domingo, 3 de marzo de 2013

QUE O INDEMNICEN DUNHA VEZ


UNHA miga de sensatez. Agradeceríase que os comunicadores do PP se deixasen de simulacións, ficcións, desculpas, mentiras, enredos e trapalladas e peguen un corte de machado seco, ben dando, que fenda dunha vez por todas esta prolongada escenificación. Non estivo claro durante máis de vinte anos que o innomeable era esencial na organización do partido?; non é certo que todos os presidentes, secretarios xerais e altos cargos confiaron, dependeron, amañaron, negociaron, medraron, ganaron eleccións e ergueron o partido grazas á súa habilidade nas contas da organización de Génova?; non foi o actual presidente do goberno quen nos anunciou rodeado de toda a cúpula do partido que a este innomeable -daquela Sr. Bárcenas- xamais se lle demostraría nada polo que levalo á cadea, porque era un exemplo de legalidade e honradez?; non lle mostraron agradecemento e devoción todos cantos gobernaron nesa casa da dereita? Que regrese a cordura, por favor, que volvan ao rego e acepten a verdade incuestionable: o innomeable formou parte esencial na estrutura do partido que hoxe goberna e non queda outra que agradecerllo.
Que si, que el xa se soubo ir gratificando ao longo dos anos e a súa dedicación non chegou a ser tan exclusiva como para non lle quedar tempo para outras actividades. Sabemos cal era o seu entretemento preferido: amasar millóns grazas á súa innata capacidade para as finanzas. Ben. Pero iso é un don persoal, algo co que algúns nacen e non teñen por que lle dar explicación a ninguén. Non era esta a lei a seguir dos que buscan éxito nesta sociedade? Ben fixo en aproveitar os seus talentos ata aforrar unha boa pila en Suíza. Do traballo vén todo, díxome sempre meu pai. Vese que este home é moito máis traballador ca maioría. Pois o seu premio merece. Pero iso foi mérito propio. Agora o que cómpre é que o partido o recompense como é debido (e que non remate na cadea, por suposto, onde se viu que quen tantos servizos prestou acabe preso?). Así pois, regresando ao lugar do que nunca deberan saír, é hora de que os dirixentes do PP entendan que só lles queda un camiño: indemnizalo e liberalo. Que o indemnicen dunha vez, e ben, e a ver se o presidente se pode dedicar dunha vez a aquelo que tanto nos prometera: gobernar como Deus manda, dicirlles a verdade aos españois, ademais, claro, de ocuparse do que realmente lle preocupa á xente.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.