viernes, 12 de agosto de 2011
ALGO ESTÁ PASANDO
É o primeiro sábado de agosto no que o sol loce como lle corresponde ao verán. O paseo á beira da praia vaise enchendo desde as primeiras horas da mañá. Primeiro os corredores esforzados, os que desde ben cedo súan co fin de eliminar quilos, coidar o corazón ou respirar o aire fresco. Axiña chegan as patinadoras e os primeiros ciclistas. Por último, cando o sol xa quece, os bañistas conquistan a area coas súas toallas, paraugas de sol, pelotas e enredos para pequechos. Familias ao completo, mozos marcando o seu terreo, persoas maiores que se achegan á auga para mollar os pés e dar os primeiros paseos, aínda non está a praia acugulada. Antes da hora do aperitivo, o paseo vaise cubrindo coas mesas das cafeterías que paulatinamente se van enchendo de clientes. A partires da unha é difícil atopar un lugar libre, os camareiros non dan servido cervexa, viño, auga e tapas variadas. Entre bañistas, paseantes, ciclistas, patinadores, nenos correndo, anciáns en cadeiras de rodas guiadas por estranxeiros e grupos de mozos rindo coa desinhibición que os caracteriza ao se ver formando grupo, é difícil pasear sen tropezar. Abaixo, na praia, sucede o mesmo: os últimos en chegar case non conseguen un lugar mínimo na area para pousar as súas pertenzas, na auga mestúranse co son das ondas ao romper os berros dos que xogan coa pelota, dos que lean guindándose e peterreando, dos que nadan con determinación esquecéndose do fría que está a auga. Os bañistas, paseantes, deportistas, persoas que se relaxan coa súa cervexa e tapa mirando o mar, locen a maioría bo color, dan impresión de saúde, de boa vida. Amosan vestimenta de verán a colores alegres, traxes de baño á moda, gafas de nadar, gafas de sol, úntanse con cremas para protexerse dos peores raios. Sexan nenos, mozos ou vellos, a meirande parte, por non dicir todos, incluso os nenos, falan, miran o internet ou xogan con teléfonos móbiles á última. A praia está vixiada cada douscentos metros por mozos que non quitan ollo da auga procurando que ninguén corra perigos. Pero xa desde as sete da mañá un servizo de limpeza anciñara coidadosamente na area ata deixala coma masa dunha empanada. Persoas con tractores e máquinas especializadas encargáranse de limpar de algas, ramallos, lixo e todo desperdicio para que agora os bañistas poidan gozar dunha area en perfectas condicións. Entre as dúas e as tres, a praia vaise baleirando para encherse os restaurantes que abundan por toda a vila. Non hai unha mesa libre. Nin dentro nin fóra. Si, menús a dez euros, moitas mesas con auga, pero é difícil atopar onde comer. Os camareiros -case todos estranxeiros- non dan abasto con tanta demanda de familias, parellas, grupos de amigos que comen fóra neste fermoso día de verán. Quen observe todo isto custaralle pensar que o día anterior o país estivo ás portas dunha auténtica quebra, que o diferencial chegou ao máximo, que o Estado, para dar saída á súa oferta, está pagando intereses altísimos e que a situación económica pende dun fío. Camiñando pola praia neste día luminoso, observando a conduta das persoas, nada fai pensar en que non só os números e prognósticos dos expertos anuncian malos tempos, senón que a realidade ten outra cara coa que se convive – de momento- sen aparente contradicción. Parecería que non está pasando nada. Coma se o paro non fosen máis ca números que exhiben os contrincantes políticos para se esnaquizar e a turbulencia económica un temporal nos medios de información. Coma se a indignación e as protestas de algúns pouco tivesen que ver coa vida diaria, xa non digamos aquelo que nos queda lonxe, aínda estando á beira, o que nos parece que non ten que ver con nós. Sen embargo, algo está pasando. Non se sabe con qué consecuencias, pero resulta evidente. Non é casual que se indignen en Madrid, Santiago de Chile e Tel. Aviv; non sucederá en vano que nos países árabes teñan a valentía de pelexar xogándose a propia vida pola liberdade e a democracia; por suposto que algo está pasando en Siria, cando a ducias morren semanalmente nos barrios de Hamas e Damasco; algo está pasando nos barrios de Londres. Sen perder de vista o relativismo que nos debe aportar a mirada histórica, admitindo que non cómpre obnubilarse crendo que estamos no carozo de algo que nunca sucedeu e recoñecendo que cada suceso require a súa diagnose e explicación, si cómpre recoñecer que vivimos nunha etapa preludio dun cambio. Que vaia nunha dirección ou noutra, dependerá da capacidade de respectar a valentía dos arriscados e na sabedoría de escoitar a prudencia dos que coñecen mellor o pasado. Igual que cando o sol ilumina estes preciosos días de verán nos que todos desexamos gozar da luz e da auga e da compañía e da ledicia, coma se non pasase nada, parece claro que algo está pasando.
