sábado, 30 de noviembre de 2013

BLANCHETT OCULTA A W00DY ALLEN


SEMPRE tiven as miñas reservas sobre esa teima anual de Woody Allen por mostrar a súa creatividade. Admitido: é enxeñoso, intelixente, crea uns diálogos únicos, parece que anda sempre arredor da mesma peza, pero, coma os grandes creadores, en cada disparo aporta algo sutil ou insospeitado, domina o oficio cos ollos pechados e xa nos deixou media ducia de películas que non se esquecerán. Pero esa obriga de producir unha película por ano vén dando, como é lóxico, resultados moi discutibles. A pesar de que todas presuman do seu selo, hai unha boa morea delas que resultan completamente prescindibles e algunha ata desmerece da súa firma. Coa que nos regalou este ano, Blue Jasmine, tivemos sorte, sendo das menos achegadas ao seu estilo, vina co pracer que xa non lembraba desde xa hai ben tempo.
A clave do éxito radica no retrato complexo do personaxe principal e na súa intérprete Cate Blanchett. Si, hai máis personaxes, un fío narrativo de altura, un manexo do flashbackcunhas costuras cosidas con primor, un ritmo que atrapa sen respiro e a súa coñecida boa elección musical. Claro que a contorna explica e colaborara para facer crible a personalidade esmagadora da protagonista, pero é ela, Cate, a que se apodera da pantalla desde que entramos nun avión para escoitar como non para de falar dela mesma á acompañante. Desde ese momento ata o plano final é imposible retirar os ollos do seu rostro, dos seus ollos, das súa verborrea tan desesperada como frívola, do vestiario que loce cunha elegancia a proba de toda bágoa, das contradicións que a asolan, dos histerismos e dependencias dunha muller que vendeu a súa alma a un amo do mundo e non sabe como saír do desespero sen remisión á que pola propia impulsividade se atou e coa que se alimentaba e alimenta a base de psicofármacos e alcohol. Un retrato dunha egocéntrica tan entregada á frivolidade como esmagada polo trastorno á que a súa propia inestabilidade a abocou. Tal vez o mérito maior desta película é que o personaxe está tan ben perfilado psicoloxicamente e tan admirablemente interpretado por Blanchett que, agás algún tropezo preguiceiro do guión, podemos chegar a esquecer algúns dos ás veces abusivos recursos do creador de Manhattan. Por iso aínda me gustou máis, porque sendo unha de Woody Allen podemos esquecernos del para concentrarnos en Cate Blanchett, que é unha delicia vela.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.