domingo, 26 de enero de 2014

POBRE ELPIDIO


SON ignorante perdido sobre o funcionamento xudicial. Sería un atrevemento imperdoable se me pronunciase a favor ou en contra de que o Tribunal Superior de Madrid rexeite o recurso do maxistrado Elpidio Silva para evitar ser xulgado por prevaricación, así como decidir se é xusto ou non que o CGPJ estea disposto a inhabilitar ao xuíz inmediatamente despois de que o instrutor Gavilán sinale a apertura do xuízo oral. Escápaseme a espesura dos camiños intricados dos procesos, recursos, dilacións e trucos para moverse entre togas. Pero non me digan que non é casualidade que se cargue con toda a artillería legal contra o xuíz Elpidio, estando recusado precisamente por dous modélicos empresarios: o cazador de hipopótamos Blesa e o animador da patronal durante anos Díaz Ferrán. Dous exemplos de enriquecerse traballando de sol a sol, asentados nos valores da austeridade, a sobriedade e a transparencia nas súas xestións. Un arruinando un banco para que os cidadáns teñamos que salvalo con unha millonada que nos entrampará por anos e o outro declarado infractor múltiple que nos invitaba a traballar máis e cobrar menos.
Sería de grande interese coñecer polo miúdo o número de sancións que reciben os xuíces cando se trata de procesos a cidadáns que só se poden permitir un avogado de oficio ou incluso un pagado, pero dos do montón, nos deses que pertencen á elite de despachos expertos en defender a comerciantes de armas, traficantes de drogas, raspiñeiros de alto copete que se poden permitir anos de minutas de escándalo. A pouco que un se informe, comproba que estes tipos poden resistir anos movendo expedientes, presentando recursos contra recursos, acudindo a instancias superiores que xa parecían esgotadas e, se aínda así a sentenza non os favorece, contan coa graza ministerial que os indulte. É unha tristeza para un país ter que aceptar o que Castelao poñía na boca dun labrego: Que Deus nos libere da xustiza. E a experiencia que se percibe é que entrar nun xulgado e xogar á ruleta rusa: podes entrar limpo e saír condenado coma se nada. Diante dunha xustiza así, lenta, claramente fácil de entrampar por bufetes adestrados e xuíces atacados de traballo e moitos atados a dependencias e ambicións, non me estraña que alguén dixera que a xustiza era un cachondeo. Como a ese o condenaron, eu non direi tal cousa, pero... pobre Elpidio.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.