domingo, 5 de febrero de 2012

SÁLVESE QUEN POIDA

NADA PEOR nesta vida que pasala aburrida. A vida pódese vivir con sobresaltos, a bandazos, entre branco e negro, rodeados de incerteza, perigos e momentos de euforia, pero se toma o camiño do aburrimento convértese en insoportable. Tanto tememos ao aburrimento, sobre todo se aínda rebule en nós algunha muxica de ilusión, que, antes de encarreirarnos pola senda do tedio, estamos dispostos a cometer erros e a embarcarnos en aventuras sen ton nin son. Fuximos do fastío coma do frío que entumece os pés. Non se pode vivir narcotizados na apatía do repetitivo, mediocre, previsible. O cambio, a novidade e os retos transforman as nosas expectativas, dannos fortaleza para reavivarnos con cada proxecto que se emprende e renova.
Asustáronse as redes que transmiten opinión instantánea ao escoitar as palabras do mandatario italiano referíndose a que os mozos han de acostumarse a cambiar, moverse e non esperar un traballo estable. Lanzáronse os comentarios á degolo, considerando que o cinismo e a falta de respecto contra a mocidade europea en paro por parte do técnico salvador de Italia (ao parecer moi do estilo do capitán do cruceiro) era un desprezo inadmisible. E éo, pois os mozos están sen traballo estable e inestable. Pero non convén esquecer que, se o mundo se abre, as fronteiras se van furando e a cada paso somos máis cidadáns europeos, o máis probable é que haxa que se ir afacendo a unha mobilidade que conviría saber ata que punto é saudable e enriquecedora. Levamos anos escoitando a profecía de que os traballos para sempre irán desaparecendo. Son varias as décadas nas que se vén insistindo na necesidade da aprendizaxe e reciclaxe permanentes. Non eran mensaxes baleiras para entreternos en congresos inútiles. Pasa dunha década que Richard Sennett publicara A corrosión do carácter. Naquel ensaio xa adiantaba que a esencia do noso futuro xiraba arredor da improvisación para poder sobrevivir, que a incerteza forma parte da práctica cotiá e que a consigna de "nada a longo prazo" desorienta a acción planificada , disolve os vínculos de confianza e compromiso e separa a vontade do comportamento. A conduta flexible e cambiante pode traer o éxito, pero tamén ía acompañada da debilidade do carácter, pensaba Sennett, por iso os triunfadores non se atrevían a presentar a súa propia vida coma un relato exemplar. Iso era hai dez anos. Agora xa si, xa non se reprimen en absoluto. Non se consideran co carácter corroído, non temen invitar a saír do aburrimento aos que padecen a incongruencia do sistema. Simplemente, refuxiados no seu triunfo cego, permítense avisar sen o máis mínimo remorso que pasou o tempo de que debamos coidarnos e protexernos entre nós. O malo é que este aviso de sálvese quen poida é o peor dos aburrimentos.

