domingo, 8 de mayo de 2011

UN TIRO NAS PELOTAS

Espertei hoxe coma se toda a noite estivese soñando con Amedo, Domínguez e Garzón, que se cadra estiven. De Garzón xa sei que non se esqueceron grazas ao afán xusticeiro do xuíz Varela, pero de Amedo e Domínguez, especialmente se conto coa fortuna de ter entre os meus lectores algún que sexa novo, poida que non lles diga nada o nome de tales personaxes. Avívolles a memoria: Amedo e Domínguez eran dous policías encargados da guerra sucia contra a ETA que, arrepentidos, resentidos, tentados, protexidos, pagados, declararon diante do xuíz Garzón para sentar diante da xustiza aos responsables (a algúns) dos GAL, trama ideada desde o goberno para acabar con malas artes (boas pensaban algúns) coa ETA. A intención daquela banda (os GAL), ideada, pagada e controlada desde o Estado estaba clara: acabar cos terroristas perversos utilizando calquera método, mesmo o dos propios terroristas. A intención do xuíz Garzón, servíndose de Amedo e Domínguez e de todos os medios de comunicación, moitos, paréceme, máis interesados en acabar con Gozález que en velar pola pureza democrática, era defender o principio de que non serven medios ilícitos, que contradigan a lei, por máis que os fins sexan moi desexables. O resultado de toda aquela mala época xa a coñecen: moitos dos responsables daquel terrorismo de Estado acabaron sendo condenados, o máximo responsable quedou oculto detrás dunha X indescifrable, aínda que moitos puxéronlle nome, e Felipe González acabou por abandonar o poder. E Pedro J. Ramírez e outros especialmente motivados ata a saña para facer prevalecer o estado de dereito, celebraron coma un enorme éxito a dobre campaña mesturada de vixilancia democrática e acoso a quen non gustaba que os votos o elixisen unha e outra vez. Talvez hoxe espertei dándolle voltas a este período triste da nosa historia recente porque onte quedei tocado pola contundencia exhibida por un daqueles apaixonados defensores da lei. Refírome a Alfonso Rojo que comezaba os eu artigo nun diario madrileño, católico e monárquico para máis datos, con estas palabras: “Yo también siento que a Bin Laden le dieran un balazo en el pecho y lo remataran con otro en la cabeza. Y lo siento, porque antes le tenían que haber pegado un tiro en las pelotas.” Logo continúa argumentando, para xustificar apertura tan explosiva, sobre qué outra resposta merecería quen foi responsable dos atentados de Nova York, Madrid, Bali, etc. Recollo o argumento de Rojo non por único, simplemente por estar desprovisto de eufemismos e disimulos nos que se perden outros moitos que, como diría o articulista, levándose de mamonadas, non lle chaman ao pan pan e ao viño, viño. A esencia desta defensa non esixe demasiada eséxese: hai circunstancias, que todos entendemos, como diría Zapatero, nas que é lóxico e admisible e desexable e digno de condecoración que usemos a lei do ollo por ollo, dente por dente. Así parece aceptarse a nivel internacional. E a comprensión parece xustificable, loable, obrigada. Non sei se cerca de Obama haberá algún Garzón resentido por non telo feito ministro, se saltará algún Amedo ou Domínguez disposto a cantar as trapalladas que con todo amparo realizaban nas súas misións detrás dos malfeitores. Habería, tamén, que ver ata onde estarían dispostos os republicanos dos EEUU e a prensa para aplicarlle o torniquete ao presidente demócrata. É probable que o espírito de defensa nacional se antepoña e polos lares do Tío Tom e non prosperen operacións de limpeza democrática. O que está claro é que por aquí, salvando as distancias e diferenzas evidentes, moitos dos que na época de Garzón, Amedo e Domínguez demostraron unha pureza elevadísima de esixencia da aplicación da lei, agora están máis , antes de rematar ao perverso criminal, por pegarlle un tiro nas pelotas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.