sábado, 2 de noviembre de 2013

NUNCA TE DEJES PISOTEAR, HIJO


A ÚLTIMA novela de Mario Vargas Llosa, El héroe discreto, é realmente discreta. Vaia, que non aporta nada. Sería de grande ignorancia non lle recoñecer que sabe do oficio de escribir coma poucos, por iso non se pode negar que está ben construída e cun estilo coidado, que domina o ritmo e trama coma para lela con facilidade. Pero se lle retiraramos personaxes e ambientes propios do seu mundo de ficción e quen firmase a obra fose outro, con seguridade pasaría polas librerías con máis pena ca gloria. Eu lina coma veño facendo practicamente con todo canto publica, porque xa é rito de gratitude que con el manteño dende que aos 17 anos me descubrira algunhas esencias que me resultaron fundamentais na vida. E tamén porque, tal e como lle escoitei nalgunha entrevista de promoción, crin que descubriría os cambios sociais no seu país, que sabería por fin como deixou de estar fodido o Perú. Pero tampouco. As Piura e Lima que recordarei serán sempre as que xa tiña aprendidas, as que aparecen nesta novela carecen de altura literaria coma para que lle poidamos engadir nada.
A pesar do dito, existe unha tese na base da obra que me atrae. É a que defende a valentía deses homes de tesón, anónimos, firmes e rexos que manteñen os seus principios e valores contra o peso esmagador dos corruptos e dos malvados, organizados ou solitarios. O pai dun dos protagonistas, humilde e rudo traballador, déixalle por herdanza ao fillo unha lección clara: "Un hombre no se debe dejar pisotear por nadie en esta vida. Se trata de eso, nomás". Lección que me trae ao acordo unha época na que existían mestres de prestixio con vocación de transmitirlla aos aprendices. Cando expulsaron a García Calvo da universidade, puxo unha academia para ensinar a pensar, para que non te pisen. Sei por Savater que estaba na rúa El desengaño, nome que nin feito adrede. Porque para iso debería servir o saber: para desenganarnos, para que ninguén nos pise. Verdades que ás veces ensina mellor un pai analfabeto que moitos catedráticos empoleirados. Gústame que na novela de Llosa se repita : "Nunca te dejes pisotear, hijo". O malo é que hoxe as circunstancias obrigan tanto a pais humildes como ás academias de sabios a instalarse na rúa do engano, non na do desengano, co que todos de maneira oculta ou non tanto animan a calar, tragar e aceptar toda explotación e humillación.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.