lunes, 18 de noviembre de 2013

CONJETURAS



NO HAY MANÍA MÁS FUNESTA

NI CAPRICHO MÁS PELIGROSO

QUE LA ESPECULACIÓN O CONJETURA

SOBRE LOS CAMINOS QUE NO HEMOS


TOMADO.



JUAN GABRIEL VÁSQUEZ

sábado, 16 de noviembre de 2013

É CERTO: SAEN DA CRISE

Sobran desconfiados. Como o goberno e os verdadeiros amos das finanzas comezan a dicir que estamos saído da crise, algúns incrédulos e nunca satisfeitos dubidan e critican e case se mofan da tan boas noticias. Din que non deixa de ser un campaña dirixida dende o goberno para ir preparando o futuro electoral e axudados por catro banqueiros aos que e lles van arranxando as contas a costa de que todos lles deamos un apuxón a forza de nos volver máis pobres. Son argumentos reiterados e gastados que nada aportan á realidade dura e crúa, que non vén ser outra máis que a escoitada: estamos saíndo da crise porque a eles lle peta e non se diga máis. En Europa aínda piden máis reformas e queren tirarlle das orellas outro pouco aos nosos dirixentes, pero non importa. Xa se sabe que cando Rajoy di “que lluve”, chove, e o resto son ganas de armar danzas onde non se quere bailar. Levo observado con atención esta política silenciosa e de deixar pasar do noso presidente e teño que admitir que lle dá un resultado óptimo. Alguén pon xa paixón mínima no caso Bárcenas? Déano por pechado. Entrou no campo da xustiza, onde pretendían que entrase, a P.J. Rodríguez non lle chega máis munición, ademais agora está máis centrado nos cara lavados dos dirixentes sindicais andaluces, e verán como todo queda e auga de bacallau. Acordan cando querían pedir a dimisión do presidente, incluso se falaba de un novo membro do PP para cubrilo, da desfeita que se preparaba porque o escándalo era tan maiúsculo que non podía haber gobernos que se defendese? Barballadas. Todo se calmou, todo se esquece, todo farta. Xa estamos a outras: agora saímos da crise, lentamente, pero imos no camiño. Outro caso. Lembran a vergonza da ministra de sanidade, non só pola súa pésima xestión, senón pola implicación en caso bastante feo de corrupción? Quen se acorda dela? Rajoy dixo que era unha ministra estupenda, que a defendía por riba de todo, os medios cansaron de perseguila, ela tapouse ben, e aí a teñen: gobernando a sanidade coma unha artista, lentamente cargando a culpa nos enfermos, trasladándoa coma quen non se dá conta cara a empresa privada, e tan ilusionada e satisfeita de ler mal os papeis que algún negro lle escribe para que poda defender o seu cargo. A táctica de Rajoy é invencible. Non pasa nada. “Hoy llueve”. Que pase o tempo. Todo se esquece. Caso máis explosivo e que semellaría insalvable é o do ministro de educación. Día si e día tamén mete o zoco cun descaro descoñecido ata o momento. Pouco lle importa meterse coas comunidades autónomas, coas bolsa dos estudantes, coas Erasmus, con comisarios europeos, el segue imperturbable dando bandazos, aprobando unha lei morta que está condenada a unha vida tan curta coma sexa a duración do goberno (como por outro lado lle sucedeu ás anteriores, todo hai que dicilo, que en leis de educación somos un país sensato, sereno, de acordos e moita estabilidade, así nos vai). Pois verán, tampouco este ministro sufrirá, de momento, ningunha consecuencias. É política dos xefe que os problemas vaian podrecendo, morrendo, esquecéndose e el dedicarse a novas aventuras de futuro que nos poñan no que á xente realmente lle interesa e a saír da crise económica que é o verdadeiro obxectivo polo que está no poder. Pois así como estes exemplos, poderán vostedes engadir os que se lles ocorran. El é presidente que fai o que pode, que herdou un país e bancarrota, que fala o menos posible e se o fai procura que non lle pregunten demasiado e así nos vai sacando da crise e devolvéndonos a un pais grande, non se cadra tanto como nos tempos de Aznar, aquelo fora milagre histórico, pero en idéntica dirección. Por iso eu cada paso lle estou collendo máis lei ás súas manobras e vou crendo o que non vexo. E se di que estamos saíndo da crise, estamos; e se promete que algún día creará emprego, creo; e se me garante que baixara impostos – en canto poida- , non teño a menor dúbida. Por isto non estou do lado dos desconfiados e críticos permanentes. Neste sistema hai algúns elementos básicos de economía que para dominalos non fai falla ir a Harvard: os sistema xira arredor de que os que sacan cartos dos cartos sigan sacando as cantidades esaxeradas das que non están dispostos a apearse. Os que teñen que pagar impostos e restrinxir , recortar, privarse e perder capacidade adquisitiva son os asalariados. Pois ben, cando estas dúas variables cadran, cando os que sacan cartos dos cartos consideran que as reformas profundas xa permiten que volvan a ganar na proporción á que eles están afeitos, entón consideran que estamos saíndo da crise. Isto é o que ocorre. Os bancos e os grandes grupos ven que volven os bos tempos para eles, por iso nos animan. Nós xa se sabe que tivemos que sacrificarnos para que eles regresen ao seu status dos que non están dispostos a baixar nin un tramo. Pero en canto é así, se cadra dentro de dous ou tres anos, deixan que nos toquen unha faragullas e poidamos entreternos aceptando que non estabamos tan mal coma cando nos obrigaron a reformarnos para que todo volvese ao seu punto inicial. Por iso hai que lles facer caso: empeza a ir ben para eles, algo, moi pouco, nos tocará dentro dun par anos.





PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

DO MEDO Á RABIA


AS fobias non son doadas de controlar. Algunhas instálanse nun e, por máis que se esforza, non se dá desprendido delas. Tal é o meu pánico ás agullas. Só ver unha cerca dunha vea, aínda que sexa nunha película, teño por forza que pechar os ollos e levar o pensamento por outros lugares. Claro que hai situacións implosivas que por máis que te resistas acabas por te adaptar. Nada coma unha boa serie de inaprazables perforacións como para que a fobia se vaia retirando. Aínda así, cando toca comezar un proceso novidoso e con sona de moi duro como é unha quimioterapia, o medo non hai quen cho retire do corpo nos primeiros momentos. Así cheguei á primeira sesión, coma un flan, á espera do que acontecería. Pero de seguida todo se foi transformando e o medo desapareceu por completo ao observar o que me rodeaba.
Cando un está san parécelle que, por máis que se poña na pel dos enfermos, coloque cintas de colores na blusa ou pida fondos para a investigación, o normal é estar san, facer vida normal, preocuparse polos aconteceres diarios, pero non cae na auténtica traxedia da cantidade de xente que pacede, sofre, resiste, loita e se enfronta día a día coa dor. Mentres agardaba na sala de espera, vendo a unha moza preciosa que cubría a súa calva cunha perruca, a un ancián que non podía coa alma e respiraba cunha dificultade difícil de describir, unha muller que non daba aberto os ollos polo peso do cansazo, a un home novo que non daba articulado palabra, unha señora cun pano na cabeza cunha cara tan branca como mirada tan triste, o medo desapareceu. Foise transformando en rabia. Máis aínda ao ver o nivel de trato das enfermeiras, amables, dilixentes, respectuosas con todos, a cada quen sabéndolle o seu nome, a todos tratando de facerlles o trago menos amargo. Fóiseme todo o medo e invadiume a rabia porque, por demagóxico que lles pareza, non hai dereito a que unha sociedade só atope maneira de atallar os problemas económicos recortando nestes enfermos e nestes profesionais. É para rebelarse. Non hai dereito que para solucionar os problemas dos bancos que enredaron no casino dos cartos teñan que ser agora os enfermos e os profesionais da saúde os que deban sacrificarse para que eles poidan volver aos seus xogos de facer moricos de billetes. Estannos enganando. Están abusando con saña para destruír o que é importante. Dá noxo.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

