lunes, 24 de agosto de 2015

OCULTO DELEITE, COMPAIXÓN FATIGADA

           As noticias do verán non puideron ser máis truculentas. A falta de carne fresca para o pucheiro da corrupción – o do ministro do interior recibindo a Rato non deixa de ser un enredo infantil na galería esperpéntica das falcatruadas aceptadas como naturais-, case cada día espertamos con sucesos horripilantes. Seguro que non existe a máis mínima causa efecto entre verán, descanso de moitos, tempo de ocio e lecer e o incremento de actos que producen tanto arrepío, pero a coincidencia entre tanto contraste lévame ao síndrome de Lucrecio, ese polo que todos de algunha maneira  dicimos entre dentes e o máis baixo que sabemos: menos mal que isto lle ocorre aos demais, a outros, non a min, como tranquilizándonos sabendo que non somos nós os que padecemos delirio, machismo, agresividade descontrolada, arroutadas temerarias, un accidente mortal ou a desgraza de ter que cruzar o mar a nado para escapar da miseria ou da barbarie. Cómpre recoñecer, como di Javier Moscoso, que todos experimentamos un certo deleite nas desgrazas dos demais e  que nos gusta exercer de xuíces. Pásanos coma unha veciña que, non sendo moi de misa nos seus anos de moza e adulta, coa vellez profunda virou nunha afeccionada incansable á asistencia a canto enterro e cabodano  coñecía arredor da parroquia. Despois de lamentar a perda do finado ou finada e aclarar sorprendida que pola idade non fora o deceso – con independencia de que cumprise xa os 95 ou 97-, vestía as roupas adecuadas para o acto e acudía a el coa satisfacción íntima de ir ela quedando atrás de todos. No que toca a exercer de xuíces, sabida é o gozosa que nos resulta a charla de café sentenciado con contundencia o que conviría facerlle aos asasinos de mulleres, aos irresponsables que corren diante de touros, aos mozos que se esnafran co coche de madrugada despois de andar de esmorga e a solución drástica que cada quen coñece para acabar dun golpe coa marea de inmigrantes que se achegan ás costas do sur de Europa. Desde fóra, na tranquilidade que dá verse a distancia da desgraza, a todos se nos ocorren receitas máxicas, todos sentimos un calado alivio por non padecer  de cheo por eses males.
            Pero a maiores do deleite oculto, tamén tales sucesos nos levan á compaixón. Gústanos vernos por un anaco coma persoas compasivas, capaces de nos poñer no lugar dos pais que perden unha filla asasinada, dos que han de xogarse a vida toda por vivir dignamente. Vernos doídos de verdade, rabiosamente irados, desconsolados, fainos máis humanos e tamén serve para nos tranquilizar. Emocionarnos de maneira vicaria é un modo de nos defender do deleite oculto. Non digo que non sintamos rabia e compaixón e simpatía polos que sofren, pero si que nos resulta unha compaixón beneficiosa, rendible psicoloxicamente. Serenámonos na paz de sabernos bos e tenros de corazón, capaces aínda de entender o sufrimento dos demais. O que acontece é que, como nos dixera Sennet, a compaixón deste tipo padece de fatiga, cansa axiña, resiste pouco. Así como imos dunha alarma noutra, dunha indignación a un desconcerto, como  nos veñen ás bágoas aos ollos ou un frío nos remove o aro do lombo, de contado regresamos á rutina e inconsciencia diaria, a vida segue, cada un ha de regresar ao seu. Por máis que as noticias tráxicas se amoreen, a compaixón non medra nin promove actitudes para a solución, ao contrario: fatígase e esquece, e dá de baixa aquela tensión que incitaba a buscar algún xeito de acabar co que produce o mal. Afacémonos á noticia cruel por inercia e acabamos por abandonarnos nun lamento tan consolador como ineficaz que pouco aporta. Unímonos incluso en manifestacións cívicas de rexeite e protesta cargadas de fervor indignado, pero tamén elas se fatigan e acabamos por esquecer e regresar á inconsciencia previa ao disparo de pena que nos causan actos tan repugnantes, atroces ou inexplicables.