domingo, 7 de agosto de 2011
FAMILIA
Como é algo habitual en tódalas viaxes que o Papa realiza polo mundo, non profetizo nin me dou de avisado se adianto que na próxima visita do bispo de Roma a Madrid, un tema ao que fará referencia será o da familia, pois é, xunto co aborto e a falta de valores cristiás no mundo contemporáneo, unha das teimas do teólogo Ratzinguer. Tan sensible anda Bieito XVI coa familia -nada orixinal, a preocupación vén de vello e cada Papa expresouna ao seu xeito-, que, enchido de pleno convencemento ao igual que tódolos rectores católicos, chega a pensar que só existe o modelo familiar por el defendido. Tendencia, por outra parte, bastante frecuente na Igrexa, esta de pensar que a súa interpretación en determinados asuntos está por riba de calquera outra, incluso das leis democráticas, pois consideran que a súa sabedoría provén de instancias superiores máis seguras e fiables que calquera ciencia, lei ou acordo dos mortais non iluminados pola súa fe. Esta eiva no miolo da racionalidade católica espanta sen dúbida a un bo número de persoas que pretende axustar a súa razón a outras fórmulas menos dogmáticas e cómodas, co que se corre o perigo de caer no erro oposto: sospeitar desde o inicio de toda reflexión ou proposta proveniente do pensamento eclesiástico, perdéndose ás veces partes da reflexión que non merecerían tal desprezo. Desde logo que non comungo coa idea de familia pechada e única, obrigatoria por máis que o neguen, que xa en moitas ocasións ten defendido e probablemente exaltará o Papa diante da mocidade que se concentrará en Madrid. Entender hoxe que a familia só se dá nas condicións de home e muller coa finalidade de procreación sen freo dos fillos que Deus non dea, paréceme cando menos un visión anémica da variedade e diferencias que se acubillan dentro do que pode ser unha estructura familiar. Intentar por tódolos medios desvincular da familia relacións que segundo a súa visión sexual non responden ao “proxecto divino”, diríxenme, polo pouco, cara unha discusión longa e calmada. Por iso entendo que determinados colectivos se sintan non só incómodos, mesmo alporizados, ao ser ver excluídos e desterrados da finalidade familiar, coa única piadosa e paternal compensación do perdón, non en poucas ocasións concedido cun ton humillante. Son libres os católicos, faltaría máis, de manterse nas súas teses e considerar familia cristiá o que eles definan, e para iso con mestres conta a Santa Madre Igrexa. O que non poden – este é o cabalo de batalla, cústalles entendelo ou se o entenden non queren aceptalo- é intentar que só o seu modelo sexa o válido ao que debe someterse todo cidadán. Que o practiquen e amosen ao conxunto da sociedade, que se sintan orgullosos de vivir así non só é lícito senón digno de mérito, vivir con coherencia dentro das propias conviccións sempre o considerarei máis valioso que andar sen rumbo ou deixarse levar sen criterio pola moda. Pero dar a entender, tanto me ten de modo explícito como implícito, que quen non se prega e acomoda á súa visión do que é a familia é inferior moral ou intelectualmente, antóllaseme un acto de soberbia impropio de quen manteñen que é cerne da súa fe o amor ao próximo. Por isto entendo que moitos, cando o Papa fale outra vez da familia, pechen os oídos e digan que xa coñecen esa melodía, que xa escoitaron en moitas ocasións idénticas ladaíña e que nada se pode aprender desde esa visión. Non concordo. Creo que é un bo motivo para reflexionar en serio e admitir que a familia é asunto crucial na sociedade, que xoga un papel esencial na integración dos individuos e que a estructura familiar está ameazada en todo o mundo. Sen dúbida moitos dos problemas educativos e de valores que padecemos son debidos á inestabilidade e incerteza polas que bascula a estructura familiar. Non se trata de volver ao “pater familias” romano, nin á extensiva unidade de producción de antano, nin, menos, de sentir nostalxia da hipocrisía de macho con dobre vida e muller coa pata quebrada na casa, pero non sería intelixente desprezar a ocasión magnífica que pode supor a visita dunha personalidade da relevancia do Papa para recordar que a formación do carácter e a adquisición dos hábitos claves dos individuos dependen da motivación familiar, pois é a esencia na estimulación do autocontrol, a capacidade para regular as emocións, a orientación cara un propósito e a sociabilidade.
QUE SANTA LUCÍA NOS MELLORE A VISTA
Levo días detrás dunha entrevista que non atopo. Miro nas desordenadas carpetas dos meus documentos e, como se me visitasen os ladróns de arquivos, sospeito que alguén a roubou, pois eu gardar gardáraa. Despiste que me ocorre con frecuencia pero que amola cando precisaba da proba para o que lles pretendo dicir: que cando nos lanzamos a adiviños, non damos unha. (como di o PP que lle pasa ao CSIC ). Esta entrevista á que me refiro e xa dou por perdida era perfecta. Un experto economista metido en asuntos inmobiliarios, nos comezos do 2008, británico de nacionalidade para máis datos, lanzaba unha serie de prognósticos claros, firmes e decididos defendendo o futuro do sector. Non dou unha no cravo. O entrevistador, coa mosca detrás da orella, preguntáballe: pensa vostede que España poderá continuar con este ritmo de construcción de pisos? Sen dúbida, respondía o experto, pode e debe e continuará sendo o motor da economía de España a potenciación de venda de pisos. E, para non parecer un mero charlatán, lanzaba unha cascada de porcentaxes, números, análises e prospeccións que el e máis o seu equipo tiñan feitos, segundo os cales, coa cantidade de europeos que suspiraban por se vir xubilar a España, aínda nos quedabamos curtos e non dariamos construído coa celeridade coa que nolos quitarían das mans. Incrédulo, escéptico, o entrevistador aínda insistía: considera entón que é un bo momento para mercar un piso? Por suposto, aseguraba sen miga de incerteza o experto. É o momento ideal para mercar todo tipo de inmobles, sempre será un valor seguro e con claros beneficios para o comprador... Por este vieiro andaron entrevistador e entrevistado pero a conclusión estaba clara: aqueles que insinuaban un posible estalo dunha actividade económica inchada con fume non eran máis que alarmistas apocalípticos, ignorantes, descoñecedores do mercado e das leis económicas, as súas análises e previsións resultaban evidentes: facer recaer o peso da economía na construcción era o adecuado e o futuro do país. Habería ter gracia buscar ao experto e facerlle hoxe de novo preguntas similares, seguro que xa terá atopado saída e incluso poderá argumentar que os feitos lle dan a razón, á volta de algúns anos, pode dicir, cumprirase punto por punto todo canto dixen, isto non é máis ca un leve retroceso na liña de cumprimento dos meus acertados prognósticos. Pero non son estes tipos os únicos con defecto de vista. Eu sei de recoñecidos e prestixiosos analistas – digo o pecado, o pecador non vén a conto-, que cando atacaban a Zapatero por non querer aceptar a crise, eles atrevéronse a explicar con claridade científica a diferencia entre crise e recesión, punto por punto, concluíndo que estabamos a padecer unha recesión, nada que ver coa crise, sendo os que a pregoaban uns alarmistas indocumentados e apocalípticos. Hoxe, por desgraza, os mesmos analistas son os primeiros en recriminarlle ao pobre Zapatero carecer de visión e non decatarse de que estabamos diante dunha crise como non se coñeceu en moitos anos. Exemplo aínda máis desgrazado foi o da resportaxe a toda portada e páxinas de cores que lle escargara un prestixioso xornal de Madrid ao pobre de Jonh Carlin sobre Islandia. Aos poucos días de aparecer coa letra máis grande que Islandia era o país da felcicidade, deu en quebra. Eu mesmo, para falar con verdadeiro coñecemento de causa, teño lanzado prognósticos dos que nin me quero acordar, pero un que demostrou que non dou pé con bola foi o que se referiu á selección española de fútbol. Unhas semanas antes de que se xogase o campionato de Europa, comezo dos éxitos da selección, eu titulara un