sábado, 9 de noviembre de 2013

HAI XENTE QUE É MALA


CON motivo de tráxicos sucesos, algúns de moi difícil explicación racional, reábrese o debate entre enfermidade e maldade. Existe na actualidade un manual de enfermidades mentais, o DSM, que vén sendo a biblia de diagnóstico para psiquiatras e psicólogos, e sobre todo unha ponte institucional para compañías de seguros, farmacéuticos e moitos bufetes de avogados que, escaravellando nela, sacan petróleo para que unha sentenza caia do lado máis conveniente. Certo que ocorren asasinatos tan arrepiantes coma inexplicables que de primeiras invitan a pensar que se alguén cometeu tal despropósito é porque está mal. Mal da cabeza, enténdese. E non é así. As estatísticas non concordan con esta apreciación. Non son os enfermos mentais os que cometen maiores e peores atrocidades. Pero o significativo é que existe outro aspecto que merece clarificación.
Por entrar unha conduta entre os miles de diagnósticos do DSM non significa que unha persoa quede liberada de responsabilidade. As enfermidades mentais que realmente xustifican que alguén non é dono da súa vontade, que non distingue a realidade do seu delirio, que se move por forzas realmente fóra do seu control, son escasas e están ben delimitadas, agás contadas excepcións. Claro que un home pode ser un sociópata, un adolescente un negativista, un violento contar cuns antecedentes vitais que expliquen as súas saídas agresivas. Pero non sempre é iso razón para negar que quen as comete non distinga cando fai ben ou mal; sabe que está servindo ao seu caprichoso impulso, á comenencia ou á cobiza e déixase levar pola carraxe que podería controlar. Existe unha converxencia de diferentes esferas sociais que coinciden no seu interese por promover a categoría de enfermidade mental con dubidosas finalidades. Ao asasino vil ocórreselle acollerse a que estaba fóra de si cando lle prendeu lume á muller; ao mozo que lle estampa un vaso na cara a outro na noite de esmorga, vénlle ao pelo refuxiarse en que tiña unha copa de máis; ao criminal sibilino e malicioso acáelle que algún perito indague por se queda algún diagnóstico raro que explique conduta tan aberrante. Nesta sociedade parece que resulta de interese para todos, empezando polas grandes compañías de seguros e acabando na xustiza, o amuleto do DSM, coma se fose un salvavidas para eludir responsabilidades. Cando dende sempre se sabe que hai xente que é mala e actúa por pura maldade.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

