sábado, 21 de mayo de 2011

INDIGNADOS E CON RAZÓN

O estraño é que non esbourase antes o descontento, a frustración e a rabia. En Grecia, Portugal e Reino Unido xa se adiantaran as protestas da mocidade, cos resultados por todos coñecidos: en Grecia seguen asfixiando á poboación, en Portugal firman a solicitude de asfixia e no Reino Unido, imperturbables, toman as medidas de prevención contra a asfixia asfixiando coma quen non quere a cousa. En España, sen respiro, como arredor dun 45% dos mozos están en paro, debe ser, como escribiu Daniel Serrano, que cansaron de se aburrir e decidiron protestar. Polo menos protestar. Porque inicialmente isto é máis que nada unha protesta, unha catarse, unha queixa de quen nada ten que perder. De mozos fundamentalmente, claro. Protesta pouco definida, utópica, asemblearia, difusa, incerta. Pero fundada. Perfectamente entendible. Fíxense se será entendible que ata representantes da banca e da alta empresa, políticos de dereita e de esquerda, eses mesmos aos que critican, amosan a súa comprensión ante o fenómeno. Será porque cren que durará os días dunha rabecha infantil ou porque sospeitan que non se darán organizado e concretado a súa indignación en medidas e vehículos de esixencia que os zarandeen das súas cómodas cadeiras? Os feitos parecen confirmar que todo pode quedar en auga de bacallau. Unhas noites de concentración, de arrimo necesario para se saber capaces de algo, de protagonismo efémero sen a máis mínima repercusión na cadea de inercias que dirixe esta democracia cansa e desnortada. Os seus predecesores gregos, portugueses e británicos na rabia non parece que se deran organizado de maneira eficaz e, ás probas me remito, as esixencias(chantaxe) de recortes para que paguen a crise os traballadores seguen apertando o pescozo de funcionarios, parados e mozos, cunha sede de sangue tan insaciable como a desas películas de vampiros coas que tanto entreteñen aos adolescentes aos que non parece que lles quede outro porvir que reunirse nas prazas das cidades con pancartas. Talvez por esta constatación a ninguén parece inquietar demasiado esta revolta de maio, coma se fose unha distracción máis apegada ao escándalo de DSK en USA, coma un requisito simpático no medio destas campañas rituais e amorfas dunha democracia tan pouco estimulante. Mais non existe garantía de que o fenómeno vaia responder a estas previsións. Haberá que estar atentos. Por descontado que buscar algunha similitude ou contaxio coa revoltas doutros lares está fóra de razón, as circunstancias son tan dispares que non resisten comparación algunha. Pero tampouco conviría esquecer que os movementos de transformación comezan así: por fastío e rabia. E que no seu inicio son utópicos, indefinidos, con máis claridade naquelo que se rexeita que sobre as propostas de construción. Ninguén se atreve a prognosticar cal será a evolución desta protesta centrada en esixir democracia real xa, pero se callase, se aparecesen propostas ben articuladas e líderes con presenza, talvez se sentasen os cimentos dunha renovada socialdemocracia completamente perdida e fracasada neste comezo de século. Sobran motivos para a indignación, agora só fai falla construír unha polea madura, reflexiva e realista que renove e transforme este sistema que invita de maneira descarada a estar contra el.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.