domingo, 26 de enero de 2014

MIGUELIÑO NON LLE DEBE NADA A NINGUÉN

Non hai coma ser fillo de poderoso. Sempre conseguen todo polo seu esforzo, xamais as relacións dos seus proxenitores e rede de coñecidos inflúe o máis mínimo no desenvolvemento das súas carreiras de éxito e logros insuperables. Grazas á súa valía e capacidades indiscutibles a natureza vaise encargando de derramar de xeración en xeración os dons exclusivos da clarividencia e da forza de vontade sobre uns elixidos que por forza han continuar coa inacabada tarefa dos seus antepasados: seguir dominando e gobernando o mundo. Porque a intelixencia, como a riqueza, tende por lei natural a concentrarse no 1% dos máis espabilados, o resto dos mortais non demostran habilidade para tales éxitos e deben conformarse coa mediocridade e coa pobreza malamente soportable ou coa máis absoluta miseria. Vén isto a conto, porque como xa terán lido, os fillos das clases dominantes deste país saben con quen se relacionar desde moi novos e empregan as amizades para lles pedir contas a través do correo electrónico por unhas ou outras razóns. Como non ía estar estresado Blesa e necesitar esas viaxes de cacería ao grande, presionado como estaba polos mocosos dos reis do mambo. E de tódalas tendencias, xa se sabe que entre elites hai que se entender, porque se non é hoxe pode ser mañá, non te libras de ter que atender un pequeno favor, un detalle, unha insignifcacia (que lle compres a un amigo unha obra polo triple ou cuádruplo do que vale, que manteñas unhas substanciosa beca para seguir en Harvard, etc.), que entre xente de tal categoría sempre se procura atender. Hoxe por ti, mañá por min. Tal é así que non só o fillo de Aznar lle pon as peras a cartos ao propio Blesa pola escasa atención aos desexos de papá, senón que o fillo de Alumnia, do Pose, pero de Bilbao Bilbao, é decir non de calquera barrio, tamén se queixa de que se lle retire a bolsa ao seu fillo para continuar os seus estudos en Harvard. O segundo de Blesa, atento, alerta ao xefe máximo para lle adiantar que pode recibir chamada do papá, el mesmo xa a recibiu queixándose do agravio inmerecido a todas luces do seu fillo. Almunia di que se interesou por saber as causas. Spottorno escribe que houbo queixas e adivirte ao xefe para que prepare excusa por se tamén a el lle chega a chamada que no podería rexeitar. Como se pode observar, nada que non se coñeza deste vello mundo que segue funcionando con métodos máis que manoseados. Só resaltar, talvez, a precocidade coa que os querubíns das elites se dirixen sen intermediarios aos amos do mundo. Axiña dominan as estratexias familiares e son autónomos, non se cortan e eles mesmos van directos ao centro do poder para queixarse ou reclamar. Se logo papá quere insistir xa é cousa del, pero por iniciativa xa sae deles esa confianza e seguridade que lles permite atreverse a reclamar o que lles corresponde. Neste estrato a seguridade debe vir incorporada de nacemento, ningún temor, fóra timidez, inútil toda cautela. Písase forte desde os comenzos, ninguén pode aspirar a ser alguén de verdade andando de mendigo timorato á espera de que papá ou o tio Alerte interveña por un. Nacen ben aprendidos estes rapaces. Debemos recoñecelo. Con razón. Con razón nacen aprendidos, quero dicir, porque a escola na que maman tales habilidades vén de vello e ademais cren firmemente nas súas ensinanzas. Como proba, un botón: preguntado Alumnia pola detalliño desta relación e queixa polo agravio ao seu fillo Miguel, non tivo pelos na lingua para aclarar o que todo o mundo sabe: só me interesei por saber a causa de que non se lle mantivese a bolsa (como faría calquera papá) e todo o que teño que dicir é que ao meu Migueliño ninguén lle regalou nada. Canto conseguiu foi polos seus propios méritos. Para nada, palabrita del Niño Jesús, faltoulle dicir, a posicion do papá nin os antecedentes familiares repercutrion na súa brillante e prometedora carreira. Xa se sabe que a Harvard chegan os mellores e se alí está, por algo será. Que Caja Madrid lle concedese unha bolsa de estudos... pois igualdade de oportunides, imos agora a discriminar sen bolsa aos fillos das elites privandoos dos dereitos que ten calquera fillo dun asalariado que solicita unha axuda para vivir malamente nun piso con colegas en Santiago? Chegados a este punto non nos queda máis que calar, admitir a certeza dos argumentos e aceptar que é así: que as elites non lle deben nada a ninguén, que todo canto conseguen é polos seus propios méritos e esforozo e que, para desgraza do resto, se non dan máis de si, se se deixan levar pola molicia, se lles vén de nacenza ser lacazáns... que queren que lles fagamos? Por iso eles seguen tranquilos, con impulso que non quebra, facendo uso de prácticas habituais e ben asentadas que aseguran a perpetuación dos grupos dirixentes. Concentración de riqueza e poder nas mínimas mans. O resto atentos ao que nos indiquen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.