lunes, 10 de octubre de 2011

REFORMAS PROFUNDAS

Despois de tres anos de reformas, todas elas co resultado coñecido (pésimo), coinciden expertos e políticos con futuro en que, se queremos de verdade superar a situación actual, o que cómpren son máis reformas, e non só máis, senón máis profundas. Polo que se ve, as realizadas ata o de agora foron moi superficiais. Destas superficiais, sen necesidade dunha exposición exhaustiva, podemos concluír que o súa intencionalidade salta á vista: recortar e podar dereitos, fundamentalmente en educación e sanidade. A obsesión polo aforro apoderouse das cabezas que deciden de igual modo que en épocas anteriores o que reinaba era o afán por gastar e consumir, síntoma de que o país progresaba. Acórdome coma se fora hoxe das declaracións do sr. Álvarez Cascos, alto ministro naquela época de Aznar, agora converso aforrador no Principado de Asturias, comentar con seguridade e suficiencia, que se so pisos eran caros obedecía a que España se convertera nun país rico e había cartos e posibilidades. Pois xa ven, aquel país rico, que ía ben, acabou – xa , por suposto, pola mala cabeza de Zapatero- non tendo un céntimo para unha urxencia. Ante esta situación prodúcese unha contradición que me trae intrigado. En diversas enquisas, a maioría dos cidadáns, como no podía ser doutro modo, manifestan estar seriamente preocupados polo paro. E non só iso, observan e temen polo deterioro da sanidade e da educación por mor dos recortes evidentes que as comunidades e o goberno de España aplican con moita responsabilidade. Estes cidadáns, que incluso no seu inicio vían con bos ollos algunhas das protestas dos indignados, quéixanse do padecemento vivido ou do temor a entrar entre os que sofren a auténtica desgraza do paro. E temen por perder os servizos mínimos en educación e sanidade. Pero son estes mesmos os que, segundo tamén tódalas enquisas e prognósticos, adiantan que nas próximas eleccións votarán ao PP, uns, suponse desenganados e fartos do débil goberno que non nos gobernou e outros porque levan no seu ADN esa intención do voto ao igual que outros levan o contrario. O certo é que, ante tal perspectiva, un trata de analizar qué propón ese partido posible gobernante para aliviar estas penalidades, e a resposta vén sendo a seguinte: dicir a verdade, sentido común, atender ao que queren os españois e traballar con seriedade. Se escaravellamos un pouco máis, iso concrétase en varios depende – por ser a frase do contrincante Rubalcaba non perde veracidade- e algunhas incongruencias. A saber: non lles tremerá se hai que dicir a verdade aos cidadáns para realizar sacrificios, pero non subirán impostos, subirán as pensións, non aceptan copago sanitario e non se restará nin un céntimo para educación. E regalaranse euros aos emprendedores ao estilo en que Zapatero os repartira entre as mulleres que tiñan fillos. Como pensan cadrar esa círculo máxico de non recortar pero afondar nas reformas superficiais realizadas polos seus predecesores? Velaí o misterio que me gustaría desvelar. Reforma profunda da administración (pero sen recortar), reforma profunda na sanidade (pero sen recortar), reforma profunda nas comunidades autónomas (pero dándolle a cada unha segundo a súa capacidade de presión). Ao parecer a esencia de tal milagre recae na confianza que xerará o novo goberno, pois tan pronto pise D. Mariano a Moncloa, os bancos deixarán de lado os seus problemas e comezarán a dar créditos a dereita e esquerda coa facilidade coa que cobran comisións. Segundo se deduce, o apoio será tal aos emprendedores e pequenos empresarios que crearán postos de traballo a esgalla, co que as arcas do Estado quedarán acugulo nun santiamén, de maneira que se lle poderán rebaixar os impostos a todos e isto non tardará nada en volver a ser o paraíso: os anos dourados da especulación, a construción e a burbulla que logo nos estalou diante dos narices non só aos españois, senón en todo o mundo. En fin, que as reformas superficiais non dan resultado e débese afondar máis no mesmo. O resultado das superficiais salta á vista. Veremos o das profundas, pero polo que se albisca, a maioría dos votantes, por a ou por b, están dispostos a darlle a confianza a quen promete reformas profundas sen recortes, baixada de impostos sen diminuír a atención sanitaria nin educativa, adelgazar o a administración do Estado creando emprego e fluidez financeira. En fin, parece que todos entendemos que ou se entra polo aro ou estamos condenados a que nin faragullas nos dean. E o aro xa se sabe cal é: reformas profundas aínda que ninguén diga en qué consisten. Pero tanto ten, se nos aforcan, que nos aforquen de verdade.

