domingo, 3 de julio de 2011

UNANIMIDADE

Non teño argumentos nin predisposición para dubidar do que manteñen o amigo Louro e o experto Mosquera: que as novas dedicacións dos concelleiros de Pontevedra (16 de 25 cobrarán) servirán para aforrar. Se cadra ata é completamente certo, non digo que non, que é unha maneira de se afastar da demagoxia para se adaptar á realidade e que o problema se está presentando dun xeito falaz. Mais aínda así, admítaseme o dereito a dubidar destas unanimidades primeiras e veloces da constitución de corporacións locais, nos parlamentos autonómicos ou no congreso dos deputados. É lóxico que de maneira tan continuada e sen excepción se chegue sempre á unanimidade neste asuntos das retribucións dos propios interesados? Non dá que pensar que non exista practicamente ningún outro asunto que mereza tanta concordia e inmediato acordo como os acomodos dentro do que se podería coñecer como “o meu choio é a política”? Acepto sen ningún tipo de reserva que a esencia da democracia é a discrepancia, o non estar de acordo. Propoñer visións distintas para solucionar os problemas é a raíz da discusión e pelexa en democracia. Se todos entenderamos a nosa organización e o modo de lograr o ben común con idénticas estratexias e métodos, carecería de sentido un modelo coma este, sempre considerado o menos malo, porque realmente ningunha experiencia demostra que poidamos prescindir del. Por suposto, os electores non votan aos seus representantes para que unanimemente decidan a política educativa, de impostos ou de urbanismo da cidade. Cada partido pretende adecuar as súas obras a un modelo co que os seus votantes, ao menos en teoría, din estar de acordo e queren que así se execute. E non só iso, senón que tamén é consubstancial coa conducta democrática que quen non goberna critique, fiscalice e levante a lebre no caso de que os que adquiriron a lexitimidade para gobernar cometan trapalladas, se ensilven en actos corruptos ou se desvíen de prácticas admisibles dentro das regras que rexen as formas desta maneira de nos organizar. Por iso é lóxico que a unanimidade non sexa frecuente, que custe alcanzala e que só en casos realmente excepcionais se chegue a ela. Pero, como é que só nos asuntos de dedicación dos propios políticos e nas súas retribucións se produza a única excepción da unanimidade? Levamos varios anos pasando por un momento crítico dende o punto de vista económico. Os expertos máis distantes coinciden en que dende o ano 29 do século pasado non se coñecía desfeita tan grave e perigosa. En España principalmente vivimos unha dramática carga co paro, que leva a millóns de persoas á máis triste e desolada das penalidades. Moitos mozos non ven saída ao seu futuro, pechadas as ilusións de atopar unha posibilidade laboral. Coinciden tamén políticos de todas as tendencias, ao igual que calquera enquisa de opinión que se lle pase á cidadanía, en que é este o principal problema que nos afoga neste instante. Algúns ata falan da necesidade dun goberno de concentración. Non é este un motivo que merecería algunha unanimidade? Non son capaces os distintos grupos de achar un mínimo acordo, unhas liñas básicas de circulación, aínda cedendo, aínda perdendo todos algo do seu, que nos demostre que son capaces de ser xenerosos polo ben da colecNon se trata de anular a proposta do contrario nin abdicar das conviccións propias, pero dá mágoa ver que só para este asunto nunca discutido, o da inmediata fixación do salario propio – sempre modesto, sempre razoable, sempre ben apoiado corporativamente por todos os membros do concello ou da cámara correspondente - se concorda, sen unha mínima nota crítica, todos os partidos en santa unión nun santiamén. Talvez ao amigo Louro e ao experto Mosquera lles pareza demagóxico reflexionar desta maneira, pero non deberían esquecer que os cidadáns levan tempo suspirando por un xesto, mínimo, só un, que demostre que os políticos saben estar á altura dos malos tempos polos que pasamos, demostrando que son quen a pospoñer unha miga os propios intereses. Aforrar con este tipo de unanimidades sempre resulta sospeitoso. Para a próxima, busquen outra unanimidade coa que tamén economicen e ao tempo sigan fuxindo da demagoxia de das discusións falaces

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.