lunes, 3 de diciembre de 2012

"TREMENDAMENTE" TRANQUILO


ESCOITO na radio a voz grave do encargado de converter a Bankia en rendible, que solvente disque xa o é. Di que imos polo bo camiño. Non se altera o alto executivo e mantén a serenidade dun discurso plano e pleno en corrección política, abusando do termo "tremendamente", coma se así asegurase a súa solidariedade cos afectados polas preferentes, os desafiuzados e os traballadores que proximamente serán despedidos. Vese que é home afeito a decidir, non lle treme a voz ante ningunha das cuestións (suaves) que lle lanza a entrevistadora. Así, cando toca o tema que seria vergonzoso eludir sobre as responsabilidades, sen se inmutar argumenta que están todas saldadas: por unha banda os accionistas quedaron a cero e por outra os altos directivos foron relevados, ningún continúa dirixindo a entidade. Mais aí quedou sen reflexos a xornalista, sen a espontaneidade que esixía unha explicación sen escapatoria.
Estupendo, Sr. Goirigolzarri, pero sen acritude, que responsabilidade é esa de marchar dunha entidade á que conduces á ruína, levando no peto a gratificación groseiramente millonaria que che soluciona a vida presente e a dos teus herdeiros? O problema non é non estar, senón como se marchou. Aquí hai quen paga os erros das cabezas pensantes e decisorias dunha maneira dolorosa e sen misericordia e quen, polos seus propios erros, recibe unhas gratificacións económicas imposibles de xustificar se mire por onde se mire. Sobre iso nos gustaría saber que opina o correcto e tranquilo salvador da antiga caixa madrileña, porque esas boas palabras de que se tratará de que non sexan 6.000 os despedidos, que lamenta a situación de algúns que firmaron preferentes, de que aos vulnerables non se lles aplicará o desafiuzamento con rigor, que comprende a dolorosa situación de tantos cidadáns sen vivenda habendo vivendas a esgalla sen vender e toda esa imaxe de comprensión e bondade soa a música celestial. O que nos están custando a todos os erros cometidos polo descaro dos privilexiados e intocables directivos, non se pode silenciar dicindo que xa non seguen nos seus postos. Quen decidiu sepultar o noso sistema financeiro nun vertedoiro de cascallos inmobiliarios non debe desaparecer cos bolsos cheos de millóns para que a desfeita por eles causada só atope remedio recortando en sanidade, educación e xustiza. En fin, pareceume que este banqueiro segue "tremendamente" tranquilo.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