ANGUSTIA

A NAI respira con dificultade. Unha nai sempre respira con dificultade se o seu fillo corre perigo. E o seu córreo. É a última en sabelo, mellor, talvez, en aceptalo. Pero unha mañá, por un accidente, por un aviso anónimo, porque xa era hora, descobre o que sospeitaba pero se negaba a admitir. Non era posible. A ela non lle podía ocorrer. Pero ocórrelle a calquera, ao que menos o espera, a ela tamén. Sabe que é certo, que está perdido, que leva tempo convivindo coa dor e o abandono, coa desidia e co perigo.
Sobresaltada, incapaz de conter tanto desborde, marca no móbil canto número pensa poder acudir na súa axuda: o ex marido, a nai que aínda vive, un amigo, unha amiga, un profesional para que a atenda con urxencia. Das chamadas ás bágoas pasan as primeiras horas de desconcerto, de incredulidade que os datos transforman en certeza. Superado o primeiro momento de expansión vén detrás un mínimo de silencio reflexivo, de culpa, qué fixen, qué non fixen para que isto me estea pasando a min? Non dura demasiado, axiña necesita bater contra el, contra o que máis ama e a desgarra, contra o propio fillo, besta, animal, ao que acusa, berra, insulta, acaba por agredir, nunca tal imaxinara. Aínda cos cabelos graxos del nas súas mans, avergonzada retírase ao baño para chorar ás agachadas: detrás dunha desgraza, outra: a de ser ver como unha nai miserable, descontrolada, irada e agresiva que malla no fillo xa home, máis neno ca nunca, imbécil, qué puido facer tan mal, pensa de novo, qué non souben facer, en qué me equivoquei de maneira tan estrepitosa?
Encadeando bágoas con lamentos e improperios sae da casa en busca da consulta que a alivie. O terapeuta dálle todo o tempo que precisa para se explicar, para se culpar, para chorar sen taxa ata que, os ollos encarnados, queda sen bágoas, sen folgos, coma seca e pesada, abobada, á espera do consello do experto. Escoita as frases a medias, acepta que non é a única, que tampouco o seu fillo é o único en padecer, que son moitos os fillos e nais que carrexan canadas de tristura duns ollos aos outros. Intenta respirar como lle mandan. Non é quen, o aire non entra ben no corpo, tropeza ao saír e causa o pranto en canto chega á gorxa. Regresan as bágoas. Insisten as palabras suaves e mornos do médico. Acepta a receita pola que han de gobernarse a partires de agora os seus días. Paga. Pasa pola farmacia. Regresa á casa co corazón nun puño. Entra. El non está, xa non está. Estálalle a angustia de novo, case non dá marcado o número, o fillo non contesta. Marca de novo, soa, soa, córtase a chamada. Colle o bolso de novo, pilla o ascensor sen saber nin onde se mete, sae á rúa e camiña nunha dirección, na primeira pola que a levan as pernas, na busca do fillo, mordendo na angustia. Pero camiña.

domingo, 2 de octubre de 2011

VOCES PARA O CÁLIDO OUTONO

O ADOLESCENTE QUE XURA




OS seus catorce anos repartiunos equitativamente: sete no inferno con pais e sete no inferno sen eles. Dos sete primeiros nin quere exercitar a memoria, da segunda quenda parece que se acorda algo máis, pero non conta case nada. A vida levouno ao silencio. Puidera dar noutra reacción, que outros elíxena, pero a súa consiste na pasividade, en agacharse, non mirar, non dicir, aceptar friamente que se pode resistir sen afecto, sen tenrura, sen un triste mimo.
Viste sempre, tanto ten que vaia frío coma calor, unha gabardina semellante á que usa Houellebecq, refúxiase dentro dela deixando só ao descuberto o rostro e as mans. Rostro que baixa para que non o mires, mans que tamén buscan abrigo entaladas entre as pernas e a cadeira na que senta coma se fose un moble máis. Pouco quere contar. Para que, pensará, se sempre é igual. Coñece todas as preguntas, escoitou a todos os educadores e psicólogos, coidadores, psiquiatras, mediadores, funcionarios. Repetiu unha chea de veces -porque lla foron arrincando- o pouco que sabe da súa historia para chegar sempre ao mesmo punto: unha casa de acollida, unhas monxas, unha familia bondadosa ou malvada, uns curas entregados, un piso para convivir con outros mocetes coma el, perdidos, abandonados, agardando o punto de encontro cun pai do que non se sabe nada, ou, porque se sabe todo, se desfigura ata o estremo de que ninguén podería recoñecelo. Non minte. Oculta, cala, elabora, idealiza en tres frases secas o que lle parece debería ser, algo ten oído, e non é: na próxima visita meu pai vaime levar con el e imos pescar; con meu pai lévome ben; meu pai hame comprar un móbil; con meu pai falo a hora completa no punto de encontro...
Non son mentiras, a el vénlle ben poder contar algo así. As outras historias xa está farto de narralas. Non hai nada novo. Non, non lle gusta estudar, nin ler, nin saír á rúa, nin xogar coa pelota, nin andar na bicicleta, nin falar moito cos compañeiros. Cala. Intenta pasar desapercibido. Enreda coa máquina electrónica, co mando da tv, senta no sofá, na cama, dorme, dorme ata que se cansa, nada agarda. Pero nalgún lugar estarías peor, habería algún día que te enfadaches, berraríanche, felicitaríante por algún motivo, nunca ris?, pregúntolle. Si, algunha vez era peor, algunha persoa só sabía recriminar e berrar, houbo días que os tivo que pasar illado no seu cuarto, sen saír, castigado por non estudar e sobre todo por xurar. Por xurar? Si, dicir en alto e á cara o peor. Que é o peor? Me cago en... no máis alto. E por que tes que xurar, que mérito che ten? Non sei. Sería unha vez que perdiches o control, suavicei. Non, moitas veces, xuro moito.

