Os dous claros perdedores das últimas eleccións galegas foron Guillerme Vázquez e, aínda máis, Pachi Vázquez. Por aquelas mesmas datas escribino con claridade e repítoo: deberían dimitir polo ben dos seus partidos e polo de Galicia. Chegados á primavera, constato que hai Vázquez e Vázquez. Un, Guillerme, actuou cunha corrección política que non admite crítica; o outro, Pachi, continúa mareando na perdiz prexudicando – me parece que non sabe canto, se o sabe peor- ao seu partido e á política xeral. A actuación do exportavoz do BNG merece todo eloxio. Sen estridencias nin populismos, sen présa nin dramatismo, utilizou as canles democráticas do partido para trasladar o poder. Nun traspaso exemplar, axilizou os mecanismos democráticos do partido para que Vence se puxese ao fronte e el, sen rancor nin desaires, manténdose fiel aos seus ideais e principios, continúa loitando na base do partido ao tempo que regresa á súa actividade docente. O que debera ser normal, pero por desgraza resulta pouco frecuente entre os dirixentes políticos que nos rodean. Por isto me parece meritoria e digna de resaltar a resposta intelixente e honesta de Guillerme Vázquez, a tentación soe ser a contraria: amarrarse con desculpas ao poder alongando canto se pode a toma de decisión. Que é o que está facendo o outro Vázquez. A actitude política do dirixente do PSOE galego paréceme a dun tafur. Coñecida a súa escasa ou nula capacidade de conexión co electorado, comprobada a mínima aceptación entre os seus camaradas, probada a súa pésima xestión como opositor e como aspirante a presidente da Xunta, non me explico como ten corda para seguir enredando ao partido. A súa táctica para alongar os tempos de elección, a hábil xogada de se enfrontar a Madrid coma se fose máis democrático ca ninguén, a indecisión raposa de se ao fin será candidato ou non, antóllanseme puras e burdas manobras para non deixar expedito o posto. Que máis precisa saber este dirixente para entender que o seu tempo, se algunha vez o tivo, caducou hai meses? Cantos máis compañeiros, ademais de Caamaño e Orozco, deben manifestarse abertamente que sería moito máis saudable que non se presentase? A que espera para anunciar que el renuncia, que non liará máis a situación ofrecéndose para continuar polo camiño do desastre? Estase poñendo de moda, sobre todo entre a dereita furibunda, aniquilar toda institución: dos sindicatos á Coroa, dos partidos ao Tribunal Constitucional, agás a Igrexa católica, todas as institucións serven para mofa e descrédito virulento. Todos ladróns, imbéciles e ignorantes. Conviría atar a cabeza e os pés. Pedir rectificar, reestruturar ou criticar unha institución non significa pedir a súa aniquilación. Os partidos, que se saiba, son os únicos garantes dunha democracia imperfecta, pero menos mala que caer nun populismo ou sistemas de asemblea que conducen ao revolto no que só ganan os máis avisados. Que mellore a transparencia dos partidos e que non se convertan en máquinas ríxidas na que só prosperan os mediocres non significa derruílos por completo. Calquera goberno, máximo se o é por maioría absoluta, precisa dunha oposición tan crítica como leal, tan esixente como construtiva. Por iso constatar que o PSOE continúa dereito cara o cavorco non é boa noticia para o país. E por isto mesmo, que un dirixente como Pachi Vázquez continúe releando por esa posición á que parece terlle tanto apego como ineficacia demostrada no seu exercicio, non axuda nada na clarificación do partido opositor en Galicia e en España. Se o PSOE realmente pretende unha rexeneración, arrincar con outras maneiras, necesita sen escusa unha nova imaxe directiva, que Vázquez se dedique se así o desexa a seguir traballando na base do partido, e que todos esquezamos os anos nos que el estivo ao fronte. Anos de pedra sen dúbida por causa de moitos máis factores que a súa presenza na dirección, non convén personalizar ata tal punto os erros de decisión dunha organización, pero calquera que mire con ollos limpos a situación actual do partido entende que neste momento é condición sen a cal non que Pachi Vázquez se arrede e deixe sitio. E xa que non tivo a habilidade nin a valentía de facelo sen rebumbio nin escándalos como o fixo o outro Vázquez, Guillerme, polo menos, a última hora, que busque coraxe onde sexa para retirarse a tempo, mostrar unha miga de dignidade e posibilitar que o partido se organice, con primarias ou como sexa, pero co campo limpo, sen terróns nin buratos tan fondos coma os que nos últimos anos se empeñou en ir deixando por Galicia adiante. Que non se chamen a engano: o votante toma nota destas en aparencia miudezas. Axiña volverán a presentarse diante dos electores e no inconsciente todos saberán que hai Vázquez e Vázquez. E partidos que saben prescindir dos seus dirixentes con elegancia e outros que se encerellan con eles baixo simulacros de democratización.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.