            É asunto moi discutido o papel que os medios de comunicación deben adoptar diante de noticias tan tristes. Abrir cada día o telexornal ou titular na primeira dun diario coa macabra e desconcertante acción dun pai que serra as fillas en anacos ou o da nai delirante que afoga ao seu bebé non pode carecer de repercusións. Que sirva para concienciar, contaxiar ou fatigar á opinión pública dependerá de variables múltiples: o nivel de sensacionalismo co que se presente, a utilización do morbo, o nivel de crítica do receptor, a forma instrutiva ou a insistencia banal coa que se manexe a información. Non sei se pode causar efecto chamada escoitar e ver aos inmigrantes arriscando a vida a nado por un vivir mellor, se narrar con detalle o asasinato de mulleres pode contaxiar a algún desalmado ou se destacar como primicia a fría violencia dun esquizofrénico  acaba por rebentar os controis que atan a outros enfermos,  pero si parece claro que tocan o oculto deleite de nos crer a salvo por ver o mal a distancia e nos confortan na tranquilizante compaixón que se vai fatigando. 

miércoles, 19 de agosto de 2015

NON NOS AGUANTAMOS


            A necesidade obriga. Pero non parece que ata tal grao coma para recuperar maneiras culturais esgotadas. O individualismo impera e todo apunta a que non terá retroceso posible. A crise que se prolonga moito máis do desexado empurrou  a unha forzada convivencia  en casas comúns a pais, fillos, noras, netos e avós. A reunificación familiar é un mecanismo de absorción da crise. O paro e a falta de perspectivas obrigou a refuxios de comenencia que resisten o que as dificultades esixen, pero sen indicios de que tal maneira de vivir tenda a unha revitalización. O modelo rachado, rachado está e nin próximas relacións laborais, sistemas de vida ou urbanismo fan pensar que se free a tendencia a vivir case en soidade.
            En tempos pasados a estrutura familiar asentaba sobre unha convivencia moi ampla. Aprender a convivir con avós, tías solteiras, pais, moitos irmáns e un tío avó enfermo era o normal. Dende a infancia experimentábase a variedade dos caracteres múltiples cos que habías de entenderte se querías resistir. As normas e prohibicións repartíanse de modo que os cativos axiña distinguían o peso dos distintos roles e status, o rendible de comportarse diante duns ou outros, a eficacia da flexibilidade e maleabilidade para prosperar entre tantos modelos. Na medida en que a familia deixou de supoñer unha unidade económica de referencia, a base familiar reduciuse á visita máis ou menos frecuente e ás reunións regradas de conmemoración acordadas, pois a dinámica de produción acompasaba necesariamente coa vida individual ou a unidade triangular (pai, nai, fillo, como exceso dous) cando non á nai soa con fillo. A arquitectura, ese reflexo exacto da configuración social, deu en edificar espazos minúsculos nos que a convivencia por riba de tres persoas xa pode resultar perigosa. Quedaron como recordo as urbanizacións de pequenos chalés con xardín, piscina comunitaria e unha cesta para que o neno probe a ver se medra coma Gasol, pero en canto se tropeza coa dura realidade de que Gasol só son dous e da mesma familia, ou o divorcio peta na porta dos corenta e pico, o chalé pasa a ser un inconveniente engadido, e maldita a hora na que se deixou o piso pequeno e bo de limpar no centro da cidade.
            Isto para os afortunados que resisten a crise sen cambios de fondura. Para os que a súa situación xa nunca foi boiante e toca agora recibir aos parados sen axuda mínima, o piso hipotecado acaba sendo un nicho de frustracións e rancores nos que hai que vivir porque non queda outro remedio. De aí os odios e indignacións que conducen a votos que aínda a moitos sorprenden sen entender que esta obriga á convivencia numerosa cando todo invita ao individualismo pode acabar levándonos a unha rebeldía traidora. Certo que os costumes variaron, que a comprensión dos maiores é infinitamente superior á de te tempos idos, que a permisividade e tolerancia están hoxe máis introducidos no estilo de vida, pero aínda así, dende hai lustros, non estamos chamados para vivir entre tantos. Todo vai cara unha convivencia minimalista: un, dous, tres e pouco máis; espacio reducido; vidas de visión fugaz; mundos que se fan cadrar en períodos ben programados, escasos, sen que dean pé á saturación. Incluso a aspiración das novas relacións parece avanzar na liña de que a perfección consiste en vivir cada quen no seu espazo mínimo e privado coa excepcionalidade de se atopar de vez en cando en territorio compartido tan brevemente como as necesidades indispensables o pidan.

