domingo, 3 de marzo de 2013

MENOS MAL QUE NOS QUEDA COSPEDAL

Como pasan os meses e nada invita ao optimismo, o mellor é centrarse nas informacións realmente importantes, as que nos manteñen nun nivel de evasión difusa que nos permite soportar a realidade sen botar man de ideas bomba. Do máis salientable da semana elixo a elocuencia e valentía de Cospedal. Certo que hai noticias mil que me distraen e entreteñen sen medida, pero de todas – preferencias que só na infancia ou nos xenes teñen xustificación- nada me atrae tanto como as aparicións artificiosas, sosas, incribles e insultantes da dirixente do PP e presidenta de Castilla La Mancha, señora De Cospedal. E conste que nos últimos días tivo competencia sobrada. A máis salientable, sen dúbida, a da espectacular muller non fatal, irritada pola popularidade, xestora silenciosa en favor dos españois, condesa Corinna. Magnificamente fotografada, supoño que ben asesorada, experta en relacións, a entrañable amiga do noso monarca, ocupou páxinas de xornais variados, pois se ben algúns parecen estar centrados directamente no corazón, que medio non está hoxe debruzado sobre o corazón? Recoñezo que é un entretemento bárbaro ler as declaracións de mulleres con tanto peso mundial, pero a pesar de todo, máis me gusta Cospedal. Non quixera nomear ao que todos pensan, pero o asunto, se non fose por enervante e humillante para lanzar panfletos incendiarios chamando á rebelión xeral co fouciño na man, tamén se está convertendo en risa de gargallada. Refírome ao fenómeno das finanzas que sacha millóns a eito para mandar a Suíza e, farto de que os do partido non lle recoñezan os favores debidos, os denuncia por despido improcedente e segue, erre que erre, ata conseguir que Rajoy teña, queira ou non, que volver nalgún momento a nomealo. Pois nada, tampouco el consegue desbancan á mandataria do PP. Ela segue roubando a miña atención. Por se fose escasa a avalancha de motivos para a conversa trivial, hai outro asunto que moito me divirte e anima de cara ao futuro: saber en que quedará a relación da neta do ditador – se erguera a cabeza, meu Deus- arrimada agora a un chatarreiro, millonario, claro. É asunto para os tempos que corren de moito valor estratéxico. A redución do déficit ao 6,7, as perdas de Bankia, a opacidade do partido que goberna, as simpáticas arroutadas de Montoro, o imparable declive de Rubalcaba, a perda absoluta de rumbo do PSOE, o triunfo imparable do decadente nacionalismo catalán e todo canto lles veña á cabeza, nada que ver coa habilidade desta neta liberada descasándose en Santander, aparellándose co chatarreiro, todo ben condimentado cos euros suficientes, divertíndonos a todos e ríndose ela da paxara parda, chámalle boba e dádelle trigo. Un mar de risas. Pero aínda con estas, sen comparanza coa atracción que exerce sobre min a señora Cospedal. Non debería nin nomealo, pero durante a semana tamén tiven motivos sobrados para distraerme e non acordarme absolutamente de nada. Por máis que quixese, que non quixen, sabería das fazañas de Ronaldo en Barcelona aínda que fose cego, xordo e estulto por natureza. O grao de explicación, análise e repetición destas fazañas no fútbol non existe sobre ningunha outra realidade coñecida. Pois con todo, o que non me dá saído da cabeza é a presenza de Cospedal diante dos medios. A súa pose estudada. O seu estilista renovándose sen caer en estridencia. O seu maquillador atento a cada poro. A súa profesora de dicción animándoa coas inflexións, modulacións exactas, miradas explicativas, xestos matemáticos e calculados. Asómbrame a súa claridade e síntese. Quedo engaiolado na súa mensaxe exacta, obxectiva, sincera, transparente e comprometida. Todo un modelo a seguir. Nin Corinna, nin o innomeable, nin Ronaldo, nin tan siquera a amante e o chatarreiro, o realmente significativo e transcendente durante a semana é o poder de comunicación da señora Cospedal. Grazas a persoas así resistímonos ás ideas bomba, sabemos da súa inutilidade.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.