domingo, 25 de noviembre de 2012

NON SE AMOREEN DIANTE DOS XULGADOS

Viu o ministro Ruíz Gallardón que nos xulgados se amoreaban cantidades insoportables de demandantes, que nos estabamos todos afeccionando en exceso a litigar pola máis mínima, e decidiu cortar polo san. Non se me amoreen diante dos xulgados, parece berrar o melómano ministro. E para que non pensemos que fala de oído, sen a máis mínima preguiza establece unhas taxas que supón farán sopesar ao cidadán dúas veces antes de poñer pé nos xulgados. Xa saben: tanto por asuntos civís, administrativos ou sociais, a partires de agora, miren o libreto das taxas, pois pode ir o comido polo servido ou nin merecer a pena meterse en encaldadas. Convén, iso si, non ocultar que os insolventes e os xubilados poderán acceder a estes servizos de maneira gratuíta. A medida parece estar máis encamiñada a disuadir que a recadar, pero de calquera maneira o que vai é na mesma dirección ideolóxica que outras decisións adoptadas nos últimos anos: os servizos básicos non son de balde, cada quen fará uso deles en función a súa capacidade económica. Educarse, curarse ou solicitar xustiza xa non serán servizos universais senón que dependerán da capacidade económica dos que solicitan tales servizos. Por suposto que antes tamén existía a posibilidade de te diferenciar polo nivel económico. Xa o creo. Colexios elitistas e exclusivos non estaban ao alcance de calquera, clínicas prohibitivas seleccionaban aos seu enfermos e bufetes expertos en lles buscar as caravillas aos tribunais só estaban a disposición de grandes fortunas e mafiosos para que os xuízos eternos e caros acabasen coa paciencia dos contrarios. Pero é que a tendencia actual vai na liña de que sen pudor, de maneira evidente e clara, se elimine esa capa intermedia que antes disimulaba estas evidencias excesivas. Se antes unha clase media poderosa disimulaba estas excrecencias, agora todo indica que os tempos que veñen non sentirán a máis mínima vergonza en exhibir, a cada paso con máis descaro, a estrutura social que se pretende: unha clase poderosa intocable, outra atemorizada e empobrecida, desnortada, en terra de ninguén, e a claramente encadrada na beneficencia. Pode soar a simplismo ou inxenuo falar agora de xustiza para ricos cando todos sabemos que o proceso xudicial non pode esquivar os condicionantes de poder económico. Pero non se pode negar que medidas disuasorias coma as que propón Gallardón “el joven”, non favorecen a igualdade diante da lei. Desde que abrimos os ollos á realidade sabemos que non somos iguais en nada, pero se de algo nos enchía de orgullo o sistema democrático da división de poderes era da ilusión de que todos eramos iguais diante da xustiza: ata o xenro do rei. Pero os feitos e medidas deste goberno aceleradamente escorado cara as medidas máis en contra da igualdade estannos recordando que efectivamente non todos os gobernos son iguais. Aínda na escasa capacidade de manobra que é doado recoñecer, tender cara unha dirección ou outra cambia substancialmente o futuro dunha sociedade. O melómano Gallardón parece que non se anda con miramentos á hora de cargar a peza na percusión, redobre de timbais coa escusa de que tanta saturación é insostible e que non se pode realizar mal uso dun servizo tan fundamental, só anuncia un discorrer da peza cara un desafine evidente, onde os instrumentos, por clases, cada un tocará ao seu aire, perdendo a sinfonía o engarce e harmonía á que se debería tender. Miremos ben o libreto a partires de agora, os tempos tampouco na xustiza están para líricas. Se tiñan intención de demandar porque lles caeu unha tella enriba, pénseno; se aquela multa lles parece que merece recurso, nin se lles ocorra; se pretenden o divorcio, antes traten dun arraxo; se cren que deben reclamar por unha mala práctica profesional, coidadiño; se eran dos que preiteaban co veciño antes que tirar de sacho, pénseno dúas veces. Gallardón tomou a batuta e dirixe esta partitura para ir liberando os xulgados, para que se traten os casos que se deben tratar (quen se poida permitilo) e, ao tempo, recadar un cartiño máis para o Estado, sabido é que todo cando apaña a nada lle chega. Arreden, arreden dos xulgados que nos estamos convertendo nuns litigantes sen ton nin son. Isto estaba collendo un rumbo insostible. Todos querían educación gratis e de calidade, todos esixían sanidade inmellorable e universal, todos utilizaban sen miramentos a xustiza coma se non custase cartos. Acabouse. Aprendamos dunha vez que os servizos son caros, que os impostos non dan para tanto, que aos que teñen moito non se lles poden subir porque se enfadarían moitisimo e castigaríannos moito máis do que o están facendo e que a única medida razoable é a que xa estamos vendo: menos profesores, menos doutores e enfermeiros e menos facilidades para acceder á xustiza. Así, cada quen no seu lugar, aprenderemos a non querer saír de onde non debemos e tentar poñer o pé fóra do testo.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.