martes, 31 de enero de 2012

O FILLO DO COCIÑEIRO

Cando vin que os ollos se lle enchían de auga e trataba cos seus puños grosos de conter as bágoas que lle saltaban dos ollos, intentei tranquilizalo con razoamentos que estou seguro de nada lle serviron. Deberías pensar, prediquei no deserto, que non deixas de ser un neno afortunado, moitos quixeran estar no teu lugar. Retirou os puños dos ollos para me mirar incrédulo cos ollos encarnados e mollados. Si, continuei co argumento por se podería servir de mínimo anestésico, moitos compañeiros teus están pasando por momentos tan difíciles ou máis ca ti na súa casa. Noteille ganas de retrucar o meu argumento pero asaltouno outro trebón de bágoas e volveu a poñer un dique protector. Claro, home, pensa, continuei -cando un se agarra a un salvavidas, non o solta aínda que xa se vexa no fondo do mar-: hoxe moitos dos teus compañeiros de estudos teñen a seu pai (ás veces ao pai e máis á nai) no paro, e iso si que é triste.
Como as bágoas xa lle enzoufaban toda a cara, busquei un pano de papel e ofrecinllo. Non, non, rexeitouno en primeiro intentando enganarme como que non choraba, pero ao mirar que tamén os puños estaban enchoupados, aceptouno e limpouse.
Recuperada unha miga de tranquilidade, continuou detallándome: é que outros anos eran corenta e cinco días pero agora son catro meses. Tes razón, non me quedou outra que admitir a evidencia, pero a cambio gana un salario, ten cartos para que ti e teu irmán poidades comer, vestir, seguir estudando... Ten que cociñar para moita xente, cortoume nun xiro narrativo buscando respiro en asuntos que notou eu non dominaba, é coma cociñar para unha voda cada día. Non o dubido, aceptei e calei para que me seguise contando. Son el e máis outro, fan falla dous cociñeiros polo menos, un só non da abasto para tanta xente, ademais cómpre cociñar moi ben, a xente se non come ben non traballa ben, e ese traballo, meu pai dimo sempre, é moi duro, fai falla ser moi forte e resistente, non serve calquera, eu non penso traballar nunca así, por iso meu pai quere que estude. Mellorando estás, animeino, as túas notas son moito mellores cás do ano pasado. Fixo un alto na narración, coma se lle volvesen ao acordo ideas tristes, quedou un anaco en silencio e dun golpe rematou: ten razón que non ter traballo é peor, non digo que non, limpou o nariz co pano de papel, pero o mar ten moitas tormentas, e aínda que o barco é moi grande, mamá sempre ten medo, e eu tamén, pode pasar calquera cousa, e aínda que chama cada noite, ata que volva faltan tres meses, e si, é certo que despois pasa dous meses na casa, pero para que veña aínda falta moito e as Malvinas quedan moi lonxe.

DAVOS NON, DELFOS

Non podo evitar estar cada ano pendente de Davos. Creo que é porque me vén á memoria A montaña máxica de Mann. Certo que a única semellanza entre a novela e a reunión de grandes homes (e mulleres) da actualidade queda reducida á fría e fermosa paisaxe, pero a min sóbrame para estar atento ao que din as variadas, intelixentes, triunfadoras, ricas e determinantes personalidades que acoden á localidade suíza. Na reunión de cada ano case sempre sobresae algún cantante (algún, cantante por oficio, non polas arroutadas que solta) lanzando ideas obvias coma se contivesen concentrada A crítica da razón práctica de Kant ou o Ética e Política de Aristóteles. No que levamos da xuntanza deste ano xa me chegaron pílulas de personalidades sobresaíntes. A primeira advertencia chega da intelixencia soberbia de Soros, ese meigo capaz de amasar cartos coma se lle viñese ditado desde o ADN transmitido por vía paterna (se cadra si). Resúmese a súa mensaxe en que rifa aos dirixentes europeos porque non están actuando con intelixencia. Vén dicindo: os gobernos europeos estano facendo fatal. En especial Alemania, que actúa como un capataz, impoñendo disciplina fiscal. A austeridade alemá está creando tensións que poderían romper a UE. Pódese esixir disciplina, di o multimillonario, aos países con elevado déficit , pero entonces outros deben estimular as súas economías para no caer na espiral deflacionista . A Roubini, ese economista americano con brillo nos ollos de derviche turco, ao parecer o único que acerta nas predicións nas que todos erran, tampouco lle gusta como se está conducindo a crise en Europa. Se todos axustan ao mesmo tempo, non hai saída. Cáese nun círculo vicioso ( austeridade, recortes, conxélase a inversión e o gasto público, medo, contráese a demanda privada, caen beneficios empresariais, máis paro, menos impostos e volta a comezar con máis recortes) que podería incluso facer esbourar en malestar social. Tampouco lle gustan a Roubini as férreas receitas de Merkel, pero a dirixente alemá non se engruña. Hai que emular aos países que son rigorosos e austeros. Cómpren reformas, axustes, máis rigor, máis rigor. Máis Europa, pero con máis esforzo e máis reformas. Na fría Davos, os donos do mundo opinan, pontifican, reflexionan, caen folerpas de neve, pero Merkel non se inmuta. Na antigüidade, o templo de Apolo en Delfos era o máis soado e prestixioso para desentrañar os misterios do destino. Por medio da Pitonisa querían reis, artesáns, guerreiros e poetas desenlear a maraña dos temores diante do futuro. A fe era tanta que nunca fallaba a predición, quen fallaban eran os intérpretes do que de maneira críptica se anunciaba naquel santuario. Tal vez debamos volver os nosos ollos a Delfos e esquecernos de Davos. Postos a crer, mellor nas mans de Apolo que nas de Soros ou Roubini. Descoñezo se as pitonisas profetizaban baixo efectos de substancias que as embriagaban tal e como o escritores cristiás nos quixeron convencer, é probable que canto anunciaban non fosen máis que enredos confusos para alimento das mentas famentas de claridade diante da rudeza do destino. Non importa. Se o xefe dos exércitos quería saber hora e día de ataque favorable, consultaba; se a defensa da nación debaía ou non encomendarse a tal estratexia diplomática, consultábase; se o conflito familiar xiraba arredor dun nó de pezoña da que había que se arredar, a consulta era obrigada. Non importaba o resultado da consulta. Se a realidade non coincidía co prognosticado, peor para a realidade, non soubera ler ben o complexo mensaxe do oráculo. Algo similar está ocorrendo coas mensaxes dos expertos actuais. Eles sempre acertan. Os que fallan son os datos, a realidade económica, as reformas mal feitas, os axustes pouco contundentes. Os diagnósticos e prognósticos son sempre correctos, van na dirección adecuada. Só falta que saibamos ler, interpretar. Por iso aos profetas de Davos sempre lles vai ben. Nunca lles saen mal as contas. Instalados no silencio luxoso do aire limpo, tal e como en Delfos entre loureiros, musas e liras, os intermediarios dos deuses modernos tamén prognostican sen medo ao erro. Sempre atinan. Os que nos equivocamos somos os que consultamos, os que imos con fe inquebrantable a solicitar a súa confortable palabra que nos tranquilice diante do cruel destino. Por iso eu manteño, chegados a este punto, e estando as cousas como están, mellor volver a Delfos e non a Davos, pois, aínda que como tal Delfos xa nos exista, lugares haberá polo Parnaso que permitan aos gregos elevar un altar dende o que desenredar o escuro futuro. Así, se non máis, concentrariamos aos ricos do mundo en Grecia, inicio da cultura europea, inicio desta desfeita económica que trae de cabeza a Europa, para lle dar unha miga de respiro nestes tristes e duros días.