sábado, 1 de octubre de 2011

NO NIÑO NOVO DO VENTO

Agora que as mazás estenden o seu ulido sobre as pallas nas que descansan, que ou ourizos caen sen permiso estrando a chousa e que as doces ubres das vides axiña darán viño novo, chega Cunqueiro a Pontevedra na exposición No niño novo do vento, non coma unha pomba dourada, senón coma o que é: un dos máis grandes escritores que deu o século pasado. Vén a Pontevedra para que repasemos a súa vida e as súas obras, para que o coñezan os máis novos, que se cadra aínda non tiveron a fortuna de andar polos montes e chemineas de Galicia no asubío lírico e irónico da voz máis melodiosa que poida escoitarse, a máis apegada á realidade facendo falar aos merlos, razoar aos tolos e aproveitando a cordura dos feirantes que no mundo son. Vén a Pontevedra D. Álvaro da man da Consellería de Cultura, da Fundación Penzol e de Galaxia, para que ninguén diga que esquecemos o que máis nos debería estimular. Que esta exposición viaxe polas cidades de Galicia é unha ledicia para os que amamos a literatura e para os que apreciamos as transformacións sociais que nos converten en máis abertos e tolerantes. Contareilles unha anécdota indicativa do curtos de miras e pechados que puidemos ser nunha determinada época e a necesidade de aprender dos erros. Sendo eu un adolescente que comezaba a interesarme pola cultura galega, picaba de aquí e de acolá en herbas coas que alimentar a miña curiosidade. Eran tempos aqueles de longa noite de pedra e abundaban naqueles momentos comisarios ideolóxicos que impartían bendicións e condenas indiscutibles sobre as bondades e maldades literarias en función de non sei qué criterios ignorantes e estúpidos. Unha variable que pesaba sen sentido naquel momento era a catalogación política que se realizaba dun determinado autor, co que, se tiña a desgraza de caer do bando dos “fachas” e adheridos aos réxime, quedaba automaticamente desautorizado en todo canto realizase esa persoa. Lembro que a finais dos sesenta e comezos dos setenta do século pasado, moitos destes dogmáticos clasificadores deran en mostrar desconfianza sobre a obra do autor de Mondoñedo. Ata o punto que, sendo eu como era un cativiño sen criterio nin demasiada iniciativa, caín na trampa – porque aínda non o lera- de non asistir a unha conferencia que D. Álvaro viñera dar ao Liceo de Betanzos. Acórdame que paseaba eu pola Praza de García Hermanos coa dúbida de se acudir ou non, pero deixándome guiar polas consignas dalgún daqueles dogmáticos do non, optara por convencerme de que non debía ir. A que? Escoitar a alguén que escribe en castelán, andou con compañías perigosas e só fala de gastronomía? Nunca a pena me pasou. Claro que escoitei posteriormente a D. Álvaro e, en canto lin Merlín e familia, prometín non caer nunca máis en decisións tan estúpidas, pero aínda hoxe lamento perderme aquela conferencia, porque , sendo aínda neno, ben seguro aprendería con matices distintos moitas das cousas que ao longo do anos fun aprendendo ao ler detidamente tanto a súa prosa como a súa poesía. Superada felizmente esa etapa triste do país, aprecio con deleite que avanzaramos coa suficiente amplitude de miras como para esquecer aqueles prexuízos. Pode parecer simplista ledicia por tan pouco, mais eu considero que ao contrario é un síntoma de que as sociedades avanzan e ganan en madurez. Hoxe, estou seguro, nin o máis ríxido dos dogmáticos ideolóxicos e capaz de dubidar da grandeza literaria de Cunqueiro. Non queda nin resto daquel cheirento prexuízo que nos podía incitar á dúbida sobre a bondade literaria dun auténtico mestre polo simple motivo de escaravellar maliciosamente nunha biografía que, coma a de todos, pasa por etapas, necesidades, compromisos e azares que non significan nin entorpecen para nada na calidade da creación. Alédome de que nesto si exista un acordo unánime e que potenciemos a figura dun escritor que, pola súa capacidade de fabulación, riqueza da lingua, captación da esencia do ser e sensibilidade poética, nada ten que envexar aos máis recoñecidos do mundo. A partires de hoxe, tódolos cidadáns, pero especialmente os centros de ensino, contan cunha posibilidade nunca ben paga de coñecer mellor a vida e obra dun escritor que merecería ser venerado ata nas illas máis arredadas polas que se aventurou Simbad. Parabéns aos organizadores, os que xa gozan con Cunqueiro agradecerano; os que o descubran, acordaranse sempre de que grazas a visitar No niño novo do vento puideron entrar no mundo fantástico máis verdadeiro que se coñece.

