Estes últimos días, por causa dun mal que atacou desapiadado a unha persoa moi querida, experimentei en propia carne a calidade e valor do noso sistema de saúde. Cando un tropeza de golpe coa cara descuberta do mal e da dor, aprécianse en vivo os espazos e medios técnicos, a capacitación profesional dos especialistas e a entrega dos traballadores públicos encargados de velar por aquelo que verdadeiramente merece a pena: a vida. E un comprende que se algo se conseguiu en España nos últimos trinta anos foi crear unha asistencia sanitaria pública modélica e que é envexada por moitos. Mágoa que se estean producindo movementos sutís, se cadra non de todo perceptibles, que pretenden cambiar os piares sobres os que se levantou este modelo. A este respecto paréceme moi pertinente e alertador o artigo de Joan Benach titulado “Avanzar hacia el pasado: la sanidad como mercancía”. Advírtenos o profesor en Saúde Pública que existe unha corrente de negocio mundial, que dende hai décadas está ávida por facer negocio coa saúde. Grandes empresas farmacéuticas, de seguros, importantes grupos con intereses tecnolóxicos e de construción, exercen presión sen descanso para mercantilizar a sanidade. Necesitados de negocio, os negociadores hábiles aplican para a sanidade unha estratexia simple: desprestixiar e debilitar a sanidade pública para que a privada teña posibilidades de lucro. E para isto haberá que repetir unha canción sen fin, comezando polos políticos e continuando con técnicos puros (é dicir, con ideoloxía pura), para que todos aprendamos as regras fundamentais das que ninguén debe dubidar: o sector público é insostible e o privado é moito máis eficiente, a saúde pertence ao ámbito persoal e cada un debe poder elixir como en onde se trata e, como elemento que engade culpa, os cidadáns son uns irresponsables que abusan do sistema. Estas son os ailalelos que non pararán de oír á presidenta da comunidade Madrid e os dirixentes cataláns, pois dende sempre esta ideoloxía regou as veas da dereita, convencida de que é a iniciativa e xestión privada máis eficiente e fiable que o servizo público. Como esta corrente se impoña, as consecuencias parecen claras. Paulatinamente, o sistema sanitario organizado con financiamento público, de acceso universal e cunha oferta ampla de servizos con independencia dos ingresos, posición social ou lugar de residencia do beneficiario, pasará a depender de grupos con un declarado interese de lucro, encargados de ir partillando o sistema ata convertelo en tres vertentes ben diferenciadas: a dos seguros privados para ricos, a seguridade social para traballadores e a beneficencia para o resto. As bases para que isto ocorra estanse asentando ao dar pé a novos sistemas de financiamento (en vez de impostos directos, por sistema de seguros), afrouxando na asistencia universal, retirando servizos que só pagando seguros privados se poderán recibir, empeorando a saúde pública ao non atender aos inmigrantes e persoas excluídas socialmente. Con todo isto, non a tan longo prazo, o perigo é que as clases medias abandonen o sistema público, quedando este como un sistema para pobres. Sería así como se lograría ir esnaquizando un sistema ben organizado, sostible, equitativo e que serve de envexa para moitos países, aínda que non para os amos do lucro e a mercantilización da sanidade. Ninguén se opón a melloras na xestión, a rigor na planificación e aforro e na vixilancia celosa deste ben público. En absoluto se rexeita a necesidade de atención constante para unha melloría na eficiencia. O que non se acepta é o cambio de modelo, a tampa de prestidixitación coa que se nos quere facer ver que, se o sistema estivese dominado polos ávidos de negocio e os expertos no lucro, a nosa saúde sería mellor. Estamos diante dunha tampa mortal. Como di Benach: “ La atención sanitaria debe ser un derecho ciudadano independientemente de la condición social y el lugar donde se viva y no una mercancía que solo consuman los clientes que puedan pagarla”. Iso conseguimos durante os últimos trinta anos en España. Se pouco a pouco nos van convencendo de que o modelo dominado polo lucro será máis eficaz, estaremos regalando un dos máis importantes logros da democracia aos que nin reparo teñen en negociar coa saúde: o peor negocio, o máis estúpido que un ser humano pode realizar. Porque cando a dor e o mal te collen pola caluga, nada vale máis que atopar uns servizos e profesionais entregados nun sistema de ben público, tal e como estes días podo comprobar acudindo aos servizos do Complexo Hospitalario de Montecelo en Pontevedra. Que este sistema mereza correccións e críticas, non debera servir para dar argumentos aos que pretenden lucrarse da nosa xoia da coroa.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.