            Contaba nunha entrevista a arquitecto Carme Pinós que estaba facendo unha casa moi fermosa en México por encargo duns avós. O plan da vivenda xiraba arredor da convivencia de varias xeracións. Estaba tan sorprendida da petición que non se imaxinaba que alguén puidese facerlle tal encargo aquí. Por unha razón simple, dicía: non nos aguantamos, ninguén parece querer vivir en familia, e se o fan, mátanse.  Que nos aguantamos menos demóstrao a facilidade coa que nos divorciamos, desesperamos se algo non vai á primeira, axiña atopamos razóns de peso para desfacernos dos vellos ou nos illamos no mundo propio en canto as relacións deixan de ser útiles. Que nos necesitamos comprobámolo cando trona e hai que buscar apoio, teito, calor, agarimo. Que nin a crise mudará o novo modelo de relación familiar, no parece ofrecer dúbida. En canto os mini traballos dean para ir tirando ou a pensión xa non sirva para manter a máis de tres, todo indica que volvermos aos espazos mínimos onde nos apañaremos na nosa mínima soidade. Porque parece que, con ser esaxerada a boutade de Pinós, , algo de certo hai en que non nos aguantamos, que ninguén quere vivir en familia, e se o fan, acaban matándose.

domingo, 16 de agosto de 2015

RIR, FALAR E DARSE BICOS

É un segredo que nos custa admitir. Levámolo oculto e disimulamos nel con mil habilidades, distraccións máis ou menos intelixentes clasificadas como realistas. Incluso nos resistimos e avergonzámonos cando se manifesta ou tememos que os outros nolo poden descubrir. Pero se non somos covardes, se miramos dentro non nos queda outra que aceptar que nos acompaña en cada unha das decisións. Se exceptuamos a algúns psicópatas de difícil interpretación, a todos nos move a tenrura, aínda que nos venza a covardía e o orgullo de non querer admitilo. O máis bardallas, aquel que aparenta máis dureza, aqueles que reducimos a superficiais tampouco escapan á lei do segredo máis íntimo: buscamos amor, aínda que por temor non se dea nin reciba coma se debera. Sándor Márai díxoo na Muller xusta cunha precisión admirable: " A maioría da xente non pode dar nin recibir amor porque é covarde e orgullosa, porque ten medo ao fracaso. Dálle vergonza entregarse a outra persoa e aínda máis renderse a ela porque teme que lle descubra o seu segredo... o triste segredo de cada ser humano: que necesita moita tenrura, que non pode vivir sen amor".
Que tan principal necesidade se traslade co paso dos anos e maior formación ao baúl dos segredos non se sabe ben a que se debe. Porque aos nenos non parece que lles custe tanto admitilo. A un preguntábanlle que era vivir e contestaba con rotundidade: vivir é rir, falar e darse bicos. Unha síntese directa e sen verniz do que tanto agochamos; unha maneira aberta, valente e libre de aceptar a nosa esencia. Co paso dos anos, pola contra, coma se coa responsabilidade e a obriga de dar a talla diante das esixencias máis realistas nos atemorizaramos, a auténtica necesidade relégase á ocultación propia dos segredos que nos avergonzan. Nin rir nin falar nin darse bicos resisten a comparación de outras aspiracións aireadas que gozan de maior prestixio e brillantez. Vivimos nun acordo tácito de que o importante, o que se debe mostrar son outros méritos e logros. O segredo queda para iso: para permanecer oculto, sen lle dar saída, como máximo permitindo que vexa a luz por boca de nenos ou poetas, pero sen contar nunca onde realmente se cocen os asuntos de peso, coma se a tenrura e a necesidade imperiosa de dar e recibir amor fosen un estorbo que convén eludir, se cadra guiados pola mala precaución de que ninguén nolos pise.