LEVÁNTATE E ANDA

Europa débelle moito á Reforma Protestante. Máis do que os que vivimos nunha cultura dominada polo catolicismo de Roma queremos admitir. Coñecidos son os estudos de sociólogos que insisten no peso considerable da Reforma na cultura do esforzo, do traballo e do progreso (mesmo do capitalismo din explicitamente algúns, miren se queren para os seguidores de Calvino), e sen saír do campo propiamente da teoloxía ou da filosofía, debe admitirse o impulso que lle deron á Biblia. Como libro literario de valor universal, como fundamento de reflexión para fe, como ferramenta argumental elaborada dende unha perspectiva máis crítica. A partires do S. XIX, teólogos como Dibelius e Bultmann comezaron a falar da “Historia das formas”, é dicir que a Biblia debe lerse non ao pé da letra senón tendo en conta os estilos literarios da época, contando co ton literario e mitolóxico do entorno xeográfico e outra serie de consideracións que obrigan a un método esexético que non permite ler e interpretar cada texto sen coñecer os xéneros literarios, a época, a intención, cultura e contorna dos escritores. Isto supuxo unha transformación radical na maneira de entender os textos e evitou enredadas e inexplicables contradicións coa ciencia, coas evidencia puras e con lecturas infantís que non extraían o zume fondo que se debía beber. Xustifico esta introdución para que disimulen o meu atrevemento esexético de hoxe. Sei que a cada paso é menos coñecida a Biblia, obra das máis importantes da historia da humanidade, pero aínda así, por pouco que soe, raro será quen non oíse algunha vez falar do milagre de Xesús resucitando a Lázaro. Por iso omito a narración. Por suposto que a calquera con mente científica e crítica non lle cadra a narración dos Evanxeos. Que alguén ben morto, enterrado e coa lápida ben asentada poida polas palabras doutro home erguerse coma se nada a e botar a andar, faise difícil de crer. Claro que se lle damos unha miga de interpretación, anulamos o contexto milagreiro e lle engadimos o afán pedagóxico de regresar a unha nova vida, calquera pode reflexionar e decidir se quere extraer algunha lección para súa fe. Como ben saben, ultimamente cóntalles sobre asuntos de pequenas mortes e resurreccións porque me toda de cerca experimentar con estes serios – os máis serios, sen dúbida- asuntos do vivir. E se nun artigo anterior restaba credibilidade a que La petite mort nomenado ao orgasmo se parecese en algo a unha pequena morte, hoxe contareilles algo sobre a pequena resurrección. Convén advertir que soe ser frecuente que antes da anestesia che aconsellen que te concentres en algo agradable e relaxante, pois ao espertar é probable que regreses a idéntico punto. En min resultou un fracaso absoluto. Non porque non puxese da miña parte: tiña planificada unha imaxe fermosa da miña neta xa un pouco medrada correndo por unha praia limpa e clara, achegándose a min, a cada paso máis cerca, sorrindo e desexando abrazarme... Nada. Entrei na anestesia sen tempo nin de pensalo. E cando espertei... Cando espertei nin túnel de luz branca, nin as imaxes concentradas da vida nun segundo, nin farrapo de gaita. Unha dor doente, unha consciencia limitada que só me permitía ver sombras de profesionais que tomaban notas, aplicaban máquinas, movían camas con outros enfermos, pero todo entre tebras, atormentado pola dor, chuzadas que me alertaban un mínimo para intuír que alguen andaba ao teu redor, dicían o teu nome, aplicaban calmantes ou o que fose, pero máis nada. Así ían pasando minutos e horas, moitas horas, na sala de reanimación, e só dúas ou tres realidades controlabas: a intensidade da dor, o movementos entre tebras de profesionais que ían e viñan, algunha vez sabías que se referían a ti, e, por fin, a potestade de premer nunha pera mecánica que disque conectada a unha máquina que mitiga a dor aliviaba os momentos máis intensos. Así se pasaban as horas da pequena resurrección. Premendo na pera para non berrar, mal respondendo debilmente ás preguntas que as enfermeiras ou médicos che facían e , a medida que a consciencia era algo maior, comprobando que os das outras camas ían saíndo da sala de reanimación e ti permanecías. Non, dicían, o número 6 aínda non está en condicións... E o número 6, seguro que completamente distorsionando a realidade, interpretaba que aqueles profesionais que o rodeaban, que ían dunha cama a outra, tomando notas, aplicando remedios, vivían todos nun estado de excitación e vixilancia extrema, coma nun purgatorio do que trataban de salvar a cantas máis almas podían. E premía na pera que disque aliviaba. E non se lle acordaba absolutamente nada. Só escapar do sufrimento, saber que pasara o perigo, que alguén decidise que, por fin, podía abandonar a sala de reanimación e volver á vida. Cando, despois de case cinco horas, iso foi posible, e saín ao corredor onde familiares me agardaban, á pregunta primeira: como estás?, só fun home a dicir: fodido. Polo experimentado, deduzo que iso de levántate e anda non deixa de ser unha mera forma literaria. Calquera sabe en que consistirá a verdadeira resurrección, pero o innegable é que o resucitar destas pequeniñas mortes doe moito.




