miércoles, 18 de mayo de 2011
POR QUE LLE DICIMOS LIBERDADE SE É DESAMPARO?
Marc Augé presenta un panorama segundo o cal camiñamos cara unha aristocracia planetaria. Nese futuro por el pensado habería tres estratos ben diferenciados. No primeiro, os aristócratas serían os donos do coñecemento. O coñecemento tende a concentrarse e arredor del o poder e o capital. Si, hai países aristócratas, pero sobre todo será un grupo global, enraizado en distintas cidades, París, Shanghai, Nova Iork, Londres, onde, indistintamente se vive, negocia, se pagan impostos ou se dirixe unha investigación, unha inversión ou se asiste á ópera. Tal e como defende Saskia Sassen, as clases altas son cosmopolitas, globais cando queren, por que se van a limitar a investir, vivir ou relacionarse nun só estado? Por suposto que hai países aristócratas. USA non admite discusión, e non tanto pola súa potencia de armamento, que tamén, senón, sobre todo, polo poder do seu orzamento en investigación, que supera ao de todos os países europeos xuntos. Arredor da ciencia acaba sempre o poder. E o capital. Para algúns é máis preocupante a desigualdade que se produce entre o acceso ao coñecemento que entre países ricos e pobres, mais eu non a creo, pois sempre, ata agora, coñecemento, poder e riqueza foron indisolublemente unidos. O segundo estrato desta configuración do mundo estará formada pola inmensa masa de consumidores pasivos de imaxes e mensaxes. Esa masa vive na ilusión da liberdade, algo no que a aristocracia está especialmente interesada: en facer crer a esa masa que é libre. Dálle mandos a distancia para que pase dun canal de televisión a outro para ver o mesmo, permítelle que manifeste a súa opinión en internet como se a tivese, a maioría das veces non é opinión nin nada que se lle pareza, e cando o é, resulta inútil, non conta absolutamente para nada, cumpre máis ben unha función liberadora, evasiva, de engano comunitario, baixo a cal pensan que pensan cando só reproducen o que lles interesa aos que realmente pensan. Esta inmensa masa pasiva cumpre á perfección o modelo pantalla: esa cultura na que o centro da vida está na pantalla, pantalla da televisión, do ordenador, do móbil, de tódolos trebellos tecnolóxicos que nos permiten saír de nós mesmos, que nos arredan de espacios onde non existen relacións sociais, para deixarnos na entrada do que Augé chama Non Lugares, espacios onde non existe pasado común entre os que o frecuentan. (aeroportos, centros comerciais, multicines, parques temáticos), zonas onde a masa, guiada pala pantalla, saen de si para estar fóra de onde se está. É dicir: para non estar en ningunha parte. Ou, cando existe unha clase media forte, se refuxia en reaccións identitarias de tipo relixioso ou nacionalista, se pegar nacionalismo a relixioso non fose un pleonasmo. Instalados nesta democracia esquizofrénica, a masa peterrea coma se contase, coma se fose libre, cando non vive máis que nunha mera ilusión. Queda, por último, o estrato final, aquel que nin acceso ten ao consumo. Os desherdados. Aqueles que pelexan por incorporarse á ilusión da liberdade. Son estes tamén, case sempre, cosmopolitas, pois pretenden, onde sexa, incorporarse a esa ilusión de ser e de estar en algures. En calquera destes tres bloques existe un termino máxico, talismán, esixido por uns, utilizado como bandeira por outros: Liberdade. Os aristócratas proclaman o seu éxito grazas á liberdade. A masa consumidora refúxiase no engano de ser libre. Os desherdados pelexan e morren por alcanzar tal privilexio. Líbreme calquera deus de dicir algo contra da liberdade. Libre quérote, libre busco, libre penso, libro me expreso, libre me movo e desexo que se movan. O que me molesta e me irrita é cando nos venden o engado e nos camuflan de contrabando unha liberdade de opinión, de mercado, de residencia, de decisión política que non é máis nada ca un camelo, un badoco engano. Porque, deixémonos de monadas e admitámolo, a meirande parte dos sacrificios que nos venden como pago pola liberdade non serven nin por asomo para tapar o profundo desamparo no que nos obriga a vivir este tipo de nova aristocracia planetaria. Non é a esencia deste sistema a liberdade, non, éo un desolador desamparo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.