QUEN MENOS MEDO META

              Antes de se disciplinar polo paseo da pedra e da auga, tal e como nolo presentan esas escasas fotos nas que o deixan ver con xesto de velocidade e esforzo controlado, Rajoy xa o sabía. Tal vez os seus asesores caeran na conta e planificaron con todo detalle a estratexia: os contrincantes das próximas eleccións teñen que dar medo, moito medo, quen máis medo dá, perde. E aí temos ao presidente máis temperado, o que mellor deixa amolecer os problemas no seu propio caldo,  explicando con meridiana claridade que fóra del non hai salvación. O seu proxecto non marabillará, non activará exultantes cánticos de alegría e optimismo, pero sen el todo irá a peor. Velaí a lección a repetir nos próximos meses e que os demais partidos deberán contrarrestar se non queren verse desbordados por un ciclista nada explosivo, lento, ao seu ritmo, pero nunca tentado a baixarse da bicicleta.
            Se algunha verdade parece incontestable é a de que a repetición acaba por ser efectiva, con independencia do grao de verdade do que se repita. A experiencia así llo demostra ao partido no goberno e por iso non abandona. Certo que non pode ser completamente falso o que se di, que algún elemento de engado ha de haber no que se propaga, pero aceptado un fío do que tirar, o caso é repetir con descaro a verdade a medias, acabará calando na opinión pública. Así está sucedendo coa melloría económica, principio fundacional do discurso sobre o que se sustentará a campaña dos populares. Pouco importa que se estea acabando coa caixa para os apuros da seguridade social, que cada vez os parados reciban menos prestacións, que ao tempo que medran as exportacións tamén o fagan as importacións, que as desigualdades crezas de maneira escandalosa, que os ricos non paguen impostos, que a clase media estea sendo duramente castigada, que a pobreza extrema se eleve de maneira inadmisible, que os mozos continúen nun nivel de paro alarmante, que o emprego que se crea sexa de calidade pésima e salarios miserentos ou que o futuro da débeda pública e a o mantemento das pensións lles poñan os pelos de punta aos economistas. Está repetido por activa e pasiva que a situación económica entrou na boa vía e non queda outra que admitilo. Os detalles non interesan. O que conta é o enunciado groso, en bruto: melloramos, estamos no bo camiño, a recuperación chegou para quedar.
            Asentado este principio, o razoamento posterior vén ditado polo sentido común: se non queren paralizar o que vai na boa senda, frear este ritmo que comeza a coller velocidade, non enreden, non xoguen con lume. Aí está Greza. Aí teñen aventureiros inconscientes, atrevidos e puerís que proban a meigos sen coñecer de que pasta está feita a política. Dar un paso cara adiante custa suor e bágoas. Retroceder ao abismo non custa nada, só un voto de rabia, irracional, rancoroso. Sexamos sensatos. Aceptemos a realidade. Ninguén pode ofrecer máis. Somos imperfectos, din desde as cabezas pensantes do partido que aspira a seguir mandando, claro que andamos en corrupción e pecamos, quen non, pero ninguén coma nós sabe tratar con estes  avezados gobernantes que dominan  Europa, ninguén entende mellor aos que realmente controlan a agulla de marear: os donos dos cartos. Sigan confiando en nós. O traballo será ruín, os servizos públicos iranse deteriorando, con certeza torceremos cara unha actividade privada con máis peso na sanidade e nas pensións, pero... prefiren que nos chantaxeen, que nos poñan contra as cordas, que non nos financien, que nos pasen polo nariz de novo que vivimos coma lacazáns por riba das nosas posibilidades e nos poñan en tres semanas aos pés dos cabalos, perdón, dos mercados?