Publicado en Diario de Pontevedra

sábado, 2 de noviembre de 2013

NUNCA TE DEJES PISOTEAR, HIJO


A ÚLTIMA novela de Mario Vargas Llosa, El héroe discreto, é realmente discreta. Vaia, que non aporta nada. Sería de grande ignorancia non lle recoñecer que sabe do oficio de escribir coma poucos, por iso non se pode negar que está ben construída e cun estilo coidado, que domina o ritmo e trama coma para lela con facilidade. Pero se lle retiraramos personaxes e ambientes propios do seu mundo de ficción e quen firmase a obra fose outro, con seguridade pasaría polas librerías con máis pena ca gloria. Eu lina coma veño facendo practicamente con todo canto publica, porque xa é rito de gratitude que con el manteño dende que aos 17 anos me descubrira algunhas esencias que me resultaron fundamentais na vida. E tamén porque, tal e como lle escoitei nalgunha entrevista de promoción, crin que descubriría os cambios sociais no seu país, que sabería por fin como deixou de estar fodido o Perú. Pero tampouco. As Piura e Lima que recordarei serán sempre as que xa tiña aprendidas, as que aparecen nesta novela carecen de altura literaria coma para que lle poidamos engadir nada.
A pesar do dito, existe unha tese na base da obra que me atrae. É a que defende a valentía deses homes de tesón, anónimos, firmes e rexos que manteñen os seus principios e valores contra o peso esmagador dos corruptos e dos malvados, organizados ou solitarios. O pai dun dos protagonistas, humilde e rudo traballador, déixalle por herdanza ao fillo unha lección clara: "Un hombre no se debe dejar pisotear por nadie en esta vida. Se trata de eso, nomás". Lección que me trae ao acordo unha época na que existían mestres de prestixio con vocación de transmitirlla aos aprendices. Cando expulsaron a García Calvo da universidade, puxo unha academia para ensinar a pensar, para que non te pisen. Sei por Savater que estaba na rúa El desengaño, nome que nin feito adrede. Porque para iso debería servir o saber: para desenganarnos, para que ninguén nos pise. Verdades que ás veces ensina mellor un pai analfabeto que moitos catedráticos empoleirados. Gústame que na novela de Llosa se repita : "Nunca te dejes pisotear, hijo". O malo é que hoxe as circunstancias obrigan tanto a pais humildes como ás academias de sabios a instalarse na rúa do engano, non na do desengano, co que todos de maneira oculta ou non tanto animan a calar, tragar e aceptar toda explotación e humillación.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

