AS fobias non son doadas de controlar. Algunhas instálanse nun e, por máis que se esforza, non se dá desprendido delas. Tal é o meu pánico ás agullas. Só ver unha cerca dunha vea, aínda que sexa nunha película, teño por forza que pechar os ollos e levar o pensamento por outros lugares. Claro que hai situacións implosivas que por máis que te resistas acabas por te adaptar. Nada coma unha boa serie de inaprazables perforacións como para que a fobia se vaia retirando. Aínda así, cando toca comezar un proceso novidoso e con sona de moi duro como é unha quimioterapia, o medo non hai quen cho retire do corpo nos primeiros momentos. Así cheguei á primeira sesión, coma un flan, á espera do que acontecería. Pero de seguida todo se foi transformando e o medo desapareceu por completo ao observar o que me rodeaba.
Cando un está san parécelle que, por máis que se poña na pel dos enfermos, coloque cintas de colores na blusa ou pida fondos para a investigación, o normal é estar san, facer vida normal, preocuparse polos aconteceres diarios, pero non cae na auténtica traxedia da cantidade de xente que pacede, sofre, resiste, loita e se enfronta día a día coa dor. Mentres agardaba na sala de espera, vendo a unha moza preciosa que cubría a súa calva cunha perruca, a un ancián que non podía coa alma e respiraba cunha dificultade difícil de describir, unha muller que non daba aberto os ollos polo peso do cansazo, a un home novo que non daba articulado palabra, unha señora cun pano na cabeza cunha cara tan branca como mirada tan triste, o medo desapareceu. Foise transformando en rabia. Máis aínda ao ver o nivel de trato das enfermeiras, amables, dilixentes, respectuosas con todos, a cada quen sabéndolle o seu nome, a todos tratando de facerlles o trago menos amargo. Fóiseme todo o medo e invadiume a rabia porque, por demagóxico que lles pareza, non hai dereito a que unha sociedade só atope maneira de atallar os problemas económicos recortando nestes enfermos e nestes profesionais. É para rebelarse. Non hai dereito que para solucionar os problemas dos bancos que enredaron no casino dos cartos teñan que ser agora os enfermos e os profesionais da saúde os que deban sacrificarse para que eles poidan volver aos seus xogos de facer moricos de billetes. Estannos enganando. Están abusando con saña para destruír o que é importante. Dá noxo.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.