domingo, 25 de septiembre de 2011

SEN PERDÓN




FAI hoxe oito días, miña nai entrou na cociña co rostro mudado. Traía os ollos alodados. Meu pai e mais eu, supoñendo que viría do galiñeiro, a súa dedicación predilecta, onde lle regala ás galiñas un trato tan personalizado, que para si quixeran moitos enfermos, preguntamos se escaseaban os ovos. "Cala. Tivemos unha boa desgraza". "Desgraza?", preguntei incrédulo. "Desapareceron as tres galiñas máis poñedoras". "Tres?", alarmei, e meu pai virou branco. "Temos unha boa perda", sentou no banco que rodea a bilbaína. "Enganaríaste, mamá, han de andar por aí perdidas", tratei de suavizar. "Non andan, non, que levo máis de media hora na súa busca e desapareceron". Meu pai, caladiño, tamén desapareceu da cociña. Tranquiliceina, convencina de que habían de aparecer e foi pasando a mañá. Nun momento que saín fóra, escotei que meu pai lle preguntaba en confianza ao can: "Non serías ti, larpeiro?"
Durante a comida, para non remexer na desgraza da perda, comentamos o caso dunha familia amiga na que todos os membros andan espallados polo mundo. "Pois vaia vida, os fillos no estranxeiro e o home e a muller cada un nunha esquina do país", lamentouse mamá. "Tamén os teus fillos viven en distintas cidades, mamá, é lei de vida", resteille importancia. "Non tal. Polo menos nós (referíase a ela e meu pai) estamos xuntos". "Por pouco tempo", admitiu meu pai resignado polo baixiño. E aí descubrín que estaba resolto o misterio das galiñas. Miña nai tardou algo máis, pero pouco. Despois de comer chegou cunhas plumas na man: "Nai que o fixo. Matounas . Onde as agocharía?". "Agochalas?, iso é ter moita malicia", intervín eu. "Malicia. Este cabrón ten tanta coma a peor das persoas", aclaroume. Nestas, meu pai intentou desaparecer outra vez caladiño. "Non marches, agora non escapes, que ti es igual ca el", acusou no mesmo lote ao can e ao marido. "Ese can non é ben listo", quixo meu pai aprazar o trebón. "Non é ben listo, non é ben listo...". Caeu o trebón coa forza que ela lle sabe dar e logo calmouse. Nós, xa fóra, refixemos o delito seguindo os restos de tripallada e plumas detrás do pombal e entre o millo. Como non hai tristeza que non escampe, ao solpor volveu a calma. Os homes falabamos sentados á fresca nun banco do xardín e o can entendeu que pasara o perigo, polo que sentou na herba xunta nós. "Vai ser negra, meu amigo", prognosticoulle meu pai. Ao pouco paso miña nai, espetou os seus ollo nos do can e cuspiulle con canta rabia puido: "Lambón!". O can virou a cara coma se non oíse, pero sabe ben que desta non terá perdón.