artigo: A selección como síntoma, no que, utilizando as razóns que me parecían de peso, intentaba demostrar que tan mal se cohesionaba a selección de fútbol como o resto do país, e que o fracaso deportivo era a maneira de reflectirse a fragmentación, insolidariedade e desconexión entre distintas zonas de España. Toda un análise! Ao pouco, a selección conquista o trofeo en Europa e logo a copa do mundo, mérito que, como todos vimos, encheu España de bandeiras e fervor patriótico como non se acordaba (cohesión, ben é certo, nada consistente, para de moita aperiencia). En fin, que Santa Lucía me mellore a vista. A min e todos cantos falan ou escriben con frecuencia, é máis probable que metamos o zoco e ás veces necesitamos solicitar perdón polas simplezas que se nos escapan. Convén admitir que non só os políticos erran na miradas, se nos sometesen á proba da hemeroteca, aos que nos queda algo de vergonza, poñeríasenos a cara a mil colores.
SÍSIFO CONTRA AS ONDAS
FIXERA sol ou brétema, orballase ou chovese con forza, se as ondas ofrecían o grado mínimo de elevación e furia , o grupo de aprendices pelexaba coas ondas cunha resistencia e fortaleza envexables. Coma fermosos "sísifos", non subían pedras á cima para comezar de novo, pero si arrastraban as táboas do equilibrio contra a rabia das ondas, intentando lograr os segundos gloriosos de equilibrio perfecto para esborrexer sobre as augas coa fortaleza e fermosura de deuses. Para caer ou chimparse á auga, e comezar de novo.
O grupo, mesturando sexos e idades, baixaba á praia tódolos días mañá e tarde. O monitor dirixía cada movemento aínda antes de se pór a realizar os exercicios para se estirar, colocados en círculo. Neniñas e xa maduros quecen nocellos, xeonllos, costas, colo, brazos e pernas. Embutidos todos nas súas traxes de neopreno, rematada a ximnasia , avanzan coas táboas á beira da auga. Atada a correa ao pé, comezan a pelexa interminable tratando de montar ás ondas. Nadan con decisión sobre as táboas ao interior do mar para iniciar un proceso que se repetirá tantas veces como o tempo de adestramento dure ou corpo resista se van por libre. Primeiro nadan forte tombados sobre as táboas á busca da onda adecuada, por iso axexan, esperan e calculan ata decidir qué onda montar. Elixida unha, é fácil que se enganen, polo que, antes de a cabalgar, retroceden ao axexo da elección. Se por fin unha é a boa, o arrinque ha de ser con enerxía e velocidade máximas no nado dentro da onda para, no mellor da viaxe, elevarse con flexible equilibrio sobre a tona da auga nuns segundos de pracer, orgullo e dominio esborrexendo ata afundirse. Uns segundos mínimos en comparación co regreso á zona de espera, ao axexo, á elección e a repetir o proceso coa constancia das ondas, coa determinación do mar. Véndoos, pensaba cómo non se utiliza este deporte como terapia preferente para tantos que carecen de resistencia á frustración. Parece imposible que un destes novos "sísifos", demostrando tanta fortaleza contra as ondas e o frío, poida engurrarse diante de dificultades que a moitos amouchan. E xa non digamos, se, como vin nun solpor, cunha temperatura que non superaba os 13º, un adolescente sen traxe adecuado, a peito descuberto, fraquiño coma unha estriga, resistiu ata a noite pecha sen conseguir elevarse nin unha triste vez. Iso máis que resistencia á frustración parece declaración inequívoca de querer entrar no olimpo dos heroes, máxime cando ao saír, morto de frío, pensando que buscaría unha toalla para se abrigar, o que fixo foi cambiar a corda de pé, debíalle rozar, e, outra vez no mar, continuar coa loita. No horizonte non quedaba nin aroma da laranxa que fora.
