É NOVA, moi nova, se nos atemos á idade na que hoxe as mulleres deciden ter fillos. Atopeina nunha rúa costenta e había tantos meses que non coincidiamos que me sorprendeu vela tan chegadiña. Pasada de días, díxome. Fermosísima. A pel da cara loce nela coma a dunha mazá no seu punto de madurez. O ventre estalando obrígaa a botarse cara atrás, empinada, dándolle un atractivo inexplicable ao seu corpo. Parecíame que era o segundo dos seus fillos, pero equivócome: será a terceira, cousa tamén rara nestes tempos. Deséxolle o mellor para cando naza e despídome envexando a súa seguranza, o optimismo que transmite, como se non lle afectase a crise que a todos nos paraliza. Ela, como tirada pola vida que leva dentro, ningún medo a asusta, ningunha angustia a consome. Baixa a modo pola costa, plácida, coa risa imposible de retirar da boca.
Eu continúo subindo a rúa costenta prendido na ledicia que despide a moza. Como contraste penso con realismo, paréceme, no difícil que resultará hoxe, coa incerteza que o invade o futuro, criar tres nenos. Tres nenos con pais que posiblemente teñan o traballo pendente dun fío, un piso pequecho no que malamente poden vivir ben dúas persoas, canto máis cinco, cos axustes que poden afectar a educación ou sanidade. Sen embargo, no medio da reflexión realista, volvo á alegría da embarazada, á seguranza nada ficticia que respiraba, e admito que non é se cadra o camiño da previsión ao que estamos afeitos o que nos sacará do desconcerto actual. Serán sen dúbida esas mulleres decididas, os seus compañeiros que apostan por novas vidas, os que atoparán fórmulas e camiños distintos aos xa gastados. Esta sociedade calculadora, previsora ata en dar a vida, pragmática e utilitarista, xa vemos que non pode calcular nin prever tanto como pretende. Ese estilo de relación imperante de papá, mamá, fillo, a unidade trinitaria (como máximo a parelliña) de familia, domesticada polas relacións laborais, o urbanismo e as expectativas últimas, xa vimos que tampouco trouxeron unha colleita moito mellor ca de estruturas familiares anteriores. A situación económica actual está forzando a reencontros e apoios familiares que parecían esgotados. As relacións de parentesco non parecen que tendan por estes pagos a regresar á familia como unidade de produción, pero así como en determinadas latitudes o descontrol na natalidade pode ser un factor de atasco, aquí, ao contrario, os temores e controis excesivos poden estar freando a potencia e revitalización que sempre traen os fillos. Vendo á muller chegadiña a punto de ter a súa terceira filla, tan nova, tan segura, acordoume se non deberiamos deixarnos guiar máis pola espontaneidade da vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.