            O medo é libre. Exemplos para nos mirar temos de sobra. A táctica do goberno non se agocha: intentarán por tódolos medios facernos saber que son os únicos que non dan medo; nós veremos se estamos tan tolos como para optar por partidos que serían un perigo evidente. Fóra deles, todo é medo. Con eles, alegrías escasas, pero polo menos sabemos que gozaremos do malo coñecido. As votacións gánanse na medida en que se convence ao votante de centro. O votante de centro é aquel que foxe do medo que paraliza, o que nos obriga a recapacitar e votar con sentidiño. Por iso os ciclistas non explosivos buscan adestradores conservadores. Aqueles que se aplican en descubrir onde están os  medos dos votantes de centro e intentan por tódolos medios facerlles ver que só na súa opción se poden aplacar. Os corredores que compiten con Rajoy, a pesar de non ser o actual presidente ciclista que ilusione nin de vistoso estilo, téñeno complicado: deberán demostrar que non se esnafran contra o chan co primeiro acordeón ou con vento lateral, proba suficientemente superada polo paseante da ruta da pedra e da auga. Nas próximas eleccións non ganará quen máis ilusione – as ilusións andan á baixa-  senón o que menos medo meta.

lunes, 10 de agosto de 2015

AMBULATORIO

               No ambulatorio reúnese toda esa xente que forma parte do que eu chamo territorio sintrom: o medio rural no que resisten pensionistas cos achaques propios da vellez, grande parte deles recibindo anticoagulantes para que o corazón faga fronte da mellor maneira aos últimos anos. Van ao ambulatorio como  lugar obrigado de encontro onde se participa ao veciño da desgraza última, da operación inmediata ou do deterioro lento que no día a día vai apagando toda esperanza. Na espera coméntanse os temas de actualidade, pero sempre predomina a decadencia do corpo, as maneiras de mellor combater a dor, as virtudes e defectos do sistema sanitario.
            Os enfermos e acompañantes axiña coñecen os xeitos de actuar de cada profesional. Saben os horarios nos que van tomar café, se un tarda máis ca outro, dos seus caracteres, do tempo medio que soen dedicar a cada paciente, da eficacia dos seus remedios. Durante a última espera na que estiven de acompañante, ao meu carón comentaban sen descanso dous homes e unha muller, cada un case representante modelo de tres maneiras de se enfrontar á espera, á enfermidade e á vida. O home que parecería máis novo – non superarían  os oitenta-, gordo, colorado, arrimado a un bastón e acomodando unha viseira na cabeza de maneira mecánica, atendía máis falaba, mantiña un riso suave e indefinido. Nas poucas veces que emitía opinión facíao con seguridade, coma unha sentencia ben meditada, indestrutible: ninguén lle ía facer cambiar de parecer, el xa observara e matinara o suficiente como para non necesitar confirmación ou recompensa de ninguén. Sobre a enfermidade mantiña que mentres non houbese dor, nada debía alarmar, que viñamos para morrer estaba escrito; sobre a atención  do persoal sanitario a súa satisfacción non se quebraba por máis que outros o pretendesen: nunca tan ben tratado estivera, nunca tempos mellores coñecera: a rico xa non aspiraba, para comer dáballe a pensión (mágoa non poder comer o que o corpo lle pedía) e o dito: morrer había que morrer. Só unha miga de pena se lle escapou entre o seu epicúreo discurso: non tódolos fillos e netos tiñan traballo, aí si se vía unha sombra que lle alodaba o seu mirar tranquilo á espera  da vez para controlar o sangue que xa non conserva a forza de cando un é novo e, como resulta lóxico, vai en decadencia coma todo ser vivo.
            O seu acompañante masculino, pola contra,  ve en todo canto o rodea motivo de indignación e ira. Fala de maneira agresiva, xura, non se lle escoita frase sen estar manchada de groserías, critica canto ve ou lle vén á cabeza e maldí a sorte que lle tocou. Operárono da vincha, tamén da próstata, e os especialistas de Santiago escaravellaron nel canto quixeron para deixalo peor do que estaba. Mala a hora na que aceptou que o operasen. Tivo dolor, teno, non mellorou nada, os medicamentos que lle prescriben resultan inútiles e as vergonzas polas que pasa a súa hixiene persoal (el non o expresa así) debería sufrilas o inepto do médico que o operou. E aquí, na espera, leva un montón de tempo, pasan da citación xa máis de media hora, son todos uns lacazáns, o único ao que veñen é a darlle á lingua e pasar a mañá nas cafeterías e, por suposto, non saben absolutamente nada sobre como solucionar enfermidades. Os políticos son todos uns ladróns aos que habería que aforcar de inmediato. Os médicos unha raza de desaprensivos malfeitores empeñados en amargar a vida dos pacientes. O mundo un lugar noxento no que só viven ben os vivos e maliciosos, entre os que, por desgraza, parece, el non se atopa.