domingo, 22 de enero de 2012

REPARTO SOCIAL DAS EMOCIÓNS

DITO DA MANEIRA que nolo dita o sentido común: compartir penas e preocupacións con persoas achegadas, alivia e fai ben. Claro que se participamos cos demais das nosas ledicias e estados de ánimo positivo tamén aumenta o noso benestar. Co que a conclusión acae sen esforzo: ver xente e relacionarse mellora o humor. Por iso, cando as preocupacións, tristezas, melancolías ou alegrías nos invaden, sempre é bo buscar con quen compartilas. E cando un vai vello, se xubila ou pasa por un período de crise, sempre se lle aconsella que non abandone as relacións sociais. O malo é que hai momentos nos que, precisamente debido á melancolía, á tristeza ou a que cavilamos e rumiamos inutilmente nas nosas desgrazas, non estamos en condicións de establecer contactos cos demais. Pechamos un círculo vicioso: sentiríame moito mellor se me relacionase, pero como estou mal non me relaciono e así estou peor e máis incapacitado para me relacionar.
Nun estudo realizado por psicólogos sociais, pedíuselle a voluntarios que se achegasen e falasen durante algúns minutos ao día con persoas descoñecidas do sexo oposto. Avaliados os estados de ánimo antes e despois do encontro, comprobouse que o feito de manter esa relación con persoa descoñecida de sexo oposto beneficiaba o estado de ánimo de maneira considerable. Outro tanto acontecía cando a outros voluntarios se lles pedía que se achegasen á súa parella comportándose coma se fose a primeira vez que se falaban. Cal era a causa de tal benestar? Intentar dar boa impresión. Se na nosa conduta habita máis ou menos oculto o desexo de agradar e ata certo punto seducir ao outro, a posibilidade de benestar aumenta porque estamos en condición de verificar a nosa aceptación social. A todos nos gusta agradar, comprobar que gustamos. Outra cousa é que o admitamos. Preguntados os voluntarios sobre a importancia que podería supoñer tal contacto na elevación da súa moral, todos desprezaron o efecto que podería supoñer. Parece que tendemos a valorar máis do debido a nosa estabilidade e impermeabilidade diante do entorno, coma se foramos imperturbables. Cando non. Pertúrbanos moito o que os outros pensen, digan e cómo se comporten con nós. Mellor sabelo. E sabido todo, sen dúbida moito mellor que andemos atentos a participar cos outros non só as nosas penas e desgrazas, senón tamén nas ledicias e esperanzas, facéndoo, ademais, coma se estiveramos diante da primeira e transcendente oportunidade de quedar ben e deixar unha boa imaxe. Que nos recoñezan, gustar e comprobar que caemos ben, impórtanos e alédanos moito máis do que con frecuencia queremos admitir.