IRRITADO COA AUTOESTRADA

Se ben é certo que o momento de maior irritación se produciu na autoestrada, o inicio do malestar comezou atrás, no banco. O meu trato tormentoso cos bancos vén de lonxe, de cando contaba 7 ou 8 anos, pero o regreso pola vía da psicanálise á relación amor-odio bancaria non procede que me deteña agora a esmiuzala. Só aterme ao feito de hai varios anos, o empregado bancario que me atendía normalmente, posiblemente porque lle tocaba vender o “produto”, me tentou coa idea de aceptar un dispositivo electrónico para pasar pola peaxe da autoestrada sen necesidade de parar para pagar nin con moedas nin con tarxeta. É moi cómodo, convenceume axiña o traballador, con pegalo na parte do parabrisas que menos che estorbe, esquéceste de facer esperas, entras pola vía rápida, e non te complicas. Ademais é gratis, unha atención que temos para os clientes preferentes... E eu crino. Foi gratis o primeiro ano, pero os posteriores, relixiosamente, cada ano un día antes, pago dez euros coma un campión por aquel detalle cos clientes especias. Aí estivo o inicio da irascibilidade. Outra vez tragando o engado, porque ademais de non resultar gratis, mentres non me sometín a control, as facturas de fin de mes aumentaban coma leite no lume. Como non había que pagar no momento, veña autoestrada para arriba e para abaixo, tanto tiña que houbese présa coma que non, que fose día de traballo ou souto, coma se a fin de mes non pasasen a conta e a AP9 fose barata. De todo isto deduzan que levaba xa dous ou tres anos quecendo o lume da ira contra o banco e, por suposto, contra a autoestrada, cada día máis cara. Non sabía que estaba agardando o día de esbourar a ira ata que o mércores pasado o comprobei. Viaxaba coma outra veces e, chegado á peaxe, vexo ringleiras de coches agardando para pagar. Mira o gusto que dá contar co trebello electrónico, pensei contentándome, agora métome polo carreiro só para preferentes e os outros quedan mirando para min. Pero velaí que as dúas carreiras preferentes, polo que fose, amosaban un X en vermello iluminando e tamén nelas había que facer espera. Supoñendo que por algunha razón non se podería acceder por esa vía nese momento, de aí o X ben á vista en vermello, optei pola vía normal, a lenta, a chamada automática. Porque agora son automáticas. Despiden aos traballadores e colocan máquinas coas que pagas con moedas, tarxeta, e ata podes pedir axuda. Pola automática me metín. Mal feito. Só cambiar de vía, vexo que se abren de súpeto as rápidas e todos os que agardaban avanzan, como é lóxico, a unha velocidade moito maior que a miña, mentres eu sigo agardando na automática a que me chegue a miña quenda. Non me excito. Respiro fondo. Teño présa, pero non para tanto. Un erro. Non cómpre alterarse. Un dos que vai diante de min, por problemas que ás veces ocorren nas automáticas, debe pedir axuda, saír do coche, parlamentar cun empregado que vén socorrelo e retarda o pago en varios minutos. Ninguén se irrita, polo menos as bucinas non soan. Xa só me quedan tres diante de min. Non é para tanto, tranquilízome. Pasa un, outro, un terceiro e xa entro eu. Pois non. Xusto o que está diante de min tamén tropeza con algún inconveniente. Vexo que timbra, que saca a man pola fiestra, que volve a timbrar, que mira para atrás como pedindo desculpas, ata que, por fin, non entendín o problema, a barreira érguese e o coche avanza. Agora vou eu, penso. Pero non. Soa o pitido que indica que le a miña tarxeta de pago preferente, pero a barreira non se ergue. Detrás de min vexo un enorme camión con matrícula de Portugal e un condutor subido coma a unha torre de control que me vixía con mala cara. Como a barreira non se abre, timbro tamén eu na automática solicitando axuda. Os coches seguen pasando ao meu carón pola vía preferente a boa velocidade, moitos deles vehículos pesados que meten un ruído atronador. Un señorita trata de me axudar: está na automática, señor, pode pagar vostede con moedas ou con tarxeta de crédito. Pero eu conto con dispositivo electrónico, señorita, trato de lle explicar, e xa saltou, co que entendo debería abrirse a barreira ou corro o risco de pagar dúas veces. Non me debe de escoitar. Non recibo contestación. Nestas, o camioneiro portugués que debeu estar tragando bile durante todo o proceso, entrou en cabreo sen filtro e comezou e pegar uns bucinazos de transatlántico. Timbro de novo solicitando axuda e outra vez mal escoito por causa dos ruídos idéntica instrución á xa coñecida: pague con moedas ou tarxeta de crédito, está nunha vía automática, o dispositivo electrónico, aínda que pitou, non llo cobraremos, pero, se prefire, retroceda e entre pola vía rápida. Supuxen que a informante non era consciente do camión que tiña detrás ou non me aconsellaría tal cousa, pero como a bucina seguía, agora sen complexo de ningún tipo, queimando nos meus oídos, estalei: Abra dunha vez a barreira! A pesar do balbordo de tanto coche avanzando por tódalas vías menos pola miña e de que a bucina do meu perseguidor non cesaba, puiden entender: Non entorpeza o paso, señor, non ve que está atascando a vía? Atascando que? Acordeime do banco, do dispositivo electrónico, das subas terroristas da AP9, da automática e ata supoño da nai de alguén que non tiña culpa algunha. Cando volvín a certo sosego, dinme conta que xa non soaba ningunha bucina, o camión optara por recuar e meterse por outra saída, non tiña ninguén detrás de min. Todos elixían outras vía, deixábanme coa miña irritación diante da miña automática. Comprobado que ninguén me facía caso e que o ridículo non me levaba a ningures, retrocedín, metinme pola vía rápida e seguín maldicindo aos bancos, á autoestrada que non é unha navallada á nosa terra pero si cara a máis non poder e á automática que me fixo perder os nervios.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 25 de noviembre de 2012

EL TIEMPO

EL TIEMPO PRIMERO NOS ENCALLA Y DESPUÉS NOS CONFUNDE. CREÍAMOS SER MADUROS CUANDO LO ÚNICO QUE HACÍAMOS ERA ESTAR A SALVO. PENSÁBAMOS QUE ÉRAMOS RESPONSABLES PERO SÓLO ÉRAMOS COBARDES. LO QUE LLAMÁBAMOS REALISMO RESULTÓ SER UNA MANERA DE EVITAR LAS COSAS EN LUGAR DE AFRONTARLAS. EL TIEMPO..., QUE NOS DEN SUFICIENTE Y NUESTRAS DECISIONES MÁS SÓLIDAS PARECERÁN TEMBLOROSAS, NUESTRAS CERTEZAS FANTASIOSAS.


