sábado, 16 de marzo de 2013

BOCADO A BOCADO


ESTANNOS comendo a bocados. Pouco a pouco, firmes, constantes na liña trazada. Non se amedrentan, non lles treme o pulso, non se cansan. A experiencia vailles demostrando que todo se soporta, que despois de catro ou cinco días coas queixas dos mesmos, os sufridores acatan, tragan, calan, aceptan, non lles queda outra. Só cómpre disfrazar as medidas cunhas pingas de escusas tramposas: por necesidade, pola sostenibilidade do sistema, por corresponsabilidade. Deben subirse as taxas para estudos, establecer un copago máis xusto e solidario. Así, ben explicado, coma se foramos bobos. Cando se pregunta: non hai outro lugar de onde sacar sen ser dos comedores escolares, das taxas para estudar música ou idiomas, os responsables teñen sempre resposta á man: de onde?, dígame, de onde imos sacar os cartos se non é das clases medias e baixas, dos que xa pagan relixiosamente os seus impostos, dos funcionarios aos que xa lles rebaixamos o seu poder adquisitivo, dos asalariados que resisten sen ir de momento á rúa?
As directrices non xiran nin un milímetro. Todo está ben calculado: reduzamos día a día en educación e sanidade, dependencia e servizos públicos; vaiamos esfarelando os baixos niveis alcanzados; convenzamos con feitos que de non ser deste xeito, será peor; amaguemos con desastres apocalípticos a quen non entre polo aro. E así, aplicando esta política de "aforro" algún día poderemos cantar a boa nova: medramos, creamos emprego. Mentres, sen piedade, van anicando ao despedido, desterrando ao mozo desesperado, marxinando ao vencido. Co engado de que tanto sacrificio é en aras dun futuro esplendoroso, estamos quedando sen presente e sen mocidade, os nenos pagan o comedor escolar a partires dunha renda familiar minúscula (outros levarán táper?), os enfermos repagan as medicinas e os vellos terán sorte se contan con fillos que os poidan coidar. Todo confluíndo en matar unha clase media que a este ritmo non tardará en desaparecer para deixar definidas dúas clases ben diferenciadas e distantes. Quen nos gobernan instrúennos coas vantaxes de política tan necesaria: se non actuamos así, non hai saída. Pero que saída teremos cando xa todo quede queimado e cheire a chamusco? Cal é esa saída? Estamos cimentando en firme, din. Cimentando que? Cómennos a bocados e debemos contentarnos, disque é polo noso futuro. Polo futuro de quen?

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.