sábado, 2 de noviembre de 2013

A IMPRESCINDIBLE LOITA POLO SÓLIDO

Sen preámbulos: recoméndolles encarecidamente que lean o libro de Antonio Muñoz Molina (Todo lo que era sólido. Seix Barral). É un ensaio cunha escritura a cachón, co ritmo de fervenza dun narrador que se pregunta, critica e propón sobre a situación actual cunha racionalidade clara e destemida. Son 104 capítulos curtos tecidos cos vimbios dos que soe servise o escritor de Úbeda: a ilusión de buscar un modelo de vida cosmopolita e ilustrado propio dun neno espelido que nace no campo negro dos anos cincuenta, a sinceridade de quen viviu nunha ambiente pobre pero laborioso que lle inculcou a ambición de progreso polo camiño do esforzo e o de quen agradece á vida ter a fortuna de pasar de simple funcionario en Granda nun tempo gris a poder vivir da literatura nos anos do espellismo, da bruxería, dos adiviños e augures económicos que prognosticaban crecemento, cartos e vida de festa rachada para aqueles que soubesen aproveitar a enganosa bonanza á que ninguén se atrevía a lle poñer tacha. Apoiado nestes alicerces despeza como pasamos nos últimos anos da inconsciente alegría de dilapidar á depresión da atónita incredulidade de ver a súa derruba. Todo era un delirio apuntalado por unha economía especulativa, fachendosa e paleta que comezou «cando a potestade de dispoñer de cartos públicos se exerceu sen os mecanismos previos de control das leis; e cando as leis se fixeron tan elásticas coma para non entorpecer o abuso, a fantasía insensata, a cobiza – ou simplemente para non ser cumpridas». Neste humus medraron coma fungos os mediocres e trapalleiros arrimados aos partidos para alcanzar postos de tanta relevancia que así estamos: cunha clase política servil, dependente e escravizada incapaz de mirar á realidade cos ollos abertos. Como consecuencia, pasamos dos tempos dos cartos chegados da EU, dos créditos baratos e do maná que parecía caer do ceo, enganándonos a conciencia, aceptando simulacros, exhibicionismos de arquitectos estrela, de líderes paifocos aduladores de cidadáns aloulados pola promesa de festa gratis e por unha propaganda vulgar e rastreira que pagabamos todos a temer que será dos nosos fillos. Chegamos a vivir nun totalitarismo da festa como dádiva populista á que ninguén se atreveu a poñer o máis mínimo inconveniente para non ser tratado de rosmón aburrido. Este totalitarismo festeiro, no que se confunden con entusiasmo a dereita e a esquerda, alouláronos durante estes anos coma a bobos con globos de colores instalándonos nunha confortable falta de crítica cegadora. Cegadora para todos. Para o propio autor que dirixía o Instituto Cervantes de Nova York en reunións con bruxos e augures, políticos de toda especie en actos baleiros e ostentosos, inútiles, obsesionados por demostrar parvadas de novos ricos que pasaban completamente desapercibidas para os altos xerifaltes, nunha cegueira máis elevada, aos que ían dirixidas. Cegadora para os intelectuais que se agrupan en capelas de fe defendendo exentos de argumentos e corroidos por débedas, adhesións irracionais ou inconfesables ás fes máis vivas neste país: a Igrexa Católica (aínda que pareza mentira) e o nacionalismo. A crítica valente que a unha e outra fe lles aplica merece reflexión pausada. Sei que moitos guindarán o libro ó lixo só polo prexuízo de ser membro dalgunha delas , pero como ben di: «No tengo nada contra el nacionalismo, igual que no tengo nada contra la religión o el creacionismo. Allá cada cual con sus creencias. Ta solo prefiero leyes que me protejan para que los partidarios de cada una de ellas no tenga la potestad de imponérelas». Coñecida é a súa tese de que nacionalismo correlaciona con narcisismo e victimismo, gusta máis da cidadanía que de pobo, entelequia que se presta para calquera tipo de abuso. Cegadora para os xornalistas que se deixan engaiolar por filtracións de políticos vendéndonolas coma información investigada a contrastada. Cegadora porque nin creadores de opinión, escribidores ou economistas soubemos ver o que estaba ocorrendo no medio da axitación que nos aloulaba, por distracción, irresponsabilidade, por ir cada un aos seus propios asuntos, por medo a chamarlle ao desastre polo seu nome, por pensar que as cousas son máis sólidas do que en realidade son. Pois todo é cambiante, todo se debe aprender, todo é mellorable, todo se pode derrubar. Por iso é imprescindible pensar realmente que é sólido e esforzarse por mantelo. O dereito á educación pública e á sanidade; o imperio da lei; a garantía de seguir dispoñendo dunha vida digna na vellez. Iso é sólido. E iso conséguese con cidadáns cabais, austeros, que se dedican a coidar aos enfermos, a educar, a perseguir delincuentes, a xulgar con xustiza, a investigar, a cultivar a terra, a ganar cartos vendendo cousas necesarias. Iso é o sólido e por isto, aínda sendo conscientes dos intereses globais que os perseguen, os cidadáns deben mobilizarse e non permitir que catro bruxos vivos o aniquilen para moitos anos.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.