domingo, 10 de marzo de 2013

QUE FAMILIA!


ENTRE as fórmulas que máis se espallaron nos últimos anos para convencer á poboación de que non queda outra que seguir o camiño marcado, está unha aceptada (todos fomos igualmente responsables das decisións económicas) e outra moi socorrida pola súa capacidade pedagóxica: a familia. Xa saben, cando un político se ve acurralado, non sabe como seguir convencendo das bondades do déficit ou dos recortes, acode ao remedio máis didáctico e entendible: isto é, din, coma cando nunha familia hai escaseza e non queda máis que axustar o cinto, reducir gastos, suprimir o innecesario e afacerse ao que hai. E así dan por explicado o sacrificio. Acolléndome á simpleza do exemplo, eu propoño outra historia familiar.
Había non hai moito tempo unha familia formada por pai, nai e varios fillos. O pai, arriscado, ambicioso, dirixía sen lle tremer o pulso as decisións da casa: en que se investía, como, cando, canto. E disque lle ía moi ben. Tanto que prosperaba coma nunca e así se lle notaba nos seus signos externos de riqueza. Os fillos e a nai, traballando duro por mil euros ao mes no que el ordenaba, pagaban impostos para dispor de educación, médicos e mesmo algúns pequenos caprichos. Este pai patrón, eufórico, negociaba con operacións non de todo claras, pero como cedía nas migallas xa citadas e ata lles prestaba algún carto, tanto a muller coma os fillos conformábanse. Pero quen realmente amasaba cartos e presumía era el. Tiña fincas, mansións, coches de luxo, vicios variados, pasaba dun hotel de luxo a outro, invitaba sen taxa en restaurantes exclusivos a poderosos aos que corrompía e ata chegou a mercar iate, helicóptero e latifundios. Dicíase tamén que, ás agachadas, tiña repartidas contas por distintos paraísos fiscais a nome del, das súas amadas e de socios estraños. O caso é que, de súpeto, todo caeu coma un morico de pedras mal asentadas. E chegados aquí, este pai patrón, moi cabreado porque a muller e os fillos gastaron por riba das súas posibilidades e non devolvían os cartos prestados, decide: traballo fóra, fillos sen escola, muller a fregar escaleiras, médicos suprimidos, restrición máxima. Iso si: el continúa con idéntico estilo de vida manexando os cartos por outras lares, esixíndolles á muller e aos fillos que aforren. Pero moito, pois el non soltará un céntimo nin dará traballo ata non ganar como ganaba. Que familia!

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.