domingo, 12 de enero de 2014

CRÓNICOS


"¿TIENE sentido que un enfermo crónico viva gratis del sistema?". Esta afirmación tan cruel como cretina disque saíu da boca da viceconselleira de sanidade da Comunidade de Madrid. E digo disque, porque a min chegoume nun deses correos que circulan por internet e non sempre son merecedores do contraste informativo que algo así precisa. Pero feita a salvidade, de ser certa, non esixe nin ser retrucada, tal é a súa falsidade, estupidez e ignorancia. Alguén que pensa e manifesta tales sandeces non podería permanecer no seu posto público nin un minuto despois de soltar tal imbecilidade. E disimulen se abundo en insultos á frase –a señora ou señorita tráeme sen coidado–, pero considero que xa está ben de calar coma se nada diante destas agresións. Calquera sabe que ninguén vive gratis, todo sae dos impostos que entre todos pagamos. O que convén é aclarar cara que crónicos queremos que vaian os nosos impostos.
Porque crónica considero eu a cantidade de políticos que levan anos roldando por parlamentos, asesorías, postos de responsabilidade nula, institucións inútiles, deputacións e retiro de luxo no Senado. Eses si son crónicos perniciosos para a nosa sociedade e tamén viven gratis, só que en condicións envexables, con dietas e privilexios diante da facenda pública, insensibles a cantos si son crónicos na dor e na desgraza. Eses crónicos si que merece a pena que dunha vez por todas nos decidamos se queremos que sigan vivindo gratis do sistema. Cada quen poderá traer nomes a feixes á súa memoria. Canto galopín, despois de falcatruadas mil, non continúa vivindo da sopa boba, chupando do erario público, zafándose de instrucións e procesos xudiciais, demostrando unha falla de vergonza escandalosa e paseando tan tranquilo pola súa cidade coma se fose un cidadán honrado e honorable? Como soportamos a tanto crónico baleiro de ideas, propagandista de simplezas, repetidor de slogans, servil dos seus superiores para manterse no posto, inútil por inculto e lacazán, a maioría nin len, nin se preparan, agás nas conspiracións de cafetería e comidas "de traballo"? Si, esa cretina viceconselleira ten razón: hai moito político crónico que vive gratis e inutilmente do sistema, que non ten o máis mínimo sentido que sigan chupando dos impostos e que deberiamos mandalos á casa, ao paro ou a facer espera nas salas de crónicos dos hospitais.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.