domingo, 22 de enero de 2012

A PASTILLA PARA NON SER VAGO

Despois de varias entrevistas tan repetitivas como inútiles, pregunteille directamente ao mozote: pero ti que é o que queres? Quedou un momento calado, mirou para os pés, fregou nas mans coma para limpar de eufemismos a reposta, ergueu a mirada e respondeu: pois a min o que me gustaría é que houbese un pastilla para non ser vago. Non a hai, decepcioneino. E tivemos que seguir falando. Son moitos os adolescentes que, cando se miran sen anteollos, chegan á transparente fonte dos seus problemas: son vagos, máis nada. Non coñeceron a Mencano pero poderían pasarse o día cantando “Hoy no me quiero levantar”. Si, érguense, van á escola, transportan o excesivo peso dos libros escolares, soportan as horas duras de clase, continúan polas tardes con máis do mesmo nunha academia tratando de estudar o que non estudaron no instituto pola mañá e regresan á noitiña esgotados de non aprender nin recibir a máis mínima satisfacción ao longo do día. Pero coma se non se levantaran. Un e outro día de rutina frustrante incapacítaos para saber esforzarse con rendemento e gratificación. Aloulados na cativadora potencia dos trebellos de comunicación actual, tan rápidos na resposta, tan automáticos e fáciles ao engado, foxen por norma de todo adestramento para o fortalecemento da vontade e do dinamismo. Para comezar, falar hoxe de vagos e lacazáns soa moi antigo. Aquí parece que ninguén pode contar cunha predisposición biolóxica á pasividade e á indolencia, e tampouco moito que a carencia de bos hábitos vai torcendo a facilidade para ser activos e manter a raia os estados de ánimo. O politicamente correcto parece que obriga a falar sempre de motivación ou falta dela, carencia de reforzos adecuados ou do aporte das vitaminas afectivas, que a todos tantos nos gustan, e que, se non as recibimos, parece que quedamos desculpados de toda responsabilidade. Os nenos non son lacazáns, teñen malos adultos que non lles saben mandar; os estudantes non son vagos, contan con pésimos profesores que non os saben motivar. Sen ridiculizar o que de verdade puidera existir nestes argumentos, admitamos dunha vez que descoidamos máis do debido o adestramento en fórmulas para fortalecer a vontade e o ánimo, estratexias para activar a dedicación e resistencia diante das obrigas, mesmos daquelas que non gustan nada. Manifestar que non se realiza algo porque non gusta acéptase hoxe coma unha razón de peso e mesmo serve como acusación contra os ensinantes: non saben facer atractiva a materia, escoitase a miúdo, o que non deixa de ser algunhas veces certo, pero non é razón absoluta. Cantas veces non debemos desfacer o equívoco de que non todo o que se ha de aprender debe estar fundamento unicamente no desexo e curiosidade do aprendiz! Nin todo ha de apetecer por lei para que teñamos que esforzarnos nin – outra tampa para a inactividade- todo ha de contar cunha utilidade inmediata e medible. Para que serven as matemáticas, para que saber sobre as troulas de Homero, para que memorizar determinados nomes difíciles se os vou a esquecer, pregúntanse con frecuencia algúns estudantes buscando unha coartada que os libera do esforzo. E así, unha trampa detrás doutra, ata caer na inercia de non ser quen de esforzarse activamente diante do estudio, de non exercitar a memoria nin a lóxica nin o pracer de resolver nin o gusto polo que se resiste e á fin é aprendido. Ata que se instalan na vagancia, no rexeite de todo esforzo, e medran as razóns xustificativas de evitación: estudar non serve para nada, tanto ten estudar coma non facelo, os que estudan tampouco atopan traballo..., acabando na máis gloriosa escusa , digna de enmarcar, dos nenos vagos por excelencia: a min non me gusta estudar, eu o que quero é traballar. Algúns, antes de chegar á conclusión anterior, pasan polo realismo de recoñecer que necesitan unha pastilla para a vagancia. E como non existe, só me ocorre recomendarlles algo que non lles parece garde gran relación co que desexan: actividade física, traballo doméstico, realización de tarefas sinxelas nas que experimenten que son bos en algo. Máis vale facer cousas sinxelas, doadas de controlar, que pasar o tempo remoendo, buscando as causas de non estar motivado ou rumiando a pouca utilidade dos estudios que hai que realizar. Para quen tende á indolencia e á tristeza, mellor realizar cousas pequechas que lanzarse a accións e proxectos ambiciosos pero abortados, que non se intentan levar ata o final. A colaboración organizada, pero non por enredo, senón como obriga responsable e imprescindible nas tarefas do fogar, exercita moito para non ser lacazán. A actividade física, o exercicio ou o deporte son as mellores pastillas para a acedía. Os pais, sempre prestos para favorecer ao máximo as condicións dos fillos como estudantes, estamos atentos a darlles todo feito a ver se así se centran e estudan mellor. Craso erro. Se non queremos que os venza a vagancia, habituémolos progresivamente a ser activos, organizados e constantes (con motivación ou sen ela, ás veces porque si, pois a motivación nace de accións realizadas). É a mellor pastilla.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.