JULIAN BARNES. EL SENTIDO DE UN FINAL

A INDECENCIA COMO SAÍDA


NON debe haber outra saída do tobo que as medidas indecentes. Parece coma se estiveramos condenados a esa cruz, coma se sen indecencia non houbese salvación. Os gobernantes, cansos de se reunir e sopesar, acordan solucións nunha dirección única, e ata fan pensar que non existen outras. Así, cínicos e sen vergonza, declaran unha amnistía fiscal, non controlan a fuga de capitais e dan gato por lebre facéndonos crer que perseguen o fraude, cando en realidade non deixan de caer na indecencia fácil de castigar sen piedade ao asalariado. Premiar ao defraudador e castigar ao cidadán honrado paréceme dunha indecencia indignante. E isto é o que se vén facendo sen escrúpulo.
Non contentes, dan facilidades aos negocios máis escuros modificando leis e consentido falcatruadas varias con tal de aparentar creación de emprego, aforran rebaixando servizos básicos, que a quen máis prexudican é os máis necesitados, creando cada día máis excluídos. Recortar en sanidade, educación, dependencia e xustiza non é máis que bater sen piedade contra os máis necesitados. Que neste momento sexamos na eurozona o país de maior desigualdade social despois de Romanía é dunha indecencia inxustificable.
Repítese con teimosía, como explicación diagnóstica da situación actual, que todos vivimos por riba das nosas posibilidades e por iso agora demos pagar con tanto sufrimento por aquel mortal pecado. Non tal. Por máis que o repitan non me convencerán. Os asalariados que pagamos honradamente os nosos impostos non causamos a crise nin a desigualdade. As grandes construtoras que se enriqueceron de maneira pornográfica, as caixas e bancos, os mercados financeiros globalizados, os gobernos corruptos e as institucións encargadas do control si deben mirar se viviron e pretenden seguir vivindo por riba das súas posibilidades, sendo eles os que obrigan coas súas artimañas a que non quede outra que as solucións indecentes. Porque ao final, cando se propón a medida decente, que os verdadeiramente ricos, sen posibilidade de escamotearse nin chantaxear, contribúan proporcionalmente cos seus impostos para reactivar e redistribuír, sempre se atopan escusas e razoamentos para desprestixiala e ridiculizala. Co que seguimos condenados á saída pola vía da indecencia e, para que non rechiemos, recitando a ladaíña que nos culpa: por vivir por riba das nosas posibilidades.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

NON SE AMOREEN DIANTE DOS XULGADOS

Viu o ministro Ruíz Gallardón que nos xulgados se amoreaban cantidades insoportables de demandantes, que nos estabamos todos afeccionando en exceso a litigar pola máis mínima, e decidiu cortar polo san. Non se me amoreen diante dos xulgados, parece berrar o melómano ministro. E para que non pensemos que fala de oído, sen a máis mínima preguiza establece unhas taxas que supón farán sopesar ao cidadán dúas veces antes de poñer pé nos xulgados. Xa saben: tanto por asuntos civís, administrativos ou sociais, a partires de agora, miren o libreto das taxas, pois pode ir o comido polo servido ou nin merecer a pena meterse en encaldadas. Convén, iso si, non ocultar que os insolventes e os xubilados poderán acceder a estes servizos de maneira gratuíta. A medida parece estar máis encamiñada a disuadir que a recadar, pero de calquera maneira o que vai é na mesma dirección ideolóxica que outras decisións adoptadas nos últimos anos: os servizos básicos non son de balde, cada quen fará uso deles en función a súa capacidade económica. Educarse, curarse ou solicitar xustiza xa non serán servizos universais senón que dependerán da capacidade económica dos que solicitan tales servizos. Por suposto que antes tamén existía a posibilidade de te diferenciar polo nivel económico. Xa o creo. Colexios elitistas e exclusivos non estaban ao alcance de calquera, clínicas prohibitivas seleccionaban aos seu enfermos e bufetes expertos en lles buscar as caravillas aos tribunais só estaban a disposición de grandes fortunas e mafiosos para que os xuízos eternos e caros acabasen coa paciencia dos contrarios. Pero é que a tendencia actual vai na liña de que sen pudor, de maneira evidente e clara, se elimine esa capa intermedia que antes disimulaba estas evidencias excesivas. Se antes unha clase media poderosa disimulaba estas excrecencias, agora todo indica que os tempos que veñen non sentirán a máis mínima vergonza en exhibir, a cada paso con máis descaro, a estrutura social que se pretende: unha clase poderosa intocable, outra atemorizada e empobrecida, desnortada, en terra de ninguén, e a claramente encadrada na beneficencia. Pode soar a simplismo ou inxenuo falar agora de xustiza para ricos cando todos sabemos que o proceso xudicial non pode esquivar os condicionantes de poder económico. Pero non se pode negar que medidas disuasorias coma as que propón Gallardón “el joven”, non favorecen a igualdade diante da lei. Desde que abrimos os ollos á realidade sabemos que non somos iguais en nada, pero se de algo nos enchía de orgullo o sistema democrático da división de poderes era da ilusión de que todos eramos iguais diante da xustiza: ata o xenro do rei. Pero os feitos e medidas deste goberno aceleradamente escorado cara as medidas máis en contra da igualdade estannos recordando que efectivamente non todos os gobernos son iguais. Aínda na escasa capacidade de manobra que é doado recoñecer, tender cara unha dirección ou outra cambia substancialmente o futuro dunha sociedade. O melómano Gallardón parece que non se anda con miramentos á hora de cargar a peza na percusión, redobre de timbais coa escusa de que tanta saturación é insostible e que non se pode realizar mal uso dun servizo tan fundamental, só anuncia un discorrer da peza cara un desafine evidente, onde os instrumentos, por clases, cada un tocará ao seu aire, perdendo a sinfonía o engarce e harmonía á que se debería tender. Miremos ben o libreto a partires de agora, os tempos tampouco na xustiza están para líricas. Se tiñan intención de demandar porque lles caeu unha tella enriba, pénseno; se aquela multa lles parece que merece recurso, nin se lles ocorra; se pretenden o divorcio, antes traten dun arraxo; se cren que deben reclamar por unha mala práctica profesional, coidadiño; se eran dos que preiteaban co veciño antes que tirar de sacho, pénseno dúas veces. Gallardón tomou a batuta e dirixe esta partitura para ir liberando os xulgados, para que se traten os casos que se deben tratar (quen se poida permitilo) e, ao tempo, recadar un cartiño máis para o Estado, sabido é que todo cando apaña a nada lle chega. Arreden, arreden dos xulgados que nos estamos convertendo nuns litigantes sen ton nin son. Isto estaba collendo un rumbo insostible. Todos querían educación gratis e de calidade, todos esixían sanidade inmellorable e universal, todos utilizaban sen miramentos a xustiza coma se non custase cartos. Acabouse. Aprendamos dunha vez que os servizos son caros, que os impostos non dan para tanto, que aos que teñen moito non se lles poden subir porque se enfadarían moitisimo e castigaríannos moito máis do que o están facendo e que a única medida razoable é a que xa estamos vendo: menos profesores, menos doutores e enfermeiros e menos facilidades para acceder á xustiza. Así, cada quen no seu lugar, aprenderemos a non querer saír de onde non debemos e tentar poñer o pé fóra do testo.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 19 de noviembre de 2012

