sábado, 23 de noviembre de 2013

VELOCES DETRÁS DO INSACIABLE


VÉXOOS camiñando cara o mercado da droga e sempre me chama a atención a présa que levan. Vaian sós ou acompañados, coa súa lata de refresco azucrado nunha man e o cigarro na outra, van a unha velocidade coma se tivesen algo importante que os agardase, unha cita de traballo, un recado inaprazable, coma se vivisen coa necesidade de que non se lles escape o mundo. Entenderíao cando van pola substancia, polo que pode aguzar o desexo irrenunciable do pracer, pero é que os andares veloces e a intención de que van a por algo, que teñen un sentido, que a vida lles pide algo con urxencia é constante.
Para entender algo repaso o libro de Giulia Sissa, El placer y el mal. Filosofía de la droga, e comprobo que, como dixera Burroughs, introducirse na heroína é un “full time job”, unha ocupación a tempo completo. E aquí radica a clave da inutilidade da comprobación de que o pracer e insaciable: un chega a converter a vida nunha necesidade que monopoliza o tempo, e iso non é bo porque o tempo propio é a nosa vida, e a propia vida é un mesmo. Andan con présa e a sen rumbo porque teñen o tempo entregado a todo o que con ela se poida relacionar: consumir, buscar para poder consumir máis, tratar con quen permita máis consumo, andar o tempo ata o novo encontro coa substancia que demostra unha e outra vez que non sacia, que a cada paso pide máis. Se alguén sabe inmediatamente que o desexo está destinado a permanecer insaciable é o toxicómano. Se en algo non se enganan é na impotencia do seu produto para saturar definitivamente o seu apetito. Tal vez por iso corren dun lugar a outro coma se tiveran a onde ir: só matan o tempo ao que lle entregaron a vida por experimentar unha e outra vez que o desexo é imparable, nunca se satura. 
Por iso chova, vai frío, non reparan en perigos, a súa dedicación está decidida, a opción está tomada: non se enganchan porque se drogan, dróganse para engancharse a algo. É unha entrega do seu tempo a unha ilusión desesperante porque nunca sacia, pero dá sentido a unha vida que sen esa carreira detrás do insaciable non se lle atopou sentido. Distinto é, por exemplo, andar detrás do saber, nunca xera esa aloucada venda do temor á insatisfacción, porque o saber esixe esforzo e constancia, e iso dá un respiro, aínda que poida obsesionar nalgún momento, son raros os casos en que andar detrás do saber monopolice o tempo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.