miércoles, 5 de septiembre de 2012

ASCENSOR SOCIAL

WOODIE FLOWERS, fillo de mecánico que chegou a catedrático do MIT, non se anda polas ramas ao buscar a causa: as nacións caen na mediocridade e na decadencia cando se estraga o ascensor social. Cando os fillos dos presidentes chegan a presidentes, mal! Iso é porque os que mandan lograron que os seus fillos pasasen por diante dos fillos con máis talento dos demais. O país que avaría tódolos ascensores, que sutilmente vai rompendo toda posibilidade para o cambio grazas ao esforzo e o estudo, que por mil sutís estrataxemas vai creando un sistema no que a educación pública e universal queda reservada ao estrato social menos favorecido, está dando pé a que as elites se perpetúen e non se garantan vasos comunicantes imprescindibles para a renovación e o cambio social. Con setembro volven os alumnos ás aulas. Os políticos de todas as cores fártanse de repetir a importancia capital da educación para a innovación, saída da crise e que o país non esmoreza, pero a realidade non acompaña os discursos. Cambian gobernos, revísanse plans, pretende cada novo mandatario a súa reforma definitiva, pero o que observa o cidadán é unha pura pelexa de contrarreformas enguedelladas e confusas, sen estabilidade mínima, debidas a encontradas diferenzas ideolóxicas. A teimosía coa que se desprestixia ao profesorado encadrándoo dentro do funcionario lacazán, a redución persistente de recursos de todo tipo para o ensino público, por máis que se trate de exculpar con que se busca eficacia, e determinadas consignas de revolución pedagóxica permanente causan un desgaste constante e fino que vai favorecendo con máis descaro a división clara de dúas liñas de acceso á formación: unha privada para as elites e outra pública para o resto. A situación económica préstase para ir descargando unha choiva fina de deterioro que á larga pode resultar demoledora para o sistema público de ensino. Por aforrar mal e axustarnos a compromisos de déficit corremos o risco de esquecer a esencia de todo ascensor social: un ensino público universal, gratuíto e de prestixio, que se encargue de formar persoas capaces de aprender e ser críticas, e ás que lles compense en status e salario estudar. Se o plan de saída da crise obriga sen remedio a queimar os ascensores sociais que nos quedan en lugar de melloralos, mal futuro se presenta para as novas xeracións e para o país.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.