            A muller mantiña o seu discurso monótono e canso con independencia das sentenzas pacifistas ou as bravatas agresivas dos seus acompañantes. Da súa mirada, postura e  voz non saía unha palabra máis alta ca outra. Do seu ton monocorde só se podía escoitar nun fío case imperceptible  o lamento dunha vida sen folgos, acabada, seca, chea de pesar. O dolor indefinido que a paralizaba non era quen a poder describirllo a ninguén. Aínda ningún médico dos moitos que recorrera dera coa localización e características do seu mal. Unha dor insoportable esténdeselle ao longo do corpo, dende as nádegas ao ombreiro, cortándoa coma se fose un coitelo mal afiado, porque a esgaza, racha nela por dentro dunha maneira insufrible. O peor, laméntase, con ser tanta a dor, é que aínda é hoxe o día e a hora que ninguén lle deu co mal. Será cousa do demo. Xa se resigna. Para os anos que lle quedan acepta que terá que morrer con esa dor. Se polo menos deran con algún remedio para calmarllo... E ignora canto din os homes. Segue coa súa ladaíña dolorosa. Maldí sen freo o veciño agresivo. E escoita sen perder o sorriso, con calma, o home máis temperado. Chaman  a muller á consulta. O agresivo xura  solicitando explicación de a ver a que hora entrará el. Nada que facer non ten, pero...

EFECTOS SECUNDARIOS

AGARDO na sala de espera dunha consulta médica. Unha muller nova que senta enfronte vese que non espera coma todos nós. Pola saúde que reborda, vestimenta, familiaridade cos secretarios e maletín que pousa no asento da beira, non custa deducir que é visitadora médica. Le un informe mentres agarda ata que se lle une outra moza da profesión que pregunta se está o xefe. Senta cadan ela. É máis nova, moito máis agraciada fisicamente (ela sabe do seu atractivo, non o pode agochar), e comentan as dúas, sen entusiasmo, sobre outros hospitais, outros xefes de servizo, outras visitas pendentes nestes matadores días de calor. A secretaria anúncialles que de inmediato as recibirán, o xefe deu orde de que en canto saia o paciente que está dentro, mande pasar á primeira. Sorrín as dúas con educación. Non tarda en saír a paciente, entra a comercial que chegara en primeiro. Visita relampo. Non debeu de ter nin tempo a se sentar. Entrar e saír foi todo un. Sorriulle á compañeira dándolle o relevo: todo para ti, parece que ten présa, e marcha na busca do ascensor.
Con andar ledo e mirada lizgaira, a segunda visitadora abre o seu sorriso de lúa branca aínda sen ver ao visitado e diríxese segura á porta do despacho. Onde todo era silencio e parecía non haber, ninguén salta unha voz de varón saudando leda, eufórica case: canto tempo sen te ver! E a un non lle custa saber que se ergueu amable o director de departamento, que a mandou sentar, que probablemente lle regalou dous bicos e que sorrí atento ás novidades que lles poida mostrar. Non se entende a conversación, pero sábese ben que é animada, agradable, sen présa. Pasan moitos minutos, talvez o produto que presenta esta visitadora esixe máis explicacións. Pero pasan tantos que acabo por non prestar atención, o pensamento céntrase noutros obxectivos, ata que a porta se abre, o xefe, máis cerca dos sesenta ca dos cincuenta, sae acompañando á moza ata fóra da porta, aínda teñen os últimos sorrisos e palabras amables que se dar de despedida, penso, pero non, equivócome: o médico acompaña á comercial, tomarán, escóitolle, un café rápido. E aló se van camiño da cafetería, amigables, resolvendo, supoño, aclaracións aínda pendentes sobre os efectos secundarios do fármaco presentado. Porque non me cabe a menor dúbida que, coma toda droga, tamén esta algún efecto secundario traerá asociado.