A INUTILIDADE DO ESTADO E DOS IMPOSTOS
EXISTEN algúns predicadores laicos que, dende ben cedo, coma cántigas de almuecín, invitan aos cidadáns a participar dunha devoción baseada en poucos pero inamovibles principios económicos. O primeiro é o do imperio da liberdade absoluta do mercado. Coma un novo ídolo, o mercado convértese en intocable, nunca ben gabado, coma un requisito imprescindible para o funcionamento da economía e da vida. Parece coma se deixándoo ceibo, sen control algún, fuxindo de todo contacto coa regulación por cara e ineficaz, estiveramos sen miga de dúbida no bo camiño. Sosteñen estes irados convencidos das bondades da liberdade absoluta do mercado e da necesidade de ridiculizar todo aquelo que proveña do Estado que a causa de todos os males está plenamente explicada nestes dous graves pecados: pouca liberdade do mercado, esperar demasiado do Estado. Non precisan, polo tanto, excesiva explicación do seu argumento. Con repetilo, cuspirllo na cara a quen se atreva a disentir ou recorrer á triste experiencia do socialismo real, pensan que queda suficientemente demostrado: imos ben mentres liquidemos todo control ao mercado, imos moi mal se nos agarramos ao Estado e o engordamos.
O segundo principio é a descualificación feroz de todo imposto. Os impostos son un mal por natureza, coma un roubo encuberto ao cidadán impedíndolle realizar con eses cartos algo moito más sensato, intelixente e beneficioso para todos, pois, como xa se mantivera nos principios iniciáticos, o que poida realizar o Estado só serve para malgastar, corromper e empobrecer a poboación. Por iso é norma escoitar algúns destes predicadores matutinos condenas ou mofa de todo o que ula a impostos. Coma se quen considerase que os impostos poden servir para algo fose corrupto ou imbécil por nacencia. E, por último, estes mesmos apoloxetas da única fe económica defenden, como non podía ser doutro xeito, aos emprendedores e atrevidos impulsores de novas formas de crear riqueza e emprego, algo, faltaría máis, que non adoita discutir ninguén.
Non fai falla coller ensino na escola de Chicago para apreciar o beneficio que supón para unha sociedade que existan empresarios decididos e arriscados capaces de crear riqueza. A verdade é que, de todos os seus dogmas, este é o máis razoable e aceptable, o curioso é que bastantes destes testáns defensores dos principios do dogma predican estas verdades ben asentados nunha cátedra creada e pagada polo Estado do que tanto abominan, nunca na vida montaron nin unha tenda de caramelos e utilizan os micrófonos dos seus minaretes como confortable complemento económico despois de ter asegurada a súa vida grazas ao Estado e aos impostos que tanto ridiculizan.
O segundo principio é a descualificación feroz de todo imposto. Os impostos son un mal por natureza, coma un roubo encuberto ao cidadán impedíndolle realizar con eses cartos algo moito más sensato, intelixente e beneficioso para todos, pois, como xa se mantivera nos principios iniciáticos, o que poida realizar o Estado só serve para malgastar, corromper e empobrecer a poboación. Por iso é norma escoitar algúns destes predicadores matutinos condenas ou mofa de todo o que ula a impostos. Coma se quen considerase que os impostos poden servir para algo fose corrupto ou imbécil por nacencia. E, por último, estes mesmos apoloxetas da única fe económica defenden, como non podía ser doutro xeito, aos emprendedores e atrevidos impulsores de novas formas de crear riqueza e emprego, algo, faltaría máis, que non adoita discutir ninguén.
Non fai falla coller ensino na escola de Chicago para apreciar o beneficio que supón para unha sociedade que existan empresarios decididos e arriscados capaces de crear riqueza. A verdade é que, de todos os seus dogmas, este é o máis razoable e aceptable, o curioso é que bastantes destes testáns defensores dos principios do dogma predican estas verdades ben asentados nunha cátedra creada e pagada polo Estado do que tanto abominan, nunca na vida montaron nin unha tenda de caramelos e utilizan os micrófonos dos seus minaretes como confortable complemento económico despois de ter asegurada a súa vida grazas ao Estado e aos impostos que tanto ridiculizan.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