A PASTILLA PARA NON SER VAGO

Despois de varias entrevistas tan repetitivas como inútiles, pregunteille directamente ao mozote: pero ti que é o que queres? Quedou un momento calado, mirou para os pés, fregou nas mans coma para limpar de eufemismos a reposta, ergueu a mirada e respondeu: pois a min o que me gustaría é que houbese un pastilla para non ser vago. Non a hai, decepcioneino. E tivemos que seguir falando. Son moitos os adolescentes que, cando se miran sen anteollos, chegan á transparente fonte dos seus problemas: son vagos, máis nada. Non coñeceron a Mencano pero poderían pasarse o día cantando “Hoy no me quiero levantar”. Si, érguense, van á escola, transportan o excesivo peso dos libros escolares, soportan as horas duras de clase, continúan polas tardes con máis do mesmo nunha academia tratando de estudar o que non estudaron no instituto pola mañá e regresan á noitiña esgotados de non aprender nin recibir a máis mínima satisfacción ao longo do día. Pero coma se non se levantaran. Un e outro día de rutina frustrante incapacítaos para saber esforzarse con rendemento e gratificación. Aloulados na cativadora potencia dos trebellos de comunicación actual, tan rápidos na resposta, tan automáticos e fáciles ao engado, foxen por norma de todo adestramento para o fortalecemento da vontade e do dinamismo. Para comezar, falar hoxe de vagos e lacazáns soa moi antigo. Aquí parece que ninguén pode contar cunha predisposición biolóxica á pasividade e á indolencia, e tampouco moito que a carencia de bos hábitos vai torcendo a facilidade para ser activos e manter a raia os estados de ánimo. O politicamente correcto parece que obriga a falar sempre de motivación ou falta dela, carencia de reforzos adecuados ou do aporte das vitaminas afectivas, que a todos tantos nos gustan, e que, se non as recibimos, parece que quedamos desculpados de toda responsabilidade. Os nenos non son lacazáns, teñen malos adultos que non lles saben mandar; os estudantes non son vagos, contan con pésimos profesores que non os saben motivar. Sen ridiculizar o que de verdade puidera existir nestes argumentos, admitamos dunha vez que descoidamos máis do debido o adestramento en fórmulas para fortalecer a vontade e o ánimo, estratexias para activar a dedicación e resistencia diante das obrigas, mesmos daquelas que non gustan nada. Manifestar que non se realiza algo porque non gusta acéptase hoxe coma unha razón de peso e mesmo serve como acusación contra os ensinantes: non saben facer atractiva a materia, escoitase a miúdo, o que non deixa de ser algunhas veces certo, pero non é razón absoluta. Cantas veces non debemos desfacer o equívoco de que non todo o que se ha de aprender debe estar fundamento unicamente no desexo e curiosidade do aprendiz! Nin todo ha de apetecer por lei para que teñamos que esforzarnos nin – outra tampa para a inactividade- todo ha de contar cunha utilidade inmediata e medible. Para que serven as matemáticas, para que saber sobre as troulas de Homero, para que memorizar determinados nomes difíciles se os vou a esquecer, pregúntanse con frecuencia algúns estudantes buscando unha coartada que os libera do esforzo. E así, unha trampa detrás doutra, ata caer na inercia de non ser quen de esforzarse activamente diante do estudio, de non exercitar a memoria nin a lóxica nin o pracer de resolver nin o gusto polo que se resiste e á fin é aprendido. Ata que se instalan na vagancia, no rexeite de todo esforzo, e medran as razóns xustificativas de evitación: estudar non serve para nada, tanto ten estudar coma non facelo, os que estudan tampouco atopan traballo..., acabando na máis gloriosa escusa , digna de enmarcar, dos nenos vagos por excelencia: a min non me gusta estudar, eu o que quero é traballar. Algúns, antes de chegar á conclusión anterior, pasan polo realismo de recoñecer que necesitan unha pastilla para a vagancia. E como non existe, só me ocorre recomendarlles algo que non lles parece garde gran relación co que desexan: actividade física, traballo doméstico, realización de tarefas sinxelas nas que experimenten que son bos en algo. Máis vale facer cousas sinxelas, doadas de controlar, que pasar o tempo remoendo, buscando as causas de non estar motivado ou rumiando a pouca utilidade dos estudios que hai que realizar. Para quen tende á indolencia e á tristeza, mellor realizar cousas pequechas que lanzarse a accións e proxectos ambiciosos pero abortados, que non se intentan levar ata o final. A colaboración organizada, pero non por enredo, senón como obriga responsable e imprescindible nas tarefas do fogar, exercita moito para non ser lacazán. A actividade física, o exercicio ou o deporte son as mellores pastillas para a acedía. Os pais, sempre prestos para favorecer ao máximo as condicións dos fillos como estudantes, estamos atentos a darlles todo feito a ver se así se centran e estudan mellor. Craso erro. Se non queremos que os venza a vagancia, habituémolos progresivamente a ser activos, organizados e constantes (con motivación ou sen ela, ás veces porque si, pois a motivación nace de accións realizadas). É a mellor pastilla.