A IMPRESCINDIBLE LOITA POLO SÓLIDO

Sen preámbulos: recoméndolles encarecidamente que lean o libro de Antonio Muñoz Molina (Todo lo que era sólido. Seix Barral). É un ensaio cunha escritura a cachón, co ritmo de fervenza dun narrador que se pregunta, critica e propón sobre a situación actual cunha racionalidade clara e destemida. Son 104 capítulos curtos tecidos cos vimbios dos que soe servise o escritor de Úbeda: a ilusión de buscar un modelo de vida cosmopolita e ilustrado propio dun neno espelido que nace no campo negro dos anos cincuenta, a sinceridade de quen viviu nunha ambiente pobre pero laborioso que lle inculcou a ambición de progreso polo camiño do esforzo e o de quen agradece á vida ter a fortuna de pasar de simple funcionario en Granda nun tempo gris a poder vivir da literatura nos anos do espellismo, da bruxería, dos adiviños e augures económicos que prognosticaban crecemento, cartos e vida de festa rachada para aqueles que soubesen aproveitar a enganosa bonanza á que ninguén se atrevía a lle poñer tacha. Apoiado nestes alicerces despeza como pasamos nos últimos anos da inconsciente alegría de dilapidar á depresión da atónita incredulidade de ver a súa derruba. Todo era un delirio apuntalado por unha economía especulativa, fachendosa e paleta que comezou «cando a potestade de dispoñer de cartos públicos se exerceu sen os mecanismos previos de control das leis; e cando as leis se fixeron tan elásticas coma para non entorpecer o abuso, a fantasía insensata, a cobiza – ou simplemente para non ser cumpridas». Neste humus medraron coma fungos os mediocres e trapalleiros arrimados aos partidos para alcanzar postos de tanta relevancia que así estamos: cunha clase política servil, dependente e escravizada incapaz de mirar á realidade cos ollos abertos. Como consecuencia, pasamos dos tempos dos cartos chegados da EU, dos créditos baratos e do maná que parecía caer do ceo, enganándonos a conciencia, aceptando simulacros, exhibicionismos de arquitectos estrela, de líderes paifocos aduladores de cidadáns aloulados pola promesa de festa gratis e por unha propaganda vulgar e rastreira que pagabamos todos a temer que será dos nosos fillos. Chegamos a vivir nun totalitarismo da festa como dádiva populista á que ninguén se atreveu a poñer o máis mínimo inconveniente para non ser tratado de rosmón aburrido. Este totalitarismo festeiro, no que se confunden con entusiasmo a dereita e a esquerda, alouláronos durante estes anos coma a bobos con globos de colores instalándonos nunha confortable falta de crítica cegadora. Cegadora para todos. Para o propio autor que dirixía o Instituto Cervantes de Nova York en reunións con bruxos e augures, políticos de toda especie en actos baleiros e ostentosos, inútiles, obsesionados por demostrar parvadas de novos ricos que pasaban completamente desapercibidas para os altos xerifaltes, nunha cegueira máis elevada, aos que ían dirixidas. Cegadora para os intelectuais que se agrupan en capelas de fe defendendo exentos de argumentos e corroidos por débedas, adhesións irracionais ou inconfesables ás fes máis vivas neste país: a Igrexa Católica (aínda que pareza mentira) e o nacionalismo. A crítica valente que a unha e outra fe lles aplica merece reflexión pausada. Sei que moitos guindarán o libro ó lixo só polo prexuízo de ser membro dalgunha delas , pero como ben di: «No tengo nada contra el nacionalismo, igual que no tengo nada contra la religión o el creacionismo. Allá cada cual con sus creencias. Ta solo prefiero leyes que me protejan para que los partidarios de cada una de ellas no tenga la potestad de imponérelas». Coñecida é a súa tese de que nacionalismo correlaciona con narcisismo e victimismo, gusta máis da cidadanía que de pobo, entelequia que se presta para calquera tipo de abuso. Cegadora para os xornalistas que se deixan engaiolar por filtracións de políticos vendéndonolas coma información investigada a contrastada. Cegadora porque nin creadores de opinión, escribidores ou economistas soubemos ver o que estaba ocorrendo no medio da axitación que nos aloulaba, por distracción, irresponsabilidade, por ir cada un aos seus propios asuntos, por medo a chamarlle ao desastre polo seu nome, por pensar que as cousas son máis sólidas do que en realidade son. Pois todo é cambiante, todo se debe aprender, todo é mellorable, todo se pode derrubar. Por iso é imprescindible pensar realmente que é sólido e esforzarse por mantelo. O dereito á educación pública e á sanidade; o imperio da lei; a garantía de seguir dispoñendo dunha vida digna na vellez. Iso é sólido. E iso conséguese con cidadáns cabais, austeros, que se dedican a coidar aos enfermos, a educar, a perseguir delincuentes, a xulgar con xustiza, a investigar, a cultivar a terra, a ganar cartos vendendo cousas necesarias. Iso é o sólido e por isto, aínda sendo conscientes dos intereses globais que os perseguen, os cidadáns deben mobilizarse e non permitir que catro bruxos vivos o aniquilen para moitos anos.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA