón fundamental do seu éxito: unha exquisita e rigorosa elección na edición plasmada nun produto dunha calidade moi alta, especialmente no que toca á ilustración. O texto é unha mera axuda. O libro entra polos ollos en calquera cultura. Os primeiros premios viñeron do lado da ilustración e por aí continúa a súa veta do éxito. Para lectores miúdos – e para os que non o son tanto- había un elemento esquecido ou escasamente valorado que é o mimo polo ilustrador. Kalandraka apostou en firme por esta liña e o éxito está á vista. O seus libros sorprenden en Boloña, Barcelona ou Frankfurt pola orixinalidade e calidade da súa ilustración. Sería débil reducir o seu éxito á perfecta ilustración. O labor de selección dos textos, os dereitos mercados, as apostas por autores consagrados de renome internacional e a aposta por escritores ou ilustradores novos, son factores que tamén contribúen a que, aínda en tempo de crise, esta empresa medrase un 4%. Sen dúbida, tamén, pola audacia e visión a distancia, ao non se agarrar como táboa de salvación ás subvencións e axudas oficiais. A empresa parte do soño, da ilusión, sempre desde a humildade e sen hipotecarse na dependencia das axudas dos poderes públicos. A sobriedade e reinversión dos beneficios na empresa posibilitaron esa expansión e penetración internacional que hoxe a converten nunha editorial de referencia no seu campo. Parabéns para Ballesteros e o seu equipo. Dá xenio ver que hai soños que se poden levar á práctica. É un verdadeiro gozo comprobar que, contra vento e marea, sen estridencias, se pode desde Monte Porreiro editar libros para o mundo. O que dicía ao comezo: unha auténtica ledicia poder escribir sobre o éxito dunha empresa que resiste, que medra, que fortalece a su estrutura e recibe o recoñecemento internacional, intentando, nada máis e nada menos, facer libros en galego, fermosos e de calidade, para o mundo.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.