viernes, 31 de enero de 2014
O AVIÓN
Recordarán os meus lectores (algún terei, e algún con boa memoria) que aos Magos deste ano lles pedira un camión auténtico, idéntico ao que non sei se xa ten a policía ou non, cunha potencia de lanzar auga e amedrentar a manifestantes que me seducira de inmediato. Nada. Os reis andan todos un poucos despistados, polo que vou vendo, porque nin camión nin case nada, pasaron ao piso do lado coma se eu non lles escribise. Eles verán, como sigan con esa actitude corren o risco de non lles volva a escribir e eles o perden. Pero deixemos o tempo de reis que xa onde el vai e poñámonos na realidade. Se eu soubese os problemas polos que está pasando o noso Principe nin camión nin nada, xa me tería encargado de lles solicitar ás súas maxestades un avión como se merece unha autoridade así. Pero daquela non o sabía e agora, agardar ata os do ano que vén, vai ser moito agardar, polo que estamos tocados do nabo. Non sei se serei dos primeiros, pero desde logo dos últimos non penso quedar, en pedir en serio e de dunha vez por todas, que se deixen de arranxar as avarías dese avión no que viaxa súa Alteza e que lle merquen un novo do trinque. Que é caro? Será por cartos... Imos andar coa alma en vilo cada vez que ten que ir a Brasil ou a Honduras? Que idea da «marca España» dariamos ao mundo se por unha triste desgraza se nos cae o avión con Príncipe dentro no Atlántico ou no Caribe? Por favor, non se pense máis: que os ministros correspondentes se poñan mans á obra e busquen un contrato cunha firma solvente e poñan á disposición das nosas autoridades avións seguros, fiables, luxosos, coas última tecnoloxías. Serían curtos de miras se o ministros de Exteriores ou o da Guerra ou ao que lle toque non se pon en marcha, porque nunha operación desas pode sacar un pico que o deixa cuberto a el á familia por unha xeración. O momento é ideal. Os prezos andan a ras de chan, non hai ganas de mercar (agás Amancio Ortega edificios polo mundo enteiro) e seguro que lle fan un bo prezo e sacan unhas comisións substanciosas. Porque, claro, existen outras opcións. Parece que hai un pool europeo de transportes para autoridades, que se cadra nos saía máis barato, pero non sei eu se este país quererá rebaixarse a tal punto. Calquera que se prece debe contar cun avión á súa disposición, novo, en perfecto estado, seguro e confortable. Non o teñen cantantes, deportistas de elite, executivos de casino? Sería imperdoable que un príncipe non estivese ao nivel deles. Seguro que a el non lle importaba, pero eu penso que aos 5 (como todo vai mellorando, deixémolo xa en 5, total os números manéxanse a antollo de quen se dedica aos refritos) de parados, aos pensionistas que lles subiron este ano un euro, aos pais que teñen na casa a fillos e netos sobrevivindo malamente, ao mozos que nin se apuntan no paro, saben da súa inutilidade, supoño, digo, que a todos estes caeríalle a cara de vergonza ao ver ao seu príncipe alugando un avión cada vez que ten que ir á toma de posesión dun presidente elixido de maneira fraudulenta ou participando en reunións de interese global para toda a nación. Non creo que o puidesen soportar. E moito menos, xa nin sei como se me ocorre tal simpleza, que viaxe en voos comerciais, que reserven as prazas de primeira para el e o seu séquito e que voen coma calquera outro cidadán. Xa sei. Xa sei. Demagoxia pura. Isto non é que non o soporten os parados, excluídos, marxinados, enfermos, vellos sen axuda, desafiuzados sen teito... Isto non o soporta nin o sentido común. Motivos de seguridade, diplomacia internacional, complicacións para os pasaxeiros, aforro do loro, detalles populistas... Non fai falla que siga, unha ocorrencia sen sentido. Descartadas, pois, estas opcións por irracionais e inaceptables polo pobo soberano, non queda outra que regresar ao comezo. Ou esperamos ao ano que vén e escríbolles ao Reis de Oriente a ver se lle traen un, pero moito me temo que lle pode ocorrer outro tanto como a min me pasou co camión, ou os ministros se poñen en acción de inmediato e tratan de lograr unha compra a a bo prezo dun novo avión para seguridade das nosas autoridades. E se non chega un, porque a irmá que está en Suíza, esa que ten a medio país – xuíces, prensa, policía, ministerios- estudando se debe entrar no xulgado pola porta de adiante ou pola de atrás, tamén é preferible que viaxe segura cos seus fillos e consorte pillabán en avión privado, pois que se lle merque outro para ela. Non tan luxoso nin caro, pero un coma un de Julio Iglesias, que menos... Neste país estase falando constantemente de asuntos sen substancia e os que de verdade merecen atención pasan desapercibidos. A ver se algúns colaboramos unha miga e poñemos cada cousa no seu lugar. Obxectivo inmediato e sen retardo: comprar un bonito avión. Logo xa se verán outros asuntos menores.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.