sábado, 16 de noviembre de 2013

É CERTO: SAEN DA CRISE

Sobran desconfiados. Como o goberno e os verdadeiros amos das finanzas comezan a dicir que estamos saído da crise, algúns incrédulos e nunca satisfeitos dubidan e critican e case se mofan da tan boas noticias. Din que non deixa de ser un campaña dirixida dende o goberno para ir preparando o futuro electoral e axudados por catro banqueiros aos que e lles van arranxando as contas a costa de que todos lles deamos un apuxón a forza de nos volver máis pobres. Son argumentos reiterados e gastados que nada aportan á realidade dura e crúa, que non vén ser outra máis que a escoitada: estamos saíndo da crise porque a eles lle peta e non se diga máis. En Europa aínda piden máis reformas e queren tirarlle das orellas outro pouco aos nosos dirixentes, pero non importa. Xa se sabe que cando Rajoy di “que lluve”, chove, e o resto son ganas de armar danzas onde non se quere bailar. Levo observado con atención esta política silenciosa e de deixar pasar do noso presidente e teño que admitir que lle dá un resultado óptimo. Alguén pon xa paixón mínima no caso Bárcenas? Déano por pechado. Entrou no campo da xustiza, onde pretendían que entrase, a P.J. Rodríguez non lle chega máis munición, ademais agora está máis centrado nos cara lavados dos dirixentes sindicais andaluces, e verán como todo queda e auga de bacallau. Acordan cando querían pedir a dimisión do presidente, incluso se falaba de un novo membro do PP para cubrilo, da desfeita que se preparaba porque o escándalo era tan maiúsculo que non podía haber gobernos que se defendese? Barballadas. Todo se calmou, todo se esquece, todo farta. Xa estamos a outras: agora saímos da crise, lentamente, pero imos no camiño. Outro caso. Lembran a vergonza da ministra de sanidade, non só pola súa pésima xestión, senón pola implicación en caso bastante feo de corrupción? Quen se acorda dela? Rajoy dixo que era unha ministra estupenda, que a defendía por riba de todo, os medios cansaron de perseguila, ela tapouse ben, e aí a teñen: gobernando a sanidade coma unha artista, lentamente cargando a culpa nos enfermos, trasladándoa coma quen non se dá conta cara a empresa privada, e tan ilusionada e satisfeita de ler mal os papeis que algún negro lle escribe para que poda defender o seu cargo. A táctica de Rajoy é invencible. Non pasa nada. “Hoy llueve”. Que pase o tempo. Todo se esquece. Caso máis explosivo e que semellaría insalvable é o do ministro de educación. Día si e día tamén mete o zoco cun descaro descoñecido ata o momento. Pouco lle importa meterse coas comunidades autónomas, coas bolsa dos estudantes, coas Erasmus, con comisarios europeos, el segue imperturbable dando bandazos, aprobando unha lei morta que está condenada a unha vida tan curta coma sexa a duración do goberno (como por outro lado lle sucedeu ás anteriores, todo hai que dicilo, que en leis de educación somos un país sensato, sereno, de acordos e moita estabilidade, así nos vai). Pois verán, tampouco este ministro sufrirá, de momento, ningunha consecuencias. É política dos xefe que os problemas vaian podrecendo, morrendo, esquecéndose e el dedicarse a novas aventuras de futuro que nos poñan no que á xente realmente lle interesa e a saír da crise económica que é o verdadeiro obxectivo polo que está no poder. Pois así como estes exemplos, poderán vostedes engadir os que se lles ocorran. El é presidente que fai o que pode, que herdou un país e bancarrota, que fala o menos posible e se o fai procura que non lle pregunten demasiado e así nos vai sacando da crise e devolvéndonos a un pais grande, non se cadra tanto como nos tempos de Aznar, aquelo fora milagre histórico, pero en idéntica dirección. Por iso eu cada paso lle estou collendo máis lei ás súas manobras e vou crendo o que non vexo. E se di que estamos saíndo da crise, estamos; e se promete que algún día creará emprego, creo; e se me garante que baixara impostos – en canto poida- , non teño a menor dúbida. Por isto non estou do lado dos desconfiados e críticos permanentes. Neste sistema hai algúns elementos básicos de economía que para dominalos non fai falla ir a Harvard: os sistema xira arredor de que os que sacan cartos dos cartos sigan sacando as cantidades esaxeradas das que non están dispostos a apearse. Os que teñen que pagar impostos e restrinxir , recortar, privarse e perder capacidade adquisitiva son os asalariados. Pois ben, cando estas dúas variables cadran, cando os que sacan cartos dos cartos consideran que as reformas profundas xa permiten que volvan a ganar na proporción á que eles están afeitos, entón consideran que estamos saíndo da crise. Isto é o que ocorre. Os bancos e os grandes grupos ven que volven os bos tempos para eles, por iso nos animan. Nós xa se sabe que tivemos que sacrificarnos para que eles regresen ao seu status dos que non están dispostos a baixar nin un tramo. Pero en canto é así, se cadra dentro de dous ou tres anos, deixan que nos toquen unha faragullas e poidamos entreternos aceptando que non estabamos tan mal coma cando nos obrigaron a reformarnos para que todo volvese ao seu punto inicial. Por iso hai que lles facer caso: empeza a ir ben para eles, algo, moi pouco, nos tocará dentro dun par anos.





PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.