sábado, 24 de septiembre de 2011

A COBIZA COMO ÉXITO

Nun artigo recente, o catedrático Enrique Gil Calvo aborda a pregunta sobre a ocupación dos espacios públicos por parte de determinados colectivos e as distintas maneiras de reaccionar nunha cultura e noutra. Deixando a parte aspectos do artigo que tamén poderían merecer reflexión, quero referirme especialmente á hipótese coa que pretende explicar o porqué mozos, nenos, negros e brancos de distintos barrios do Reino Unido, independentemente das ferramentas de convocatoria e da importancia que supoña aparecer como protagonista nas redes sociais, se dedicaron a pillar con avidez rapaz os bens alleos. Cómo, pregúntase, ante catástrofes como puideron ser o tsunami de Xapón ou o atentado de Noruega, as repostas foron completamente distintas á do furacán Katrina en Nova Orleáns e á revolta dos barrios londinenses? Mentres en Xapón e Noruega reinou a calma e o respecto, o sufrimento sen proxección de envexa, nin rapacidade, nin resentimento, nin ansiedade polo status, no Reino Unido e nos EE.UU.desbordáronse todos os controis e límites para a raspiña e o ataque aos bens alleos, diluíndose nos peores vicios da masa. Segundo a súa hipótese, a razón destas diferencias radica na maior ou menor igualdade social. A maior igualdade social (Xapón, Noruega), maior respecto e control; a maior desigualdade (os países anglosaxóns), maior descontrol e avidez polo alleo en canto as forzas de seguridade perden o control. Para Gil Calvo, que o imperativo categórico destas sociedades (as anglosaxonas) sexa a cobiza posesiva é a causa desta resposta e deste uso impulsivo e destructivo dos espacios públicos. Se me permiten que lles reproduza unha cita, creo que quedará moito máis clara a súa explicación:” Si los banqueros anglosajones carecen de escrúpulos para lucrarse con la ruína ajena, y esa clase de rapacidad depredadora se pone como ejemplo de éxito social, ¿cómo sorprenderse de que los jóvenes anglosajones también se crean con derecho a disponer sin freno de los bienes ajenos, ocupando el espacio público para saquearlo a placer haciendo impune ostentación de su rapaz avidez?” Sobran comentarios, poderá ser ou non aplicable a hipótese explicativa a outros contextos e aparecerán esquinas discutibles sobre se a conduta rapaz se deberá unicamente a esa causa, pero o que parece innegable é que nas sociedades máis desiguais a bomba de retardo da revolta e os conflitos está máis activada ca naquelas nas que as desigualdades son menos escandalosas. Cando con tanta contundencia se acude desde discursos políticos, éticos e educativos á necesidade dunha insistencia en valores, temo que non estamos sendo realmente coherentes. Con demasiada frecuencia insistimos frivolamente na escasa consistencia e formación en valores das novas xeracións, coma se os políticos, profesores e dirixentes que con teimosía recorren a tal necesidade non fosen os modelos e formadores nas actitudes deses mozos. De onde aprenden e quen lles inculcou aos nosos mozos que o verdadeiro éxito radica na adoración do becerro da cobiza posesiva? Non será que vivimos nunha contradicción permanente intentando dicirlles o que realmente nin practicamos nin cremos? Como van a entender que realmente son a solidariedade, a xenerosidade, a paz, o diálogo e o respecto a base das relacións, cando perciben sen disimulo que o verdadeiro triunfo recae nos sen escrúpulos e nos desapiadados? Como podemos asustarnos do seu descaro detrás dos bens alleos, no afán por posuír e consumir, na tentación de que llo dean todo axiña e sen esforzo se esas son as liñas mestras do sistema polo que se produce, se gana, se crea e se quere que siga funcionando o mundo? Existe unha posible solución ao momento actual que pasa por unha palabra clave: redistribución. Pero resulta maldita, imposible, intocable, inoperante. En canto se toca redistribuír, todo se complica. Avanzar nesa liña non interesa, é discurso vacuo, sen futuro. De inmediato se nos ameaza con males maiores, con populismos, demagoxias e trampas sen fin detrás das que se agocha o único que podería frear estas manifestacións descontroladas, agresivas e destructivas. Redistribuír para igualar, ceder para demostrar que os valores que lles queremos ensinar á mocidade non son mera verborrea en contradicción coa vida diaria. De nada servirá ler desde parlamentos e tribunas, tarimas de aulas e púlpitos que necesitamos valores de esforzo, honradez, solidariedade e diálogo, se o que palpan é raspiña, saqueo depredador, abuso do débil. En fin, que os mozos lanzaranse aos comercios detrás de móbiles e roupas caras, mentres lles ensinemos que o único e verdadeiro éxito é a cobiza posesiva.