domingo, 8 de mayo de 2011

A MAXIA DE ATENDER

SENTÍN ben non poder asistir ao congreso que se celebrou na illa de San Simón sobre maxia e neurociencia. Hai algún tempo que sigo con interese os pasos da galega Susana Martínez-Conde, directora dun equipo de investigación en Foenix, porque a súa intención de conectar o saber artístico dos magos coas súas correspondentes leis neurolóxicas paréceme orixinal e de grande utilidade. Martínez-Conde foi para EEUU atraída por Hubel, recoñecida autoridade científica (curioso: outro grande investigador galego en EEUU, José M. Alonso López, comezou a súa formación á beira de Wiesel, quen compartiu con Hubel o Nobel do 81 polas súas investigacións sobre a percepción visual no nivel cortical), para máis tarde crear o seu propio laboratorio no que se mesturan as últimas técnicas para lograr evidencias experimentais con pintores, magos e carteiristas.
Aviva esta orixinal liña de investigación en Martínez-Conde a idea de que se fose capaz de comprender os mecanismos da manipulación, as habilidades para manexar a atención dos magos sobre o espectador, andaría cerca de chegar ás bases neuronais da consciencia. Para iso pasa horas nas Vegas dialogando cos mellores magos despois dos seus espectáculos, realiza congresos por todo o mundo con eles e publica investigacións nas que vai demostrando como a cegueira ao cambio ou por desatención nos impiden ver o que deberiamos ver sen inconveniente; como o noso foco de atención está dominado polo máis iluminado; como ignoramos e nos distraemos en base a diálogos internos que nos despistan; como pola atención conxunta, onde miran os demais, se non somos autistas, miramos todos...; como, incluso, reconstruímos erroneamente aquilo que nos parece lembrar ou, apoiando a consistencia cognoscitiva, pola cegueira á elección inventamos unha razón coherente para unha elección trucada. Os que traballamos no campo educativo -e calquera- vemos inmediatamente a utilidade desta investigación. Non só os estudantes con problemas de déficit por atención e hiperactividade se beneficiarían no coñecemento destes mecanismos. Calquera que desexa aprender sabe das dificultades da atención, das trampas da dispersión e da cegueira que nos invade no proceso de aprendizaxe. Coñecer e dominar a maxia da atención sería unha ferramenta valiosísima para que o aprendiz saiba dirixir voluntariamente a súa atención, aprenda a concentrarse e reciba os estímulos principais. E non digamos para o profesor, os descubrimentos de Martínez-Conde e as habilidades dos mellores magos non son hoxe suficientes para conducir algunha clase.

1 comentario:

  1. Estimado Miguel: descubro, un algo tarde, a verdade, o teu estupendo blog, polo que te felicito vivamente. Conta cun novo seareiro.

    Un saúdo.

    Armando Requeixo

    ResponderEliminar

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.