ARREDA DE DIANTE DO MEU HOME


AO remate, a seguridade do mundo depende dun fío: dunha noite de celos, dun encontro no que un escote suscite máis desexo do soportable ou da dinámica dunha competencia envelenada entre rivais ardentes na que un día, a máis ambiciosa, intelixente e agresiva non aguanta máis e levanta a tapa do baúl dos tronos, intrigas, falsidades, correos electrónicos, sexo e festas en Tampa. Todo isto vénse sabendo dende os clásicos, pois os propios deuses caían nas redes das trampas máis estúpidas que o sexo e o poder estenden sen descanso, pero agora demos en aprendelo nas series americanas, verdadeiras escolas de vida, e, de vez en cando, a través dos xornais do mundo cando converten unha anécdota vulgar en serio asunto de Estado. Tal é o caso do guión do próximo Homeland que nos veñen adiantando Petraeus, esposa, Allen e amigas.
Está claro que a vida sempre supera á ficción, mesmo cando bebe tanto da realidade como é o caso da serie tan premiada deHomeland. Miren por onde, andaba estes día tragando capítulos atrasados para ver se a obsesiva Carrie é quen de controlar a súa bipolaridade mentres segue a pista do atormentado e perigoso marine que volve á casa despois dos duros oito anos sometido á tortura e lavado de cerebro por parte dos máis intelixentes terroristas, cando salta ás páxinas primeiras da curiosidade universal o asunto de saias, celos, fraxilidade e mentiras dos heroes americanos encargados de protexer á nación dos máis malvados dos malvados. E por se as similitudes fosen poucas, F.W. Humphries II, o axente que o descobre, non é bipolar, pero coinciden as informacións en que presenta características obsesivas de can de présa. E aí teñen montado relato: heroe de guerra, afeito a mil penalidades, non resiste aos encantos de muller ambiciosa e preciosa, os correos por milleiros voan a través de canles secretas coma mensaxes cifrados de axentes dobres abortando misión asasina, a CIA e o desexo vixíanse mesturando perigo con ardor, atracción con vinganza, traizón con vergonza e competencia. Ata que unha muller lle espeta á outra: Arreda de diante do meu home, esboura todo nos papeis e na rede, e aí teñen ao flamante Obama tranquilizando ao mundo con que a seguridade do país non correu perigo. E nós crémolo. Porque dende as traxedias gregas sabemos que ata os deuses caen nestas trampas que son as que realmente moven o mundo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO