sábado, 16 de marzo de 2013

BÁRCENAS NON LLE SERVE AO VATICANO


A pesar de que a Providencia xa se encarga dos paxariños do ceo e dos lirios do campo, a Igrexa católica hai tempo que sabe conxugar á perfección o recendo do incenso co ulido dos cartos. Que a súa preocupación sexan os pobres e os desherdados deste mundo non lle impide ter roce coa riqueza e con todo canto con ela se relaciona. Como o ulido dos cartos parece que cadra ben co cheiro a xofre que despide o demo, as contradicións, incluso se quen xestionan eses asuntos son os representantes de Deus na terra, estalan diante dos ollos de crentes e non crentes de maneira escandalosa. E como o escándalo é dos pecados que menos lle gustaban a Xesús , a Igrexa, institución asentada nas súas ensinanzas, teña por Papa a quen teña, mentres non se atreva coa valentía dos mártires e dos santos a limpar as arcas onde agocha o diñeiro, ten un problema tan inmenso como grave que lle resta gran parte da súa credibilidade e que é causa de escándalo. Certo que Igrexa sabe escandalizar con máis pecados, a tardanza e debilidade na intervención diante dos casos de pederastia é un bo exemplo, pero ningún de tanta capacidade destrutiva coma o das súas finanzas. Para situar o problema nun contexto de sobra coñecido, imaxinemos a Bárcenas de tesoureiro das finanzas do Vaticano. Que efecto nos produciría saber que os cartos dos fieis crentes, que con toda a súa boa vontade entregan para a solidariedade entre os menos favorecidos do mundo, os que pasan fame e sede, os enfermos, os que carecen de xustiza, sofren e choran, pasan polas mans dun administrador de conciencia tan laxa que vai distraendo unha fortuna en Suíza? Pois, asústense, polo pouco coñecido, Bárcenas no Vaticano non pasaría de recadeiro, de mozo ao que se lle permite realizar algún ingreso nalgún banco menor, pero sen alcanzar xamais categoría decisoria nin poder como para saber absolutamente nada dos pasos que seguen os cartos benditos . Un acólito sen peso nin contactos. Que enxeñería dos infernos coce e amasa as finanzas vaticanas? Como é posible que a Igrexa de Pedro, a do sermón da montaña, compita na xestións dos seus cartos coa escuridade, pezoña e estratexias da enxeñería financeira máis ruín e podre do sistema capitalista? Aceptado está que é unha institución gobernada por homes, coas súas ambicións, carencias, malicias e debilidades. Mateo, un dos elixidos por Xesús, era recadador de impostos. Sabémolo. Pero a transparencia que se lle pide a un partido político, o control co que a xustiza dunha pobre democracia somete lixeiramente a un simple Bárcenas, non sería de xustiza que, como mínimo, se esixise no Vaticano? Non nos escandalizaremos dos bens amasados ao longo da historia, da riqueza inmensa captada por métodos máis que dubidosos, das cantidades inxentes de bens que xestionan. O que nos escandaliza é o misterio financeiro dos cartos sagrados. As intrigas e trampas que arredor del se xera. Non pode a Igrexa realizar o esforzo pedagóxico de demostrar ao mundo que é posible separar os cartos de Deus dos cartos do demo? Mantén ela tamén a resignación de aceptar que os cartos sempre olen ben medren baixo o esterco que medren? Séntese tan débil como para se vender ao instrutores dos «Bárcenas» que no mundo secular escandalizan aos cidadáns demócratas? Carecen da mínima fe e esperanza como para non intentar unha contabilidade transparente e exemplar capaz de demostrar ao mundo que existen maneiras de xestionar distintas ás das mafias? Confían tan pouco na oración e nas súas pregarias como para non modificar esa rutina de banqueiros de Deus suicidados, enlodados nas peores operacións, asociándose aos negocios máis vergoñentos? A Igrexa é mestra en manter a tradición e atraer pola liturxia aos medios do mundo. Símbolos e xestos causan efectos visibles sobre a sociedade. Se non é quen de lograr unha transparencia e decencia nas súas contas, máis lle valería atarse unha pedra de muíño e tirarse ao mar, porque está sendo causa de grave escándalo. Nada peor lle pode pasar á institución de Xesús de Nazaret: que os crentes e non crentes sospeiten que un «Bárcenas» non contaría co grao suficiente de «habilidade financeira» como para levar as súas contas.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.