sábado, 29 de septiembre de 2012

A RESISTENCIA DO ESTADO

Os problemas acumularanse, España disgregarase, o país iráselle das mans a Rajoy tal e como se lle dá ultimamente por anunciar a Rubalcaba, non levantaremos cabeza nin con rescate nin sen el, o políticos continuarán perdendo prestixio ao ritmo que baixa a bolsa, as institucións afundiranse máis no cavorco da lentitude e a inoperancia, pero podemos estar tranquilos, orgullosos máis ben debería dicir: contamos con forzas da orde a proba de protestas. O Estado resiste. Non hai máis que mirar para as imaxes recollidas polas televisións sobre a manifestación do día 25. Miren que ben armados os temos, que fortes, que decididos, que invencibles, que forzas modernas, adestradas e ben dirixidas. Como está comprobado que en toda manifestación de protesta e fastío sempre se camuflan, ademais de rapaces sen traballo e cidadáns pacíficos descontentos pero manexados polos fascistas das esquerdas de sempre, aprendices de terroristas, revolucionarios de cantina, antisistema, delincuentes e amantes da liorta, o Estado, facendo uso da súa lexítima potestade, utiliza as forzas que todos nos pagamos para que a orde nunca se perda, mil veces mellor duramente ordenados que anárquicos e descontrolados. Os presupostos de cada ano, a mellor radiografía das intencións dun goberno, xa nos adiantaron o que nos esperaba: podemos reducir as partidas en investigación, educación ou sanidade, xamais en equipos para que a policía exerza a conciencia a súa misión. Ía pasárselles ese detalle... Fallarán previsións de crecemento económico, cálculos nas partidas para potenciar o emprego ou erros de miles de millóns nos estragos cometidos por un banco, pero no que nunca se pode errar é no incremento e mellora de efectivos para manter a orde, esta orde. Porque, de momento, parece que interesa que non todo se vaia da mans. Haberá que termar do inestable, desta fráxil resistencia, para que non se derrube por completo o edificio. Non sería posible, pregúntome, sen embargo, unha inversión nas preferencias de gasto, incrementando traballo, educación e saúde rebaixando o presuposto e a necesidade de tanta policía? Non somos Greza, dicíase ata hai pouco, mentres se vían os manifestantes correndo por Atenas diante dunha policía, tamén alí ben armada e firme. Presumían os nosos políticos e dirixentes económicos das distancias e diferenzas substanciais entre un e outro país. A cada paso ese tic vaise perdendo e xa son poucos os que se esforzan por nos diferenciar. Cada vez máis a resignación e o pesimismo achéganos e aseméllannos aos helenos no peor. Ata os medios internacionais se afanan en mostrar o máis obsceno e groseiro das consecuencias da crise. Permiten os gastos sociais, as familias e a policía unha resistencia resignada diante da desfeita que non cesa, pero se cadra antes do pensado algún dos muros de contención poden abandonar o empeño sen capacidade para máis esforzo. Sen dúbida serán as partidas para gastos sociais as primeiras en abandonar o barco. Verán o que tardan en nos contar que non nolo podemos permitir, son tantos os parados e xubilados e enfermos que, aínda sen querer, debemos cortar, non hai arcas comúns que poidan con tanto gasto. Probablemente a continuación dimita a familia. Aguantará ata que máis non poida, pero se o deterioro persiste, nin os lazos familiares resisten o peso de tanto infortunio. Será, calculo, a policía o último baluarte deste temporal velenoso que nos pretende anicar no medo e desespero. Manterá o Estado esta defensa da orde como condición indispensable dunha esperanza de recuperación? Parece que si. Por iso tanta porfía e contente diante dunha demostración de forza e contundencia. Fixérono de marabilla, dinse os ministros do interior que foron e serán. É a maneira de se infundir ánimo e azos para continuar coa ilusión de que non está todo perdido, que aínda o control lles pertence e non se lles vai das mans nin o país nin nada, porque todo segue baixo control. Veremos. De momento parece que podemos estar tranquilos: non haberá traballo nin trazas del, nin crecemento económico e menos perspectivas de reactivación; nin xustiza social, nin diminución das diferenzas entre os moi ricos e os pobres; iremos pola camiño da eliminación dunha clase media serena, culta e acomodada, a que posibilita a democracia monótona e tranquila; non poderemos permitirnos unha educación laica e gratuíta, nin pagar a investigadores con formación e desexo de descubrir; estará por riba das nosas posibilidades unha sanidade universal e de calidade; será impensable manter un mínimo benestar porque todo iso son quimeras irrealizables; iremos perdendo dereitos os traballadores, salario os funcionarios, reducindo as pensións dos xubilados; non debemos ser ilusos con pretensións de que se combata a corrupción, a mafia e a chantaxe; nada disto poderemos soñar, porque sería pedir un mundo imposible, irreal, fantástico. Pero podemos estar tranquilos: non perderemos a orde, esta orde que garante a continuidade da dinámica que nos trouxo a onde estamos. De momento –veremos ata cando-, podemos sentirnos orgullosos, contamos cun Estado que pode manter a orde. E podemos dar cun croio nos dentes, todo podería empeorar se chegase o día no que tamén disto abdicase deixando nas mans do mercado o control da seguridade de cada quen. Sería o comezo da fin, a dun Estado tan fraco tan fraco que mellor deixarnos gobernar abertamente polas regras dos mafiosos máis groseiros.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.