domingo, 15 de enero de 2012

MULLER CHEGADIÑA

É NOVA, moi nova, se nos atemos á idade na que hoxe as mulleres deciden ter fillos. Atopeina nunha rúa costenta e había tantos meses que non coincidiamos que me sorprendeu vela tan chegadiña. Pasada de días, díxome. Fermosísima. A pel da cara loce nela coma a dunha mazá no seu punto de madurez. O ventre estalando obrígaa a botarse cara atrás, empinada, dándolle un atractivo inexplicable ao seu corpo. Parecíame que era o segundo dos seus fillos, pero equivócome: será a terceira, cousa tamén rara nestes tempos. Deséxolle o mellor para cando naza e despídome envexando a súa seguranza, o optimismo que transmite, como se non lle afectase a crise que a todos nos paraliza. Ela, como tirada pola vida que leva dentro, ningún medo a asusta, ningunha angustia a consome. Baixa a modo pola costa, plácida, coa risa imposible de retirar da boca.
Eu continúo subindo a rúa costenta prendido na ledicia que despide a moza. Como contraste penso con realismo, paréceme, no difícil que resultará hoxe, coa incerteza que o invade o futuro, criar tres nenos. Tres nenos con pais que posiblemente teñan o traballo pendente dun fío, un piso pequecho no que malamente poden vivir ben dúas persoas, canto máis cinco, cos axustes que poden afectar a educación ou sanidade. Sen embargo, no medio da reflexión realista, volvo á alegría da embarazada, á seguranza nada ficticia que respiraba, e admito que non é se cadra o camiño da previsión ao que estamos afeitos o que nos sacará do desconcerto actual. Serán sen dúbida esas mulleres decididas, os seus compañeiros que apostan por novas vidas, os que atoparán fórmulas e camiños distintos aos xa gastados. Esta sociedade calculadora, previsora ata en dar a vida, pragmática e utilitarista, xa vemos que non pode calcular nin prever tanto como pretende. Ese estilo de relación imperante de papá, mamá, fillo, a unidade trinitaria (como máximo a parelliña) de familia, domesticada polas relacións laborais, o urbanismo e as expectativas últimas, xa vimos que tampouco trouxeron unha colleita moito mellor ca de estruturas familiares anteriores. A situación económica actual está forzando a reencontros e apoios familiares que parecían esgotados. As relacións de parentesco non parecen que tendan por estes pagos a regresar á familia como unidade de produción, pero así como en determinadas latitudes o descontrol na natalidade pode ser un factor de atasco, aquí, ao contrario, os temores e controis excesivos poden estar freando a potencia e revitalización que sempre traen os fillos. Vendo á muller chegadiña a punto de ter a súa terceira filla, tan nova, tan segura, acordoume se non deberiamos deixarnos guiar máis pola espontaneidade da vida.